A lamprea rexorde trala Covid: boa tempada e mellores previsións desatan o optimismo

Satisfacción nas pesqueiras do Miño, onde a primitiva especie se captura seguindo métodos tradicionais cuxa orixe se perde no tempo

O Miño é un dos ríos de pesca de lamprea. Foto: Concello de Arbo.

A actual tempada de lamprea está a ser positiva nas pesqueiras do río Miño, onde esta primitiva especie se captura seguindo métodos tradicionais cuxa orixe se perde no tempo. Unha situación favorable que chega despois de que o pasado ano case non houbese campaña debido as restricións derivadas do estado de alarma declarado por mor da Covid-19.

Segundo explica o presidente da asociación de pescadores O Trabadoiro, Ángel Fernández Expósito, o pasado ano o Miño levaba menos caudal e, ademais, debido ao estado de alarma, soamente se permitiu pescar unhas poucas semanas durante o mes de maio. Porén, as restricións vixentes actualmente si permiten a actividade e, ademais, este ano o río leva máis auga. “A situación mellorou respecto ao ano pasado”, incide o representante da asociación, que agrupa a pescadores dos concellos de Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra.

Nesta zona do Miño sigue funcionando a pesca tradicional nas pesqueiras, unhas estruturas pétreas de grande antigüidade nas que se captura a lamprea colocando unha rede con forma cónica chamada biturón. Estas pesqueiras manteñen o réxime tradicional de herdeiros, semellante ao dos muíños hidráulicos: un sistema a través do que se establecen as quendas de pesca, ao igual que nos muíños de herdeiros acontece coas quendas de moenda. No caso das pesqueiras, debido a súa gran antigüidade, hainas “con máis de 100 herdeiros”, explica Fernández.

O pescador destaca o gran valor patrimonial das pesqueiras e as artes tradicionais de captura da lamprea e alerta dos perigos que supón o paulatino abandono da actividade. “Estanse a perder ao caer en desuso, pero son un patrimonio de todos”, lembra. Ao mesmo tempo, achega algunhas cifras para ilustrar a situación: “Se na parte española había unhas 360 pesqueiras nos anos 50 -do pasado século- hoxe quedan activas unhas 110, sendo algunhas construcións antiquísimas”, manifesta.

Autoconsumo

Tendo en conta as boas condicións que este ano presenta o Miño para a pesca de lamprea, o representante de O Trabadoiro apunta a que posiblemente nesta tempada teña habido un lixeiro aumento na solicitude de permisos. Ao constatarse que o río leva un bo caudal, “a xente anímase”, sinala.

A captura de lamprea nas pesqueiras do Miño é unha actividade tradicional que vai destinada maioritariamente ao autoconsumo, pois é moi difícil que esta pesca xere o suficiente para poder facer fronte aos custos de estar dado de alta como autónomo. Neste sentido, Ángel Fernández reclama a creación dun “marco legal” que permita a estes pescadores vender o seu excedente así como a posta en marcha dun “punto de venda” no que poidan poñer o seu produto no mercado.

Outra das súas reivindicacións ten que ver coa defensa da calidade que presenta a lamprea nesta zona de capturas e, nese senso, solicita a creación dalgún “selo de calidade” que recoñeza a orixe do produto e o distinga do que se pesca noutros lugares. Segundo apunta, sería a forma de que “unha persoa que quere unha lamprea pescada nunha pesqueira tradicional poida saber exactamente que é o que lle poñen na mesa”.

Diferentes preparacións de lamprea. Foto: Concello de Arbo

Diferentes preparacións de lamprea. Foto: Concello de Arbo

Lamprea de Arbo

Cada ano a finais de abril Arbo celebra a súa Festa da Lamprea, pioneira das celebracións gastronómicas de Galicia e declarada de Interese Turístico Nacional. Este ano, no que o evento chega á súa edición número 61, están en estudo diferentes posibilidades para conmemorar a cita en función da evolución da pandemia.

Nese senso, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, avanza que, se ben neste 2021 a tradicional festa gastronómica non se poderá celebrar coa mesma programación que se adoitaba desenvolver antes da chegada da Covid-19, actualmente estase a valorar a posibilidade de desenvolver algunha iniciativa compatible coas restricións vixentes no momento.

Tamén apunta que, para o verán, a intención é realizar algún tipo de acto coincidindo coa Festa da Lamprea Seca que se celebra no mes de agosto. Porén, apela á cautela e insiste en que “todo queda supeditado a como evolucione a situación” relativa á Covid-19.

A lamprea e os viños do Condado “son un dos principais sinais de identidade do concello”, lembra Horacio Gil, quen destaca que “son moitos os amantes da lamprea que acoden a Arbo cada ano” para degustala, descubrir o seu valor patrimonial e coñecer o entorno; cos efectos positivos que isto ten en sectores como a hostalería, a restauración, o turismo rural e o de lecer ao aire libre e deportes de aventura.

O rexedor maniféstase esperanzado en que a anunciada ampliación de horarios de apertura para a hostalería “contribúa a axudar a un sector tan castigado” pola pandemia, ao tempo que desexou que “a responsabilidade e a prudencia de todos permita seguir avanzando nunha desescalada lenta, firme e segura”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *