A empresa lucense AMSlab desenvolve xunto ao Grupo Iñesta, empresa fabricante de abonos e fertilizantes, o proxecto Bioentonomy, co que se investigan e desenvolven novas solucións para o sector agrícola a través dos insectos como fonte animal renovable. Segundo os seus impulsores, “Bioentonomy pretende romper co modelo convencional de produción e avanzar cara a unha agricultura máis sostible minimizando o seu impacto ambiental e maximizando a utilización dos recursos”.
No proxecto tamén colaboran a Universidade de Santiago de Compostela, Xenotechs Laboratorios (spin-off da USC e o CSIC) e AMSbiopharma (spin-out de AMSlab). O obxectivo xeral céntrase no aproveitamento de residuos da industria hortofrutícola a través de estratexias de biotecnoloxía de insectos para a obtención de novos produtos con potencial para o seu uso como insumos agrícolas. A utilización de insectos permitirá aumentar o valor engadido dos subproductos a valorizar dando lugar a unha fonte de proteínas e lípidos, principalmente, de gran interese para a industria agrícola.
Así, preténdense obter extractos bioactivos a base de lípidos e aminoácidos e/ou péptidos con potencial agronómico para seren incluídos nunha formulación final comercializable con potencial bioestimulante, anti-estresante e/ou indutor de defensas, a partir dunha nova fonte animal renovable como son os insectos. Desta maneira, búscase deseñar un proceso sostible e respectuoso co medio ambiente para unha produción alternativa aos procesos de síntese. Neste sentido preténdese romper co modelo convencional de produción e avanzar cara a unha agricultura máis sostible minimizando o seu impacto ambiental e maximizando a utilización dos recursos.
Como resultado final obteríase a mellora de certos produtos destinados ao sector agrícola a través do uso de compostos beneficiosos obtidos de insectos que se alimentan dos residuos da industria agroalimentaria.
O consorcio que dá vida a este proxecto abarcará actividades de deseño, análise, purificación, formulación e validación co fin de obter produtos de residuo cero e aptos para agricultura ecolóxica a partir dun proceso aliñado coa estratexia española de economía circular.
Este proxecto atópase enmarcado dentro da convocatoria de Proxectos de I+D, subvencionado polo CDTI, apoiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e cofinanciado con Fondos Estruturais da Unión Europea (FEDER) dentro do «Programa Operativo de Crecemento Intelixente 2014-2020». O desenvolvemento do mesmo supoñerá unha mobilización dun investimento de 642.774 euros de orzamento total.
Deixa unha resposta