Agroecoloxía fronte o cambio climático: o proxecto que lidera Lugo con fondos europeos

O programa do campus da USC contempla a creación dunha rede de laboratorios vivos para loitar contra a erosión ou a perda de biodiversidade

Plantación agroecolóxica. Foto: USC

O grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, coordinado pola catedrática María Rosa Mosquera Losada, lidera en España o proxecto europeo a prol da transición agroecolóxica AE4EU, un programa internacional coordinado polo Instituto Superior de Agricultura Rhône-Alpes que conta con preto de dous millóns de euros de financiamento achegados de fondos europeos.

O proxecto a prol do impulso das prácticas agroecolóxicas en Europa reúne entre os seus participantes a 12 socios de diversos países do vello continente, un consorcio que traballará ao longo de tres anos ata 2023 co obxecto de apoiar e impulsar un marco acaído para desenvolver unha rede europea de laboratorios vivos agroecolóxicos, ademais de novas infraestruturas de investigación e espazos de aprendizaxe para agricultores, así como para investigadores e demais actores da sociedade civil.

A agricultura e os sistemas alimentarios europeos ven fortemente afectados por un gran número de retos como a erosión e a degradación do chan, a calidade da auga, a perda de biodiversidade, a inseguridade alimentaria, o acceso á terra e outros recursos produtivos, o endebedamento dos agricultores, a perda de explotacións ou o cambio climático, subliñan desde o grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da EPS de Enxeñaría.

Rosa Mosquera: “A agroecoloxía en crave no respeto a biodiversidade e para acadar impactos xustos”

A agroecoloxía, engade Rosa Mosquera, como forma de deseñar, desenvolver e promover a transición cara a sistemas agrícolas e alimentarios “respectuosos coa biodiversidade, de baixo impacto ambiental e social e economicamente xustos, aparece como un enfoque crave para afrontar estes retos”.

A catedrática da USC sinala neste senso que o proxecto AE4EU, cuxas primeiras sesións de traballo comezaron en xaneiro, ten como obxectivo principal favorecer unha transición de éxito cara a agroecoloxía a través dun forte desenvolvemento con accións conxuntas ambiciosas e a longo prazo a nivel europeo nos eidos da investigación, innovación, redes, formación e educación.

A creación e posta en marcha dunha rede europea de laboratorios vivos e a conseguinte participación de diferentes actores de diversos horizontes e sectores, permitirá aos socios implicados neste proxecto incluído na estratexia Horizonte 2020, analizar a agroecoloxía a través dos seus diferentes alicerces, desde a óptica da ciencia, pero tamén como conxunto de prácticas e como movemento social, conclúe Mosquera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *