Os ‘just eat’ galegos: moito máis que comida a domicilio

Novas alternativas online apostan polo coidado do cliente local e unha forte rebaixa nas comisións aos restaurantes

Glovo, Just Eat, Deliveroo, Uber Eats… É inesgotable a cantidade de grandes empresas multinacionais que entraron no negocio da comida a domicilio. Se a estas engadimos as que se adican tamén ao comercio do tipo de Amazon, onde a alimentación xera unha boa parte dos seus movementos, observamos como o mercado gastronómico tiña unha torta xigante a repartir. Ante estes Goliat xurdiron os David, representados por unha rede alternativa galega. Dada a situación actual pola pandemia, moitos restaurantes iniciaron o camiño da venda online debido á redución do espazo que sofriron e á baixada de clientes presenciais. Varias marcas galegas botaron a andar coa idea de conseguiren o seu oco de mercado no delivery, na entrega dos produtos dos hostaleiros. Tanto é así que ata algúns concellos están a crear este tipo de redes para a súa vila.

DBarrio naceu en Vigo como unha solución para o pequeno comercio. Pouco a pouco os restaurantes entraron tamén na súa política, xa que lles permitía reducir as elevadas comisións que tiñan noutras canles deste tipo para poder levar os seus pratos a domicilio. Esta pequena empresa xa saltou fronteiras e foi máis alá, non só da provincia de Pontevedra, senón que incluso ten adscritos negocios das comunidades de Madrid e Castelá-León, que a partir de outubro comezarán a funcionar. A súa expansión foi tal que xa van camiño dos 700 establecementos de alta. Concellos como Nigrán, Baiona, Gondomar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vimianzo ou Camariñas mercaron inscricións para poder axudar aos seus hostaleiros.

A comisión que de DBarrio cobra aos restaurantes adscritos está no 5%. Iso, con respecto ao 15 ou ata o 40% que tiñan noutras plataformas online con grandes compañías, fai que moitos restaurantes non dubidasen en investir na marca galega. “A competencia gasta moito en publicidade e son marcas que coñece todo o mundo. Sen embargo, algúns dos nosos clientes cóntannos que aínda que teñan poucos pedidos, se os reciben a través da nosa web saen gañando pola enorme diferenza que existe nas comisións. Iso foi o que nos levou a entrar en hostalería”, comenta Pablo Sánchez, creador da empresa viguesa. “Tamén hai clientes que están só con nós e non noutras plataformas, porque comparten a nosa filosofía de apoiar ao barrio, de que a riqueza se crea e distribúe arredor de nós, de apoio aos repartidores. Non quere dicir que se vén un cliente que estea con outras plataformas lle digamos que non, pero é un orgullo aqueles que nos elixen en exclusiva.

DBarrio: “O Covid-19 impulsou a hostaleiros e comerciantes a conseguir visibilidade, multiplicamos por dez as subscricións”

Pablo Sánchez é enxeñeiro industrial. Traballou durante anos no sector da automoción e a mecánica de soldadura, ata que se introduciu na parte de desenvolvemento de negocio en enxeñerías. A súa idea xurdiu hai tres anos, despois de ver que no seu barrio estaban a pechar moitos locais. Este foi o motivo que o levou a crear esta plataforma. “A era da Covid-19 impulsou aos hostaleiros e comerciantes a conseguir visibilidade, e multiplicamos por dez as subscricións. Non esperabamos este volume de pedidos do cliente a domicilio e de apoio”, apunta.

O seu cometido é montarlle ao cliente unha web dentro da súa, cunha ligazón propia, co TPV virtual para que os clientes poidan comprar online e pagar con tarxeta. “E dámoslles tamén un servizo de repartición a domicilio exprés xestionándoo todo nós. Ademais de publicidade con publicacións nas redes sociais e empresas de márketing colaboradoras. A repartición é o propio cliente quen elixe con quen desexa facela.”.

Admite o creador de DBarrio que deste xeito acaban pagando un chisco máis do que pagarían se pedisen a comida por outra plataforma, pero explica os motivos. “Non se trata só de axudar aos hostaleiros e comerciantes. Os repartidores sofren unhas condicións terribles como falsos autónomos. Deste xeito o cliente elixe a un repartidor que pon a súa tarifa e o seu horario de traballo. Sabe canto lle van cobrar e quen vai facer o traballo. Pagan un pouco máis polo reparto. A tarifa media na nosa plataforma está nos catro euros por reparto, pero é que consideramos que deben ter un salario e unhas condicións dignas”. As tendas ou restaurantes poden poñer un desconto para envíos, xa que reciben máis cartos coa comisión menor que pagan na plataforma galega.

DBarrio conta cun sistema de doazón dos negocios a asociacións sen ánimo de lucro: dónase o 5% da facturación de cada negocio á súa obra social favorita, e poden cambiala cando queiran. Os negocios deben cumprir certos requisitos: debe tratarse de pequenos comercios ou restaurantes locais e compartir a filosofía de compravenda de DBarrio, que busca revalorizar este tipo de sinerxias.

Os restaurantes de Ourense, a demanda manda

Desde o mes de maio os restaurantes de Ourense tamén teñen unha rede local que se chama restaurantesourense.com. Inicialmente esta plataforma ía nacer como unha guía dos hostaleiros ourensáns da cidade. Cando tiñan o proxecto para comezar, chegou a Covid-19 e decidiron trocar do que era unha guía, ao pedido a domicilio. “Nese momento era o que a xente demandaba. Dados os problemas que xurdiron coa pandemia tivemos que dar este xiro. O proxecto ía rematar con esta vía de levar a comida a domicilio, pero tivemos que empezar polo final”, asegura Carlos Domarco, un dos dous socios desta empresa ourensá.

Agora mesmo xa teñen 25 clientes que son todos da cidade de Ourense. Hai restaurantes que non poden enviar os seus pratos pola sofisticación da súa presentación, como é o caso do restaurante San Miguel, pero poñen nese caso servizo de recollida. Os gastos de reparto dependen dos restaurantes e non do cliente, pero están entre 1,5 e 2,5 euros, salvo algunha excepción, como o Bar París que decidiu non cobrar nada por este servizo e só un gasto de pedido mínimo.

A plataforma Restaurantesourense cobra un máximo de 50 euros de comisións ao mes aos restaurantes

Un dos creadores desta plataforma entende que esta é unha forma de conseguir que os cartos se queden en Ourense. “No noso caso cobramos 50 euros de tope de comisións ao mes aos restaurantes. Con respecto ao 30% que lles poden cobrar en calquera das grandes multinacionais recoñecidas de reparto a domicilio, hai moita diferenza. Ademais empezaremos a cobrar a partir do 1 de setembro, porque os que se deron de alta con nós en maio estiveron de balde ata agora. Os hostaleiros ao principio non estaban convencidos, pero agora viron que é a forma pola que cando menos van poder sobrevivir”. Tamén levan o servizo técnico, para que calquera problema que xurda coa microweb dos restaurantes sexa resolto.

Un dos clientes que lles fai ilusión conseguir é un restaurante que entregue cocido a domicilio. “O normal é hamburguesas, pero ninguén ten cocidos a domicilio. Se en Carballiño xa están a levar o polbo á feira a casa, por que non pensar nesta posibilidade, que seguro que non vas poder atopar en ningunha das grandes plataformas internacionais”, comenta un dos creadores de restaurantesourense.com

Ante a posibilidade de que esta plataforma funcione ben, os donos xa se anticiparon a comprar outros dominios, como o de restaurantessantiago.com e restaurantesgalicia.com. “Se nos fose moi ben poderiamos tratar de seguir medrando. Hai que ir paso a paso. Todo o que sexa crecer será benvido, pero acabamos de arrincar. Temos que esperar a que pase o verán para que en Ourense volva o movemento”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *