Na procura de novas variedades locais do pan galego

Unha tese presentada na USC aboga por evitar a desaparición de variedades autóctonas de trigo ante o dominio de Callobre e Caaveiro

Pezas de pan e espigas de cereal. / Foto: Santi Alvite (USC)

O Pan Galego está a esculcar novas sementes de trigo a fin de atopar máis variedades locais. Así o plasma a tese de doutoramento do investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) Luis Urquijo Zamora. A investigación responde ao interese de reverter, cando menos en parte, a tendencia á desaparición das variedades locais que se constata nas últimas décadas, ao tempo que pretende servir para minimizar o risco de que as variedades locais aínda existentes poidan ser desprazadas polas dúas variedades autóctonas (Callobre e Caaveiro), que xa están rexistradas na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV).

Nesta conxuntura, Urquijo Zamora considera “indispensable” avanzar no rexistro de novas variedades de conservación para evitar que o aumento do cultivo se faga en base tan só a dúas variedades. O seu traballo, titulado ‘Estudo agromorfolóxico e caracterización das gluteninas de alto peso molecular dos ecotipos autóctonos galegos de Triticum aestivum L.’, foi dirixido por Luis Alberto Oliveira Prendes e Benigno Ruiz Nogueiras, profesores da Universidade de Oviedo e da EPS de Enxeñaría da USC, respectivamente. Presentouse recentemente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

O Pan Galego é unha Indicación Xeográfica Protexida inscrita no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas e de Indicacións Xeográficas Protexida, e a través da que se pretende potenciar o uso de variedades locais de cereal, dado que o recoñecemento desta inscrición xa publicada no DOG obriga ao uso de fariñas elaboradas en parte con trigos autóctonos.

Luis Urquijo pan galego

Luis Urquijo, entre os directores da súa tese de doutoramento, Benigno Ruiz e Luis Alberto Oliveira, na EPS de Enxeñaría da USC

Urquijo Zamora estrutura a súa tese de doutoramento en dúas partes. Na primeira, este investigador acomete a caracterización das gluteninas (proteínas que interveñen na panificación) de alto peso molecular, como factores principais da calidade panadeira das 199 accesións (“entradas”) de trigo que se atopan no Banco de Xermoplasma de Cereais de Inverno do CIAM, que esta institución recolleu en varias expedicións por toda Galicia entre os anos 2003 e 2014. Na segunda, recolle os datos dos ensaios de campo desenvolvidos en Mabegondo durante tres anos para a caracterización agromorfolóxica, botánica e de calidade de gran de 110 ecotipos de trigos, incluídos nos 199 do Banco de Xermoplasma autóctono.

O estudo revela un alto risco de erosión xenética e advirte da pertinencia da súa conservación

As conclusións das pescudas e dos ensaios de campo desenvolvidos por Urquijo Zamora son diversas, dado que esta tese de doutoramento permite constatar a existencia dun grande polimorfismo para as gluteninas HMW, suxerindo a presenza dun ‘pool’ xenético separado do resto da Península Ibérica, ao tempo que salienta un alto risco de erosión xenética e advirte da pertinencia da súa conservación, dado que boa parte deses novos alelos atopados xa non están nos cultivos de trigo dos eidos galegos.

Asemade, outro dos aspectos sobre os que fai fincapé a investigación atinxe á presenza de algúns alelos de boa calidade panadeira con alta frecuencia na colección galega, pero pouco habituais en coleccións españolas e doutros lugares.Isto evidencia a posibilidade do seu uso futuro en programas de mellora xenética do trigo, conclúe Urquijo Zamora.

Ecotipos galegos

O estudo agromorfolóxico e de calidade de gran incluído nesta investigación permite coñecer a grande variación existente nos 110 ecotipos galegos, ao tempo que dá conta da correlación que existe entre algúns descritores utilizados. Outra das achegas que reporta o traballo desenvolvido por este investigador do CIAM é o agrupamento de todos os ecotipos en 18 grupos mais homoxéneos, unha contribución que permite coñecer mellor a colección de trigos de cara a futuros ensaios agronómicos, á vez que posibilita detectar duplicidades que se poderían eliminar con estudos posteriores.

Doutra banda, esta tese de doutoramento, que mereceu a cualificación de sobresaínte cum laude, antóllase como unha ferramenta útil cara a un futuro proceso de homoxeneización das mellores variedades locais, como paso previo a solicitude do seu rexistro como variedades de conservación na Oficina Española de Variedades Vexetais, fomentando así o seu uso ‘in situ’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *