Os berberechos e a ciencia alíanse para vencer ao parasito da marteiliose

O proxecto europeo Cockles, liderado desde Galicia, detecta variantes xenéticas resistentes á enfermidade, fronte á que xa se deseñan novas estratexias

A produción de berberechos involucra a un importante número de traballadoras nas rías galegas. Foto: USC.

A alarma saltaba na ría de Arousa na primavera de 2012. Os protozoos do xénero Marteilia non eran descoñecidos en Galicia, xa que afectaran no pasado a outros bivalvos, como o mexillón. Pero a Marteilia cochilia, outra especie do mesmo xénero, chegou e deixou, en poucos meses, un panorama case que catastrófico: arrasou bancos enteiros de berberechos na ría por mor da coñecida como marteiliose: unha enfermidade parasitaria que impedía a alimentación da especie Cerastoderma edule, ao destruír o seu sistema dixestivo ata matalo por inanición, e tamén afectaba á fecundidade, pois impedía que o animal adicase enerxía a este cometido. Os datos das lonxas amosaban a magnitude do problema: se entre xuño e agosto de 2011 se subastaran máis de 150.000 kg de berberecho, no 2011 caeu ata só 3600 kg.

O impacto en Arousa, unha das rías máis relevantes do mundo en canto á produción de bivalvos, foi moi notable, e a marteiliose tamén se estendeu as rías de Vigo e Pontevedra. Afortunadamente, contívose a enfermidade noutros esteiros importantes para o cultivo dos berberechos, como o de Muros e Noia (principal zona produtora) ou o do Anllóns. E desde o momento no que se detectou o parasito, diversos grupos científicos puxéronse a buscar solucións, en colaboración cos sectores afectados directamente pola enfermidade.

Deste problema, e tamén co obxectivo de mellorar de forma integral a xestión do recurso dos berberechos na área atlántica, púxose en marcha o proxecto europeo Cockles. Compúxose tun consorcio de equipos de Galicia, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, con 11 institucións asociadas, e outras 12 implicadas, aínda que sen financiamento directo da UE, coordinado por Rosa Fernández Otero desde o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), fundación pública con sede en Vigo. Este mes de marzo, despois de tres anos de traballo, o consorcio presentou as súas conclusións nunha conferencia na que tomaron parte varios dos investigadores implicados. A recta final do proxecto foi un importante desafío, segundo destacan os  actores implicados, por mor das restricións da pandemia ao tempo que se coordinaban grupos de cinco países diferentes.

Obxectivos e resultados de Cockles

O coñecemento compartido en Cockles procedía de moitos anos de colaboración entre institucións universitarias, como a USC, Aveiro ou Lisboa (Portugal) Cork (Irlanda), Burdeos e Caen (Francia) ou Bangor (Gales), o Centre for Ecology and hydrology, tamén en Bangor (Gales), que forma parte do National Environmental Research Council (NERC) do Reino Unido, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera, o propio CETMAR e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. A este centro pertence Antonio Villalba, un dos científicos que desde a aparición da marteiliose está a buscar as posibles causas e solucións do problema. “En Galicia, onde o berberecho é unha especie comercial, si que había bastante coñecemento acumulado, pero noutras áreas da costa atlántica apenas se fixera investigación”, lembra Villalba, polo que a convocatoria Interreg da Unión Europea foi unha oportunidade para unir todo o aprendido.

Ademais da necesaria investigación da marteiliose, o consorcio afondou noutras das ameazas que poden afectar á especie nas costas dos países implicados, como as especies exóticas invasoras e outras enfermidades. En relación a isto, prestouse especial atención, por exemplo, á capacidade de resposta do bivalvo a través do seu sistema inmune para facer fronte a estes patóxenos. Tamén se estudou  a diversidade poboacional e a relación entre os individuos de cada unha das áreas, os beneficios económicos, sociais e culturais dos servizos ecosistémicos que achega o berberecho ás comunidades costeiras e a exploración das consecuencias do cambio climático nestas poboacións.

Avances contra a marteiliose e outras doenzas

As doenzas que afectan a moluscos, de feito, son unha liña relevante para a ciencia en Galicia, pois unha investigación impulsada polo xenetista José Tubío, que actualmente traballa no CiMUS de Santiago, acadou financiamento na prestixiosa convocatoria Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), co obxectivo de estudar os cancros transmisibles en bivalvos. E desde o propio CIMA, outros grupos buscan tamén superar a marteiliose a través de proxectos como Croquedous, co que se desenvolveu un programa de selección xenética para producir berberechos C. edule resistentes á enfermidade, acadando unha segunda xeración que amosou unha resistencia significativa ao patóxeno.

Como lembra Antonio Villalba, xa desde 2012 se teceu unha rede de colaboración coas confrarías afectadas e organismos co Intecmar e MeteoGalicia. Púxose en marcha o traballo de campo para atopar marcadores moleculares que puideran dar pistas sobre o desenvolvemento do parasito. Para este traballo foi clave a achega do grupo Acuigen, da Facultade de Veterinaria de Lugo, coordinado polo catedrático Paulino Martínez e especializado na investigación xenética en acuicultura.

Pegada da marteilia na glándula dixestiva dos berberechos. Fonte: Cockles.

Pegada da marteilia na glándula dixestiva dos berberechos. Fonte: Cockles.

Ata arredor do 2016, o panorama era desacougante, segundo explica o científico do CIMA. “Había recrutamentos novos nos bancos máis afectados, como o dos Lombos do Ulla, na parte máis interior da ría, ou o do Sarrido, en Cambados, pero aos poucos meses aparecían mortalidades enormes”. A produción do berberecho en Arousa quedou case que paralizada. Porén, algo cambiou a partir de 2017. “Comezamos a observar diferenzas cos patróns previos; o ritmo co que aumentaba a mortalidade parecía ser máis lento, e xa no 2019 houbo unha porcentaxe importante de berberechos que sobreviviu”.

Adaptación e estratexias para evitar a marteiliose

Mentres a ciencia buscaba respostas, a propia natureza trouxo unha boa noticia: todo apunta a que os berberechos desenvolveron, despois de anos de enfrontamento co parasito, estratexias de resistencia. “Temos que seguir estudando isto, pero hai marcadores moleculares e xenéticos nos berberechos das poboacións que resisten a marteiliose que non están, por exemplo, nas poboacións da ría de Muros e Noia”, onde non chegou o parasito.

As investigacións posteriores achegaron máis resultados interesantes. “Estamos a realizar experimentos nos bancos marisqueiros. Nun criadeiro da Estación de Ciencias do Mar de Toralla (ECIMAT), en Vigo, producimos sementes de dúas orixes; por unha banda, dun banco que nunca se enfrontara á marteiliose e, por outra, un banco enfrontado ao patóxeno desde 2012, con hipotética resistencia desenvolvida por selección natural. As sementes das dúas orixes foron trasladadas a dous bancos marisqueiros de Arousa xa afectados, e confirmamos que os exemplares de lugares afectados xa desenvolveran unha resposta mellor cós outros, que morrían en moita maior proporción”.

En relación a isto, estanse a desenvolver procedementos de selección de estirpes máis resistentes, nas que aparezan os marcadores relacionados cunha maior resistencia, e xa se experimenta con sementes producidas nos criadeiros e engordadas en bateas de Arousa que poidan usarse nos bancos afectados.

Por que chega a marteiliose, ou por que non

A pesar dos avances acadados, o combate contra a marteiliose está lonxe de acabar. Nalgunhas zonas seguen a producirse mortalidades elevadas e, ademais, cómpre saber máis sobre a orixe do parasito e os factores que inducen a súa propagación ou a severidade do dano que causa. Alén das investigacións en criadeiros e laboratorios, os investigadores do proxecto e as propias confrarías e demais axentes afectados traballan cun material moi delicado, polo que un mal paso podería poñer en risco o traballo de moitas persoas. Por isto insisten en extremar as precaucións á hora de mover berberecho duns bancos a outros.

“É importante investigar por que chega a Marteilia a determinados lugares, pero tamén por que non o fai”, destaca Antonio Villalba. Sobre isto, traballan con dúas hipóteses: “Por unha banda, cremos que a súa aparición pode gardar relación coa maior presenza de depuradoras nas rías máis ao sur. É probable, por exemplo, que a Marteilia puidera proliferar a partir de marisco doutros lugares que se depurou nestas zonas”.

Porén, para Villalba hai outra hipótese máis plausible: “No ciclo de vida da Marteilia sabemos que hai polo menos un hospedador intermedio. Cando non está presente, non se pecha o ciclo e, por tanto, o parasito non prolifera; a nosa hipótese é que este hóspede non está presente, ou ben está en moita menor medida, nas zonas ao norte de Arousa”. As miradas apuntan neste caso a Paracartia grani, un crustáceo copépodo que pode levar con el o protozoo letal para os berberechos.

Con Cockles non acaba, nin moito menos, a investigación para mellorar todo o que rodea á conservación e produción dunha especie que en Galicia ten un interese moito maior ca noutras rexións. Un dos froitos destacados da colaboración é un inventario de parasitos e enfermidades que afectan á especie, e que servirá como guía para afrontar posibles retos no futuro.

Entre outros retos para o futuro, contémplase a posibilidade de buscar posibles marcadores que indiquen maior resistencia a episodios de baixa salinidade, outro dos problemas que causan importantes mortandades na especie. Os avances acadados polo grupo Acuigen durante o proxecto Cockles, coa caracterización do xenoma do berberecho, poderían facilitar no futuro estas novas investigacións.

Como destacaba recentemente Paulino Martínez, do grupo Acuigen da USC, o C. edule é recurso mariño de máxima calidade, pero pouco apreciado noutras áreas. “Galicia, ademais de ser un importante produtor, é tamén o principal importador dun molusco cuxo consumo non está xeneralizado fóra da comunidade”, dicía Martínez.

 

Toda a información sobre o proxecto Cockles pode consultarse no web do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *