Os fungos que viven dentro da verza melloran o seu cultivo

Científicos da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC presentan o primeiro traballo a nivel mundial que aborda o papel destes microorganismos na 'Brassica oleracea'

Mollo de verzas e, debaixo, os diferentes fungos estudados pola MBG na verza. Foto: Pixabay/MBG.

A Brassica oleracea, nas súas diferentes variedades, é un dos vexetais máis relevantes para a alimentación. O seu cultivo durante miles de anos provocou adaptacións que deron lugar a plantas como a col brava, o brócoli, a coliflor ou a verza. Estas últimas foron obxecto dunha investigación desenvolvida polo grupo de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), que conta con máis de 30 anos de experiencia nestas plantas, e que se publica agora en Scientific Reports.

Esta pescuda dou pé ao achado dos efectos positivos dos fungos endófitos (os que se desenvolven dentro das plantas, sen causar ningún dano) na verza. Entre outras vantaxes, o estudo duns 30 taxóns de fungos atopou que algúns deles impulsaban o crecemento da planta e a tolerancia ao frío, outros activaban a resistencia á bacteria patóxena Xanthomonas camprestris, e outros conferían protección contra as larvas de Mamestra brassicae, a couza da verza.

“Sábese que estes fungos, que serían algo similar ás nosas bacterias intestinais, habitan dentro dos cultivos e achéganlles nutrientes, axúdanlles a defenderse contra animais herbívoros ou patóxenos ou contribúen a unha maior tolerancia fronte a condicións ambientais adversas”, explica Pablo Velasco Pazos, científico titular do CSIC, quen engade que “polo momento, non se estudou demasiado sobre a diversidade dos fungos endófitos nas brásicas, e ata a data non había ningún estudo relacionado coa verza”.

Para abordar este traballo, o grupo de investigación illou das raíces de verza unha ampla variedade destes fungos. Posteriormente, a partir das raíces de cinco variedades locais deste cultivo, obtivo máis de 300 fungos illados que, tras estudos morfolóxicos e moleculares, agruparon en 30 especies distintas. “Observouse que dos 30, dous estaban presentes nas cinco variedades e a maioría só nunha delas, o que revela a gran diversidade e variabilidade destes microorganismos”, apunta Pablo Velasco.

En segundo lugar, dos 30 fungos seleccionaron 10 para estudar o seu potencial uso na mellora do cultivo, o que implicou introducilos novamente nas raíces da verza e comprobar os seus efectos na planta. E constatáronse os diversos beneficios.

“Con este estudo ábrense resultados prometedores nesta nova liña, iniciada en 2016 por Pablo Velasco Pazos. Os seguintes pasos serán profundar no coñecemento destes fungos e en determinar como son capaces de vivir nas raíces das brásicas e de mellorar o seu cultivo. Para iso, estamos a solicitar novos proxectos en convocatorias de concorrencia competitiva”, apunta Elena Cartea González, xefa do grupo de investigación.

A investigación desenvolveuse no marco do proxecto “Metabolitos secundarios en Brassicaceae: implicacións na mellora xenética e resistencia a estreses”, financiado pola Axencia Estatal de Investigación

Referencia: Brassica oleracea var. acephala (kale) improvement by biological activity of root endophytic fungi (Publicado en Scientific Reports).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *