Un século da aventura do Gran Champán Galicia

En 1920 aparecía o primeiro espumoso galego ao estilo francés que quixo conquistar os mercados máis exquisitos

O Gran Champán Galicia anunciábase na prensa galega de hai un século.

Os espumosos galegos están de moda. Só a Denominación de Orixe Rías Baixas pechou 2019 vendendo 130.000 botellas dos seus cavas, o que supón máis de cinco veces as vendas de 2012, o primeiro ano en que saíron ao mercado. Pero a tradición do champaña galego non é unha novidade. E, de feito, este ano cumpre un século. Porque, fai cen anos, un viticultor da Ramallosa (Nigrán) e un adegueiro de Vigo se unían para crear as primeiras botellas galegas dignas de ser desarrolladas (polo de quitarlles a rolla) nas festas do Nadal ou de ser estreladas contra os buques nas súas botaduras. Nacía así o Gran Champán Galicia, que tentou conquistar os mercados máis exquisitos.

Atopamos o anuncio desta bebida no ‘Catálogo de Vigo’ que editaba José Cao Moure, coa súa Editorial  P.P.K.O., que en 1921 lanzaba o primeiro número dunha publicación repleta de publicidade pero na que escribían colaboradores de prestixio como o xornalista Avelino Rodríguez Elías, o enxeñeiro Eduardo Cabelo ou o escritor Jaime  Solá, editor da revista ‘Vida Gallega’.

No almanaque, anúnciase a Gran Champán Galicia, producido nas Cavas do Val Miñor que está á venda “en  restoranes, hoteis e ultramarinos” e que “compite coas mellores marcas estranxeiras”.

Un reclamo publicitario do Champán Galicia.

A idea de producir o primeiro espumoso galego xurdiu da alianza entre Manuel Costas e Compañía, empresa fundada en 1919 e con viñedos en Nigrán, xunto con Vinícola Galega, radicada en Vigo, que era propiedade de Bautista López  Valeiras, un  tratante en viños e conservas de longa tradición. Ao ano seguinte, ambos tiñan xa no mercado a Gran Champán Galicia.

Costas e  Cía consegue dar saída ao seu viño  achampañado, que producen nunha elegante botella cunha austera etiqueta cun brasón de aparencia moi nobre, no que aparece a ponte da Ramallosa, ramas de loureiro e unha coroa real moi  historiada. Sen dúbida hai que darse a valer, como tamén o fan, pola súa banda, marcas como Moët  Chandon, Krug ou  Veuve Clicquot. Na Ramallosa non ían ser menos…

Por outra banda, hai que lembrar que en 1920 atopar viño embotellado e con etiqueta era xa de por si todo un luxo nunha Galicia onde imperaba o granel.

Vinícola Galega fora fundada en 1891 en Vigo por un comerciante, Francisco  Molíns, e un farmacéutico, Rodrigo Rodríguez, ambos os dous vigueses, segundo conta o historiador Xoán  Carmona  Badía. Máis tarde, a empresa pasaría a propiedade dos irmáns ourensáns López  Valeiras, que se embarcarían en grandes proxectos como o de exportar os viños galegos cara a América, onde a nutrida comunidade emigrante podía darse o capricho, de cando en vez, de remollar a súa morriña cos brancos e tintos da  nosa  terra.

Outro anuncio do Gran Champán Galicia.

Por desgraza, o Gran Champán Galicia non tivo o éxito esperado. E, cinco anos despois, en 1925, a adega botaba o peche, coincidindo coa enfermidade dun dos socios.

Tras o experimento vigués, chegaría outro radicado no Ribeiro, onde os irmáns Julio e Daniel Vázquez  Gulías lanzaron en 1935 o  Champán Gulías, que conseguiron colocar nos establecementos máis selectos do país. Para aprender as técnicas, copiaran o Método  Champenoise en París, que aplicaron aos caldos dos seus viñedos en Ourense. Entre a súa distinguida clientela estaban o Hotel  Palace de Madrid ou o Hotel Washington Irwing de Granada, sen esquecer a intensa exportación cara a Bos Aires e A Habana.

Os espumosos galegos non regresarían ata a década dos oitenta, con aquel malogrado ‘Fin de siglo’ que foi flor dun día. Pero hoxe volven estar de moda. E a honrar a daquel Gran Champán Galicia, que desde A Ramallosa quixo conquistar o mundo hai agora un século.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *