Os produtos lácteos que consumimos conteñen distintos tipos de proteínas. Entre estas, destacan as caseínas, que constitúen preto do 80% das proteínas presentes no leite. Dentro da beta-caseína, que representa arredor do 30% da proteína do leite de vaca, a A1 e a A2 son dúas das súas variantes. Agora, a biotecnolóxica AMSlab, a través da súa liña AMSfood, vén de lanzar un servizo de análise da presenza destas dúas variantes. Unha liña que responde ás necesidades dun mercado que busca, cada vez máis, ofrecer aos consumidores leite do tipo A2, máis dixeríbel e que evita as molestias estomacais, moitas veces asociadas de xeito errado a unha intolerancia á lactosa.
“O obxectivo desta análise consiste en certificar que os leites que se comercializan actualmente como Leites A2 (que só conteñen β-caseína A2) conteñan unicamente esa proteína, e que non estea presente a proteína β-caseína A1. Puxemos a punto unha metodoloxía analítica baseada en Proteómica e análise mediante HPLC-MS-MS, que nos permite distinguir ambas proteínas,” asegura Manuel Lolo, CEO da empresa lucense.
Unha mutación menos dixestiva
Orixinariamente, as vacas producían leite do tipo A2. Con todo, e debido a unha mutación xenética, o tipo A1 foi gañando terreo. Así, hoxe en día conviven tres xenotipos: A2A1, A1A1 e, as máis desexadas, as A2A2. En consecuencia, e de forma maioritaria, os leites comerciais existentes actualmente conteñen a proteína β-caseína A1 ou unha mestura de β-caseína A1 e A2. Pero, sendo ambas perfectamente válidas para o seu consumo, a diferenza entre unha e outra reside na súa forma de actuar no sistema dixestivo.
Existen estudos que indican que a proteína β-caseína A1 pode dar lugar a problemas gástricos ou autoinmunes nalgunhas persoas após o consumo de productos lácteos. Ao dixerir a proteína A, libérase unha fracción desta, o péptido chamado BCM7, que pode provocar efectos adversos relacionados con ese malestar estomacal. Esta provoca síntomas que se adoitan relacionar coa intolerancia á lactosa. Non obstante, algúns investigadores cren que, en certos casos, pode ser este péptido o que afecta á dixestión de forma negativa.
É por iso que, tanto consumidores como produtores e distribuidores de lácteos, buscan cada vez máis este produto de tipo A2. De aí que, desde fai un tempo, se estea comercializando leite que contén unicamente β-caseína A2, evitando así este tipo de doenzas aos consumidores.
O servizo de análise ofrecido pola empesa socia do Clúster Tecnolóxico Empesarial das Ciencias da Vida (Bioga) está dirixido a gandeiros, empresas leiteiras ou distribuidores, que busquen outorgar garantías do tipo de leite que producen ou comercializan. O obxectivo é ofrecer un maior control, á vez que aumentar a rendibilidade das explotacións e/ou producións. Isto último, debido a que este tipo de leite, polo momento, é dunha gama superior ou de tipo Premium e, polo tanto, o seu prezo no mercado é máis elevado.
Así é o leite (galego) sen a proteína que provoca molestias dixestivas
Deixa unha resposta