Os cefalópodos teñen un nome asociado ao seu estudo en España, o de Ángel Guerra Sierra (Madrid, 1947). É Doutor en Bioloxía pola Universidade de Barcelona e profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas. Foi xefe do grupo de investigación Ecoloxía e Biodiversidade Mariñas no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, e presidente do Centro Nacional de Investigacións Pesqueiras e da organización internacional Unitas Malacologica. Dirixiu catorce expedicións científicas no Mediterráneo, Atlántico e Pacífico.
Agora está xa xubilado, aínda que os seus estudos non remataron. A súa opinión sobre o que está a suceder en Galicia coa alarmante desaparición do polbo das nosas augas resulta imprescindible. No seu documental Un espectador vulnerable xa trataba a finais de 2015 este problema que en 2020 se está a agravar dunha forma moi preocupante.
—Cales son ao seu xuízo os motivos de que este 2020 teñamos tan pouco polbo nas augas galegas
—Eu teño unha idea do que puido suceder. Cando isto pasa é que se deron dous factores. Un problema de circunstancias adversas de tipo oceanográfico ou unha sobrepesca que fixo que desaparecesen as femias e houbese moi poucas en posta e non teñamos entón a mesma cantidade de polbo. Por ambas situacións houbo un mal reclutamento, é dicir, que se deron moi poucas larvas ou que houbo moitas e morreron, e que hai moi poucos polbos xuvenís.
“Cando clamas no deserto pero ves vir unha traxedia, non te sorprendes”
—Pódense dar as dúas circunstancias xuntas?
—Si, isto pode suceder, e entón a caída sería tremenda, pero non me consta que sucedese un problema oceanográfico. Evidentemente as augas están máis quentes polo cambio climático, pero o polbo ten un rango de resistencia moi amplo. Non digo que viva a 50 Cº, pero se a auga está un par de graos máis quente non lle pasa nada. Outra cousas sería a salinidade, porque aí si que a mortandade sería moi alta, xa que o polbo non aguanta salinidades inferiores a vinte partes por mil, é dicir, vinte gramos de sal por litro. Tampouco parece que iso teña sucedido, porque non houbo chuvias moi importantes. Na miña opinión descarto as causas oceanográficas.
—Hai quen sinala tamén a unha caída no alimento das larvas…
—Isto sucedeu tamén co mexillón, que non está tendo plancto dabondo. Pode ter sucedido unha caída xeral do plancto e que as larvas do polbo non tivesen suficiente alimento e morresen. Hai monitoreos de plancto durante todo o ano en varias institucións galegas, polo que non sería difícil estudalo e comprobar se isto está pasando.
—Entón este pode ser o principal problema?
—Non. O máis grave ao meu xuízo é que toda a área das Illas Atlánticas estivo moi sobreexplotada pola pesca nos dous últimos anos. Nós tivemos un proxecto que se chamaba Cefaparques no que se comprobou que isto estaba a suceder e de forma especial con individudos grandes. Hai unha talla mínima de captura que é dun quilo e que se debe respetar. Sendo Galicia a rexión do mundo onde máis e mellores medidas de regulamento da pesca do polbo existen, non se cumpriron.
“Non se cumpriron vedas, capturas máximas, nin tallas mínimas; hai polbos que nin sequera pasan pola lonxa”
—En que di vostede que non se cumpriu coa regulamentación vixente?
—Non se cumpriu coa veda, nin coas capturas máximas que se poden levar a porto, probablemente non se respetou a talla mínima de captura, hai polbos que non pasan pola lonxa… Os últimos anos levamos incidindo en protexer os hábitats esencias que son os lugares de posta. Nin a Xunta nin as confrarías consideraron que se debían protexer determinadas zonas. Cando clamas no deserto pero estás vendo vir unha traxedia, eu non me sorprendo. Hai unha lasitude no cumprimento das normativas e do coidado deste recurso, o cal, como todos os renovables, non ten a propiedade de existir infinitamente. Se ti o sobreexplotas, pois non se recupera.
—Que se debe facer ante esta situación?
—Tomar con seriedade as medidas de regulación que xa existen. Cumprir coa veda e co tamaño dos individuos que se poden levar á lonxa, e logo se hai que facer algún estudo, pois me parece moi ben. Que veñan agora reclamando que a Xunta faga un estudo e pedindo subvencións resúltame un pouco vergonzoso. O polbo nestes últimos anos ía a 8 euros o quilo na lonxa e explotouse a galiña dos ovos de ouro. Ao meu xuízo houbo deixamento por parte das autoridades ou imposibilidade de controlar aos pescadores, porque non é sinxelo. Ademais existiu irresponsabilidade por parte das pesqueiras que non coidaron o seu galiñeiro, non coidan o seu recurso. Non me sorprende por tanto o que está a suceder.
“Houbo deixamento das autoridades no control dos pescadores e irresponsabilidade das pesqueiras”
—Di José Manuel Rosas, o patrón maior de Bueu, que o mar é como as leiras, e ten anos bos e anos malos…
—Iso é unha obviedade, pero este ano é unha desfeita. Na pesqueira de polbo do que era o Sahara español, cando eu fixen a miña tese doutoral alá polos anos 70, pescábanse 100.000 toneladas de polbo anuais. Existía unha prescrición de non deixar pescar por baixo dos 50 metros de profundidade. Os biólogos puxeramos esa regra porque alí era onde facían as femias a posta. O Sahara, cando pasou a ser propiedade de Marrocos, permitiu que se collesen polbos por baixo deses 50 metros, e ao principio collían polbos moi gordos. Na actualidade a produción de polbo do Sahara é de 22.000 toneladas e a maior parte das importancións galegas de polbo proceden de alí. Nuns anos caeu case oitenta mil toneladas. A especie ademais mudou as súas características biolóxicas, porque antes as femias maduraban aos 2-3 quilos e agora maduran incluso con 500 gramos. Cunha explotación pesqueira excesiva podes ata cambiar as propiedades biolóxicas da especie.—Di José Manuel Rosas, o patrón maior de Bueu, que o mar é como as leiras, e ten anos bos e anos malos…
—Ten Galicia entón un perigo real de acabar co polbo nas nosas augas?
—Con explotación pesqueira excesiva e malas condicións para o reclutamento das larvas, as condicións son as peores para que se manteña a pesqueira do polbo en Galicia. O polbo en dous anos por sorte renova a súa biomasa, pero hai outras especies coas que non sucede isto. O calamar desapareceu das nosas rías porque se destrozaron os fondos mariños onde facía a posta e houbo unha sobreexplotación da frota pesqueira e da pesca deportiva. Imos esquilmar o polbo das nosas rías de seguir por este camiño.
—Isto que di sabe que sería un gravísimo problema económico para moitas familias que viven da pesca do polbo?
—Cando eu explicaba á Dirección Xeral de Pesca da Unión Europea o que sucede coa pesca artesanal en Galicia, non o entendían en Bruselas. É un problema complexo que os franceses ou daneses non entenden, porque non conciben que aquí teñamos seis mil barcos de pesca artesanal e en Escocia dezaoito. A pesqueira artesanal abarca moitísima familias e para manter un input económico nesas familias estamos levando a unha extenuación dos caladoiros. Eu non quero lesionar a esas familias, porque viven diso, pero vin nos últimos anos unha cobiza que pode rematar co seu pan. Moi poucos pensan a longo prazo.
—Que opinión lle merece a reclamación das confrarías de que se faga un estudo sobre esta desaparición do polbo?
—Os estudos a touro pasado son problemáticos. A Xunta ten institutos, como o de Oceanografía ou de Investigacións Mariñas, e iso sería estupendo, que tiren deles para coñecer os datos necesarios. Paréceme moi ben, pero o que ten que haber é unha autoregulación para que se cumpran todas as normas como se fixo co percebe ou coa navalla. Cando se pensa a longo prazo as cousas melloran. O que non pode ser é que se faga a vista gorda coa regulamentación. Bueu, Cangas ou Ribeira sufriron un forte golpe económico con esta carencia de polbo, e isto dóeme moito polas familias que están detrás. Cando falo de pensar a longo prazo non digo a dez anos, só con que o fixesen a tres ou catro anos chegaría. Son un pouco escéptico con que isto vaia pasar. As medidas de vixilancia no mar son moi difíciles de poñer se o que vai pescar non pensa cumprilas. Os recursos renovables non son infinitos. Teñen unha capacidade e cando se sobrepasa, chega o desastre.
Deixa unha resposta