Felipe Casanueva: “A dieta atlántica tamén axuda a coidar o planeta”

O catedrático de Medicina coordina o libro "Bases científicas da dieta atlántica", que aborda desde diversas disciplinas as claves deste réxime

Felipe Casanueva é o coordinador do libro "Bases científicas da Dieta Atlántica". Foto: Santi Alvite.

Na primavera de 2019, Santiago de Compostela acolleu o 3º simposio internacional sobre a chamada Dieta Atlántica. No encontro, expertos galegos e portugueses intercambiaron coñecementos sobre as particularidades da alimentación no noroeste da Península Ibérica, e que redundan, unidas a outros factores, nunha mellor calidade de vida da cidadanía. Era un traballo que xa viña de atrás, “pois chamábanos a atención que Galicia e o norte de Portugal tiñan unhas moi boas cifras de lonxevidade, e menor incidencia de patoloxías cardiovasculares, en relación a outras zonas da Península”, lembra o endocrinólogo Felipe Casanueva Freijo, catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Deste encontro saíu o libro “Bases científicas da Dieta Atlántica”, que recolle en 18 capítulos as achegas desde diversas disciplinas para darlle corpo a un modo de alimentación que se estende tamén a outros aspectos da vida cotiá. Insiste Casanueva, por exemplo, que a importancia social da alimentación en Galicia repercute tamén para que o país acade algúns dos mellores indicadores de lonxevidade de Europa. A publicación, impulsada pola Fundación Dieta Atlántica, conta coa colaboración de Vegalsa-Eroski e da Sociedade Española de Obesidade (SEO-SEEDO).

– Se tivera que facer unha selección de 10-15 alimentos esenciais na Dieta Atlántica, que incluiría?

– Destacaría, por exemplo, a abundancia da verdura, e en concreto das brásicas, como por exemplo o grelo, que en Galicia está moi presente. Tamén as froitas de tempada, unha maior proporción de peixe, que non é o mesmo que se consome noutras dietas semellantes, como a Mediterránea, ou tamén o marisco; unha proporción importante de lácteos, menos carne vermella, ovos, etc. Pero máis que alimentos concretos, eu falaría tamén dunha forma de consumir; é unha dieta baseada na proximidade, en comer o que temos máis preto, mesmo o que producimos nós mesmos, ou que atopamos nos mercados, e tamén nos distribuidores que traballan con produtos da contorna.Nisto as grandes superficies están facendo tamén un esforzo, e nós estamos en contacto con elas: temos que intentar que reforcen o seu compromiso coa alimentación de tempada e de proximidade.

– Insiste no compoñente social da dieta atlántica, non só no que se cingue ao que comemos, senón como.

– Hai algo no noroeste da península que non é tan habitual noutras partes. Temos moita tendencia a reunirnos en familia e en comunidade para comer; é algo que vai máis alá: as preparacións longas dos pratos, as sobremesas, a actividade física na horta ou cos animais cando producimos os alimentos que logo comemos, o paseo que damos en familia pola mañá antes da comida, ou despois pola tarde… Estes son factores moi importantes, unha actividade social que pode resultar moi beneficiosa.

Iso si, cómpre ter en conta sempre o patrón da sensatez. A comida que temos é moi boa, pero sempre con moderación. En todas as dietas hai que aplicar o sentido común e, por tanto, tomar cantidades razoables, porque senón tamén poden xurdir problemas. E os bos hábitos hai que estendelos ao resto do día. Non podemos pensar que abonda con comer ben, senón que hai que ter actividade física e evitar o sedentarismo na medida do posible para mellorar a nosa saúde.

Foto: Santi Alvite.

Foto: Santi Alvite.

– Analizan tamén como esta alimentación pode axudar nunha maior sustentabilidade.

– Por suposto, a dieta atlántica tamén axuda a coidar o planeta. Nun dos capítulos do libro, un grupo da USC expón como, de todas as dietas que se seguen en España, a atlántica é a que menor pegada de carbono ten. Consumir produtos de tempada e de proximidade provoca, por exemplo, que se gaste menos combustible no seu transporte; tampouco se precisa manter durante moito tempo en cámaras de refrixeración, polo que supón un aforro de enerxía.

– Que une a unha dieta atlantica de hai 1.000 anos coa de agora?

– Hai cousas comúns e outras que cambiaron radicalmente. Sen dúbida, o gran cambio prodúcese coa chegada a Europa dos produtos procedentes de América. Hoxe a comida italiana non se pode entender sen o tomate, e algo parecido nos pasa aquí coas patacas. E estes cultivos foron desprazando a outros que antes eran máis habituais, como o trigo ou o arroz, ou a importancia doutros, como a castaña, que ata hai non moito tempo nalgunhas zonas de Galicia era unha base da alimentación.

– Falan do ‘score’ da dieta atlantica: que significa este concepto?

– É unha das achegas relevantes do libro. Consideramos que era necesario establecer un sistema de puntuación común para ver se unha poboacion está seguindo unha dieta atlantica. Isto permítenos observar, por tanto, como se cumpre esta dieta en diferentes áreas xeográficas e establecer investigacións para ver de que forma pode influír a alimentación na saúde.

Advírtese de que as xeracións máis novas estanse afastando destas dietas.

– É un problema que está aí, e así nolo indican algunhas cifras de obesidade infantil. O modo de vida na actualidade fai que ás veces cheguemos moi cansos a casa, e preparamos o máis sinxelo. Se nós optamos polos alimentos menos saudables, é probable que nos nenos tamén o fagan. É un circuíto de dobre dirección, e coa alimentación pode pasar algo semellante ao que pasa co tabaco: ás veces, se os nenos reciben mensaxes que lles explican que o tabaco é malo, e pode causar problemas, pode que acaben convencendo aos seus pais para que deixen de fumar.

– Fálase de que, ás veces, o problema dunha alimentación deficiente ten que ver coa capacidade económica.

– É certo que noutros países, como os Estados Unidos, unha mazá é máis cara ca unha hamburguesa. Pero creo que en Galicia e en España, afortunadamente, non temos ese problema. En epocas de crise económica no pasado, a dieta que se impuxo foi precisamente a atlántica. E creo que hoxe en día segue sendo máis barato acceder a produtos de proximidade que aos procesados.

O libro pode adquirirse nesta ligazón do Servizo de Publicacións da USC ou nas librarías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *