A comarca de Quiroga produce anualmente uns 40.000 litros de aceite. Un dos proxectos que xurdiu nesta zona está pelexando por obter unha excelencia a nivel mundial. Non é estraño pois que este líquido tan prezado leve o nome de Ouro de Quiroga. A iniciativa xurdiu no ano 2014 e detrás dela están Manuel Maseda, Jesús Bao e Julio Quiroga.
O pai de Jesús traballou nos muíños antigos de pedra que aínda persisten na zona e nos que elaboraba aceite. Foi dos pioneiros da comarca en apostar pola maquinaria moderna, co que evitou que se perdese a tradición en Quiroga. Aquí funcionaban entón coas maquilas. Cada veciño levaba as súas aceitunas e na empresa oliveira facíanche o teu propio aceite. Co salto do muíño antigo ao moderno, os quirogueses puideron seguir recibindo o seu aceite de forma anual.
Galicia é terra de oliveiras centenarias. A pesar de ser este un cultivo asociado ao sur e ao mediterráneo, os romanos deixaron un legado na nosa comunidade que na comarca de Quiroga non se perdeu. E iso a pesar de que primeiro os Reis Católicos e logo Felipe IV, fixeron cos seus impedimentos que fosen desaparecendo as oliveiras da nosa paisaxe e cortando o progreso dunha zona que no século XV tiña unha importancia notable.
O rexurdimento na comarca
Na actualidade o aceite vive un rexurdimento nesta comarca. Son tres as empresas locais que comercializan aceite baixo o selo propio do concello de Quiroga. Ademais de Ouro de Quiroga, tamén o fai Val de Quiroga, e Aceiroga. Outros pequenos produtores do municipio contan tamén co permiso necesario do Concello para poderen empregar a contraetiqueta municipal de Aceite de Quiroga, unha marca que foi rexistrada polo concello no ano 2010. O concello de Quiroga e varios colleiteiros iniciaron no 2015 unha serie de contactos coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) para obter unha marca de calidade que distinga e protexa legalmente este produto. O pasado ano o alcalde, xunto cos produtores, presentaron na Xunta a solicitude para a creación dunha Denominación de Orixe específica para o aceite de oliva desta comarca, na que hai na actualidade unhas 30.000 oliveiras.
“Hai moitos galegos que descoñecen que aquí se fai bo aceite. Non temos o volume doutros lugares. Niso non podemos competir porque non somos produtivos, por iso o que buscamos é a excelencia no produto”, apunta Julio Quiroga. Vender o territorio, traballar en ecolóxico na oliveira ou recoller a aceituna no envero, cando empeza a cambiar de verde a morada, é a chave segundo explica un dos propietarios desta empresa. Na súa almazara, na que investiron 200.000 euros sumando a construción do edificio e o equipamento en maquinaria, procesan unha media de 300 quilos de aceituna por hora. “Se recolles a aceituna moi morada, mellora o rendemento graso, pero baixa a calidade do aceite. Se está moi verde, baixa moito o rendemento, por iso é que a collemos en envero”.
A colleita deste ano comezou o 12 de outubro e en cantidade e calidade foi semellante á do ano pasado. En Ouro de Quiroga elaboran dous tipos de aceite: uns 1.400 litros son das variedades autóctonas e uns 600 litros de plurivarietal, en total uns 2.000 litros, dos que o autóctono é un produto máis caro e exclusivo. O 95% da súa produción queda en Galicia. Normalmente vai para tendas delicatessen e restaurantes de Estrela Michelin, que o están a empregar en cociña ou en mesa como aperitivo.Para elaborar un litro de aceite son necesarios entre 6 e 8 quilos de aceituna.
Dúas variedades autóctonas: brava e mansa
Cando empezaron co proxecto de Ouro de Quiroga descobriron que na zona estaba xeralizado o nome das variedades brava ou mansa. “Había tres ou catro tipos de cada unha. Decidimos no primiero ano que faríamos un pouco de aceite, pero só desas variedades. Fixemos só 50 litros. Vimos que era un aceite diferenciado, polo que a nosa idea foi manter esta aposta polos tipos de oliva que atopamos no noso territorio”. Na actualidade xa están consideradas de forma oficial como variedades autóctonas a brava e a mansa. Aínda que na actualidade só estas dúas están consideradas como tal, pode que existan ata nove variedades que aínda non son oficiais pero que están sendo estudadas pola Misión Biolóxica de Galicia e o CSIC.
A brava e a mansa foron incluídas o ano pasado no Banco de Xermoplasma Mundial de Variedades de Olivo, con sede en Granada. O aceite das variedades autóctonas brava e mansa entraría ademais na categoría de alimento biosaudable pola súa composición en ácidos graxos. “O produto deféndese só. As características analíticas e organolépticas coas que conta non lle teñen nada que envexar a ningún aceite premium que se venda no resto do mundo”, asegura Julio Quiroga. De feito, polos seus niveles de polifenoles, as substancias boas para o organismo, están no top dos mellores do mundo. Ata o momento nunca acudiran a ningún concurso aceiteiro, aínda que Julio admite que este ano si o van facer polo feito de que están moi contentos coa calidade alcanzada, “pero imos facelo máis por saber en que nivel estamos con respeto ao resto, non por obter un recoñecemento”.
A Universidade de Córdoba sitúa o aceite de Quiroga entre os 10 mellores do mundo desde o punto de vista dos polifenoles
As mostras de distintos produtores locais remitidas ao departamento de análises químicas da Universidade de Córdoba, un referente mundial neste campo, corroboraron que conteñen importantes cantidades de oleuropeína, un composto con propiedades antioxidantes, colocando o aceite de Quiroga entre os 10 mellores do mundo desde o punto de vista dos polifenoles que contén.
“Hai proxectos pequenos en Estremadura, Madrid, Aragón, non só en Andalucía. Hai grandes aceites por toda España con perfís máis maduros, máis verdes, con froitados diferentes nos que vai influír a variedade empregada, o clima. O noso é un aceite con carácter, cuns amargos marcados e uns froitados nas variedades coas que traballamos en que se nota unha froita madura con plátano, tomate… Nunha cata de aceite podes sacar infinidade de sabores, como sucede co viño”, apunta Julio Quiroga.
A recuperación de oliveiras centenarias
A única forma de ter aceite deste tipo de variedades é recuperar oliveiras antigas. “As oliveiras que puideses plantar agora, aos catro ou cinco anos empezarían a dar froitos, pero poucos. Estamos falando de árbores que tardan 12 ou 14 anos en conseguir a súa formación, e de 18 a vinte en ter produción. O que fixemos foi recuperar oliveiras que estaban perdidas no medio do monte“. Na actualidade seguen recuperando parcelas e facendo tamén novas plantacións. As plantas novas son eles mesmos que as sementan. Agora, no mes de febreiro, cando comecen coa poda, só con quitar pólas das árbores conseguen facer unha reprodución por “estaquilla”. Neste momento, en Ouro de Quiroga posúen unhas 2.000 árbores repartidas nunhas 40 fincas. Os olivos podes atopalos incluso soltos nalgunhas fincas, xa que servían para sinalar os lindes.
Quiroga, O Deza, Valdeorras e outras zonas de Ourense son as comarcas onde máis explotacións deste tipo existen. No conxunto de Galicia habería uns 300 cultivadores, dos que a metade están integrados na actualidade en APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), que integran produtores de toda Galicia, sumando130 hectareas de cultivo e 150.000 oliveiras.
“Plantouse moito nos últimos anos en moitas zonas de Galicia, sobre todo en Ourense e Pontevedra, na zona da Estrada mesmo foran subvencionadas esas plantacións, pero fixéronse sen moito criterio, moitas veces mal asesorados, con variedades foráneas e imitando tamén o sistema produtivo do sur de España”, explica Julio. Campolameiro, Verín, Viana do Bolo, As Ermidas, Monterrei... son zonas de oliveiras onde a xente non seguiu coidando os olivos e quitándolle a aceituna. Foi na zona de Quiroga onde si o fixeron sempre. Agora está de moda plantar oliveiras, pero estase a apostar por unha variedade foránea que é a arbequina. Esa variedade, aos tres ou catro anos xa te está producindo. “Isto é máis fácil que apostar por unha variedade local nova que vai tardar como mínimo bastante máis de dez anos. Resulta máis complicado apostar pola variedade local por isto”.
Por eses erros cometidos nas últimas décadas, en Galicia son maioría os produtores con variedades de fóra. Por iso, cando no 2019 desde APAAG impulsaron un selo de calidade para certificar o aceite que se produce nesta comunidade, puxeron como condición que as oliveiras estivesen en solo galego e o procesado das aceitunas se fixese tamén en almazaras galegas, admitindo sen embargo tanto variedades autóctonas como foráneas. Pretenden tamén co seu selo contribuír a loitar contra a fraude na etiquetaxe.
Deixa unha resposta