As vides galegas aproveitan menos do 50% da auga que reciben

Un estudo do Campus Terra achega ferramentas pioneiras para que o sector vitícola mellore a súa produtividade e a eficiencia dos recursos hídricos

Vides molladas pola rega

Os viñedos de Galicia aproveitan pouco máis da terceira parte da auga recibida en forma de precipitacións ou a través doutras formas de provisión de recursos hídricos. Esta é a conclusión principal da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) a investigadora do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) María Fandiño Beiro.

En determinadas épocas do ano, a elevada pluviosidade rexistrada en Galicia serve para cubir as demandas de recursos hídricos das vides. Porén, unha boa parte desta cantidade de auga non é aproveitada polas plantas, dado que pasa a percolación profunda e/ou escoramento superficial pola terra, explica a investigadora da EPS de Enxeñaría da USC. Así mesmo, Fandiño advirte de que a presenza de vexetación permanente —as plantas adventicias, coñecidas comunmente como “malas herbas”— nas plantacións de vides galegas obriga a facer unha avaliación específica das súas demandas hídricas.

Moita auga, pero moi repartida

Neste senso, as pescudas desenvolvidas pola autora do traballo permiten determinar que, se ben as cepas de vides dos viñedos galegos fan uso de entre un 30 e un 40% da auga recibida en forma de precipitación ou a través da rega, a cuberta vexetal existente consume outro terzo dos recursos hídricos dispoñíbeis, mentres que outro 40% desaparece por evaporación do solo. Un factor, este último, que, segundo precisa a autora, non pode entenderse como negativo, xa que aporta humidade á terra.

A tese, dirixida polo profesor Javier J. Cancela Barrio, constitúe un estudo pioneiro neste eido en Galicia, ao tempo que permite avanzar no coñecemento dos requirimentos de auga que presentan as vides galegas. Nesta liña, María Fandiño achega e presenta na súa tese ferramentas axeitadas para mellorar o proceso de adaptación da viticultura galega ao cambio climático. Un proceso no que a rega se antolla coma unha das técnicas agronómicas que terá máis relevancia a curto prazo.

O traballo desta enxeñeira agrónoma, avaliado cunha calificación de sobresaínte cum laude, recolle tamén os coeficientes culturais para xestionar a rega de xeito práctico para os viticultores, o que facilita así a transferencia dos resultados da investigación ao sector vitícola galego, a fin de que melloren a produtividade dos seus cultivos, optimicen a eficiencia no uso da auga e aumenten as súas producións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *