Unha nova marca para promocionar os produtos pesqueiros de Galicia. Armadores de Cedeira, na Coruña, impulsan a súa pescada baixo a denominación de ‘Merluza de Costa do Norte’. A través de Vegalsa-Eroski, que se compromete a comercializar 400 toneladas desta especie nos seus 350 establecementos, o lanzamento do distintivo inclúe tamén a creación dunha plataforma de venda que se ocupará da distribución e comercialización da pescada dos sete volanteiros integrados no proxecto.
A semana pasada, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou na presentación da marca de calidade, onde destacou a importancia deste tipo de distintivos para dar seguridade ao consumidor sobre a calidade do produto que compra.
A importancia da pescada é fundamental para o sector en Galicia. En 2019 ocupou a primeira posición na facturación nas lonxas galegas e tamén foi a segunda máis descargada. Os ingresos pola primeira venda de pescada aumentaron un 27 % en Galicia desde 2009 a pesar de que as descargas descenderon. No caso concreto de Cedeira, as poxas desta especie subiron un 30 % nos últimos exercicios.
‘Merluza de Costa do Norte’ é o último distintivo de calidade que se une á tendencia dos últimos anos a diferenciar produtos para promover o seu consumo e elevar o seu prezo final, para que sexa acorde co esforzo da súa produción e extracción, como acontece coa pesca con volanta no Cantábrico, na que dende hai 60 anos a súa imaxe é a da frota de Cedeira.
Un exemplo do éxito destes distintivos é marca PescadeRías, que elevou nun 400% o volume de produto certificado desde 2009. Agora ‘Merluza de Costa do Norte’ chegará aos mercados co obxectivo de valorizar á raíña das lonxas galegas.
Deixa unha resposta