Galicia Calidade segue medrando. O selo que distingue os produtos galegos ven de incorporar a oferta das empresas alimentarias Grupo Leche Río (Lugo), Conservas del Noroeste (Vilaboa) e as adegas Gran Bazán (Vilanova de Arousa) e Finca Millara (Pantón), logo de superaren os controis de calidade realizados pola entidade pública.
Con estas novas adhesións, o distintivo de garantía suma os produtos e servizos de máis de 135 empresas galegas, despóis da recente incorporación a a Galicia Calidade tamén das empresas Viña Costeira, Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Freshcut e Pementos Carmucha.
A marca de garantía continúa na súa labor de certificación das empresas máis representativas do sector alimentario galego. No ámbito do sector lácteo galego, son xa tres compañías punteiras as que contan co distintivo: Feiraco, Larsa e agora Leche Río, tanto para as marcas Leite Río como para Leyma. No ámbito da conserva, coa chegada de Conservas del Noroeste, que conta como marca máis coñecida Cabo de Peñas, Galicia Calidade certifica tamén as empresas Jealsa e Luís Escurís Batalla, en peixe, e Conservas a Rosaleira no mundo vexetal.
Denominacións de orixe
No referente ao sector vitivinícola son xa 18 as adegas que contan cos seus viños amparados polo selo de calidade, entidade dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. En Galicia Calidade están presentes as cinco denominacións de orixe. Na D.O. Rías Baixas coa chegada de Gran Bazán, son xa 8 as adegas certificadas: Adega dos Eidos, Adega Valdés, Terra de Asorei, Altos de Torona, Paco & Lola, Señorío de Rubiós e Valtea. Na Ribeira Sacra, Finca Millara súmase a Regina Viarum e Vía Romana. Ademais, a D.O. Valdeorras conta con tres adegas: A Coroa, Ruchel e Terriña; Monterrei suma dúas adegas, Gargalo e Quinta do Buble; e o Ribeiro coa recente incorporación de Viña Costeira suma dúas adegas xunto a Bodegas Nairoa.
Desde a súa constitución, Galicia Calidade certificou os produtos das empresas máis emblemáticas de Galicia e de diversos sectores representativas da economía da comunidade autónoma. A entidade aplica a todos os produtos certificados as auditorías de calidade previstas nas súas normativas internas e as súas posteriores supervisións, para garantir aos consumidores e usuarios que os produtos con este selo cumpren cos requisitos esixidos.
Deixa unha resposta