A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da USC vén de incorporar o leite de burra ao xa amplo abano de materias primas empregadas nos proxectos de I+D+i desenvolvidos ao longo das últimas décadas nesta plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa, que, ademais de con leite de vaca, xa conta con experiencia na realización de ensaios con leite doutras especies como cabra, ovella, búfala e incluso camela.
O novo proxecto de prestación de servizos tecnolóxicos no que está a participar a APLTA da USC é froito dunha colaboración coa Asociación de Criadores da Raza Asnal Zamorano-Leonesa (Aszal) e a cooperativa Buleza, que, xunto co Ministerio de Agricultura y Ganadería, a Junta de Castilla y León e a Deputación de Zamora, traballa a prol da conservación, mellora e promoción do asno zamorano-leonés.
A entidade zamorana, que está a desenvolver diferentes proxectos de investigación coas facultades de Veterinaria de Madrid e de León, así como co Instituto Tecnolóxico Agrario de Castilla y León, solicitou no marco deste convenio coa USC a colaboración da área de I+D+i Aula de Produtos Lácteos para a realización do secado de 2,5 toneladas de leite de burra, unha materia prima conxelada que remitiu ao centro lugués.
A Asociación de Criadores da Raza Asnal Zamorano-Leonesa destina boa parte do leite de burra que obtén á elaboración de produtos cosméticos, dado que, na actualidade, en España o consumo deste leite ou doutros derivados é pouco menos que testemuñal, a diferenza do que ocorre noutros lugares do mundo.
Características do leite de burra
O leite de burra é semellante ao leite materno humano. Conta con menos cantidade de proteínas que o de vaca, é baixo en graxa e contén máis azucres. Hoxe en día, debido ao incremento de persoas que sofren intolerancia ou alerxia á proteína do leite de vaca, este leite pódese colocar no mercado como alternativa idónea para manter un consumo diario de produtos lácteos.
Ante as múltiples posibilidades de uso, xa alimentario xa doutro tipo, que ofrece o leite de burra, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus de Lugo da USC aproveitou a materia prima recibida de Aszal para proceder á caracterización deste leite a través da realización de análises fisicoquímicas, microbiolóxicas e de viscosidade. Ademais destes estudos, previstos nunha fase previa á da evaporación e secado, o persoal da área de I+D+i APLTA tamén efectuou probas de estabilidade térmica en laboratorio, con combinacións de diferentes de temperaturas e tempos.
O proceso de evaporación e secado inclúe asemade un paso previo de hixienización e pasteurización do leite líquido que logo se someteu a tratamento para obter leite en po. Unha vez pulverizado, os técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC completarán a encomenda recibida de Aszal coa realización de análises fisicoquímicas e microbiolóxicas do material resultante do secado do leite de burra, ademais de proceder á caracterización da medida do tamaño das partículas obtidas, do seu grao de solubilidade e, entre outras, da actividade da auga.
Deixa unha resposta