Combinar a cociña de sempre coas novas tendencias gastronómicas é unha das cousas nas que se vai avanzando en Galicia nos últimos tempos. Un novo exemplo é o lanzamento ao mercado dun produto baseado nunha receita da repostería tradicional pero cun certificado ecolóxico que lle da ao consumidor unha maior garantía do tipo de alimento que está a mercar. As galletas de nata de Fina Rei son unha mostra máis da aposta desta empresa familiar de Allariz por combinar o tradicional coa innovación.
Non é extraño que o lema principal do producto sexa “Reflexos do natural”, en referencia á elaboración con produtos naturais ou ecolóxicos, aínda que cabería pensar en outra idea defendida con forza dende Fina Rei: Coa receita de sempre, pensando en mañá.
Marcos Mosquera, fillo da muller que dá nome á empresa e socio da mesma, explica que a receita das galletas é a que levan empregando dende hai anos, pero agora se lle aporta un toque innovador ao engadirlle améndoa para potenciar e refinar o sabor. Deste xeito conséguese un produto cen por cen natural e coa ausencia de graxas transxénicas, hidroxenadas ou procedentes de palma ou coco. Tamén resulta excepcional na sua variedade con sabor nata e framboesa.
O envase é outra das másis sorpredentes novidades que presenta o produto. Foi pensado para non xerar residuos e é cen por cen biodegradábel. Unha vez que se termina o contido, pode reutilizarse como maceta, polo que se complementa cun sobre con sementes. Deste xeito, acelérase o proceso de degradación ao mesmo tempo que se pode gozar do crecemento dunha planta. O obxectivo final é o de chegar aos cero residuos.
Mosquera destaca que o lanzamento deste produto coincide co 50 aniversario da empresa e co mesmo quere lanzarse unha mensaxe de que nos próximos anos Fina Rei seguirá apostando polos produtos ecolóxicos e sostibles que, ao mesmo tempo, continúen respectando os valores da cociña tradicional galega que están na base do proxecto desta empresa ourensá.
“Os amendoados e tortas son un produto tradicional da gastronomía de Allariz e nos tratamos de introducir algunha novidade pero sempre co respecto á cociña tradicional”, engade Mosquera. As galletas e outros produtos de Fina Rei poden atoparse en distintas tendas delicatessen de toda España e en Galicia están presentes, entre outros lugares, nos espazos do Club Gourmet de El Corte Inglés. O negocio conta con tendas propias en Allariz e Ourense.
Ademais das galletas, Fina Rei comercializa outros produtos que se basean na longa tradición reposteira en Allariz, que se remonta á Idade Media e a comunidade xudía que viviu na vila nesa época. A Torta Real, por exemplo, é un produto que destaca polo seu sabor intenso a améndoa. Malia o seu aspecto dourado exterior, debido á cocción no forno, o seu interior garda un substancioso e saboroso corazón de améndoa que lle da ao produto o seu sabor característico. Trátase dun dos doces máis típicos da rica repostería da vila e a súa receita mantívose practicamente intacta dende hai séculos. Por suposto, é un produto cen por cen natural, sen aditivos.
Chocolates, bombóns e turróns son outros dos produtos que comercializa Fina Rei, sempre cunha aposta pola elaboración artesanal e baseada na tradición pero sen renunciar a engadir elementos innovadores. Nos turróns, por exemplo, contan con variedades moi especiais como turrón de marrón glacé, o de amendoado de Allariz, o de laranxa e canela ou o de licor de herbas.
Fina Rei aposta polos produtos ecolóxicos e sostibles que respectan os valores da cociña tradicional galega
Josefina Rey Beiró, a muller que da nome á empresa, naceu no ano 1937 en Dodro (A Coruña) pero en 1961 trasladouse co seu marido a Allariz e alí comezou a coñecer os doces típicos da vila. En 1971 crearon o obradoiro de repostería que leva o seu nome e que hoxe é xa unha empresa de prestixio no sector. Ela retirouse da actividade hai xa algúns anos, pero os seus fillos seguen ao fronte do negocio e herdaron da súa nai a paixón pola repostería tradicional e de calidade.
Medio século despois de impulsar aquela aventura empresarial con raíces na tradición, hoxe en día Fina Rei segue a manter os mesmos valores que a levaron a iniciar aquel proxecto, pero incorporou algúns elementos innovadores que sempre son necesarios para que as iniciativas medren. “Nós sempre demos prioridade á xente, ao bo facer e á calidade fronte á cantidade. Tamén apostamos pola creación fronte á imitación e aspiramos a continuar estendendo eses valores a través dos produtos que elaboramos”, conclúe Mosquera.
Co gallo da celebración dos 50 anos do nacemento da empresa, dende Fina Rei están a afondar na súa aposta polos produtos ecolóxicos e sostibles. De aí que puxeran en marcha tamén o envasado de tortas en caixas de madeira, que contribúen a unha mellor presentación do produto e lle dan un valor engadido ao mesmo. Os valores tradicionais da repostería de Fina Rei quedan reforzados cunha presentación coidada que fan este tipo de produtos aínda mais atractivos para o público.
Deixa unha resposta