Ata un 30% menos de consumo: os devastadores efectos da Covid-19 no sector do viño

As principais adegas de Galicia admiten caídas da facturación de ata un 40% a causa do coronavirus

A crise da Covid-19 provoca unha caída importante das vendas de viño.

Os datos dispoñibles sobre os efectos da crise da Covid-19 no sector do viño mostran unha caída importante das vendas no mercado galego e nacional, así como das exportacións, particularmente en abril, e un descenso do comercio mundial, máis pronunciado en valor e prezos medios que en volume, con desigual evolución por mercados.

Segundo o informe recente realizado polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), viñamos dun aumento estimado do consumo en España, notable en 2019: 9,7% interanual ata decembro, chegando aos 1.100 millóns de litros. Pero atopámonos cunha diminución moi relevante nos primeiros meses de 2020 que, pola coincidencia de datas, pode atribuírse á Covid-19, xa que o forzado confinamento iniciouse o 14 de marzo. Isto foi así particularmente nos meses de marzo e abril, onde a redución do consumo estimado en España é respectivamente do 24% e do 31%.

Juan Luis Méndez, director xeral de Vinigalicia, admite que no global tiveron unha baixada das vendas dun 40% do seu grupo empresarial nos 90 días que pasaron trala crise da Covid-19. Esta empresa alcanzaba en 2019 os 18 millóns de euros de facturación e exportaba a 20 países grazas á venda dunhas 800.000 botellas anuais das marcas que posúen pertencentes ás cinco Denominacións de Orixe galegas. Vinigalicia manexa as tres canles posibles de alimentación: supermercados —con clientes como Gadisa, Vegalsa, Froiz, Alcampo, El Corte Inglés…—, Horeca (Hoteles, restaurantes e cafeterías) —onde traballan con cadeas hoteleiras como Hotusa ou Paradores— e en exportacións, onde contan entre os seus clientes cos almacéns internacionais Walmart. Ademais, como CEO tamén de Méndez Rojo traballan exclusivamente con Horeca máis Ecomers. Todo isto con marcas independentes salvo con Vía Romana.

A gran perda no confinamento deuse no sector da hostalaría

Durante os tres meses de confinamento admiten que a gran perda chegou en Horeca, onde a parada foi radical, cun descenso da facturación dun 70%. En alimentación produciuse unha suba dun 30%, e en exportacións hai mercados que teñen totalmente parados, como Rusia, e aínda estes días recibiron a paralización de Cuba, pero outros nos que se exportan para supermercados funcionaron ben, sobre todo os dous primeiros meses de confinamento. “Ían ben as vendas en supermercados do viño de segmento medio-baixo. En Ecomers houbo tal exceso de venda que foi anecdótico o que se vendeu en viños de gama media-alta. Tivemos marcas das que vendimos cero botellas de Valdeorras ou Ribeira Sacra, e outras que creceron un 30%”, apunta o director xeral de Vinigalicia.

 

O infome do Observatorio Español do Mercado do Viño aseguraba que na canle de alimentación, desde a semana 14 do ano, é dicir, a que vai do 30 de marzo ao 5 de abril, mostra xa un crecemento notable do 63% (posible acumulación previa ao confinamento), que se mantén ao longo das semanas seguintes: ata o 73% na semana do 6 de abril e dobre díxito ata o último dato da semana do 18 de maio, onde aínda se mantén un crecemento do 21%; moi grande pero xa con taxas de variación algo inferiores ás das semanas anteriores.

Con respecto ás exportacións, tras unha colleita máis curta do esperado, pero aínda con existencias de 2018 relativamente altas, viñamos de acabar 2019 con aumento de vendas exteriores de viños do 6,5%, pero unha caída do prezo medio en case un 14%, o que daba lugar a unha diminución da facturación do 8%. Máis viño, pero a menor prezo.

Caen as vendas pero suben os prezos: son un 5,7% superiores aos do inicio de 2019

Nos primeiros catro meses de 2020, con todo, a situación é radicalmente distinta: os prezos son agora un 5,7% superiores aos do mesmo período do 2019, as vendas caen un 11,6% en litros e caen tamén, pero un 6,5%, en euros. Aínda que non só porque abril fose un mal mes para as nosas exportacións, senón porque tamén febreiro o foi e, en menor medida, marzo. E, con todo, en febreiro e marzo aumentaron sensiblemente as importacións de viños a granel procedentes de Arxentina.

Unhas exportacións, por outra banda, que se comportaron peor neste cuadrimestre en valor que en volume, e que por mercados foron especialmente mal nos casos de Francia (-16,8%), Portugal, Italia, China e Rusia, pero son positivas no caso de Alemaña (+8,6%), Suecia, Irlanda e Lituania.

Fóra de España, o dato máis fiable do que se dispón é o do comercio mundial. Con cifras dispoñibles para a maioría dos países, tanto produtores como importadores, ata o mes de marzo, as conclusións principais son que as exportacións mundiais caeron en marzo deste ano un 10,7% en euros, pero non tanto por venderse menos volume, que apenas descendeu un 1,1%, senón pola baixada importante dos prezos medios do viño vendido (-9,7%).

Medidas de recuperación

As medidas que tomaron desde Vinigalicia para paliar esta situación, segundo o seu director xeral, abren varios camiños. O primeiro comeza pola solidaridade. “Non pensar nos stocks, e si nos nosos clientes, polo que ampliamos as datas de pagamento. Axudar sobre todo aos nosos distribuidores de Horeca, que son o enlace coa hostalería”, comenta Juan Luis Méndez.

Agora están aplicando outra medida que é enviar aos seus clientes finais viños sen cargo e tamén dar ao distribuidor unha porcentaxe do viño que levarían nesa operación. “Isto fixémolo con 700 clientes que reciben viño só para que saiban que nós imos axudar. Preferimos non pensar no prazo curto, senón tentar que eles recuperen o movemento”. O seguinte paso será agasallar con botellas tipo Magnum ou materias que axuden aos hostaleiros. “O que non faremos é baixar os prezos, preferimos facer agasallos pola compra de caixas, pero sen devaluar o prezo do produto. Sabemos que os cervexeiros van con todo, nós agasallamos cunha caixa ou un Magnum e eles poden montar a terraza enteira dun local”.

“Este vai ser en Galicia un ano de bo viño, pero de menos cantidade”

Pero as fórmulas non se poden quedar aí. Esta é unha empresa de 53 traballadores que tomou a decisión de non facer un ERTE. Isto fixo que aproveitasen o tempo embotellando e creando un stock. Tamén fixeron unha poda en verde para tratar de facer menos viño este ano e tratar de compensar o stock que teñen. A idea é compensar a vendima deste ano coa do pasado. Este ano está a ser complicado en Galicia polas enfermidades das vides. “Vai ser un ano de bo viño, pero de menos cantidade. Nós xa quixemos que se producise menos coa poda en verde, co que tamén subimos a calidade. Preferimos ter menos litros, porque sabemos que o tinto ata a segunda semana de setembro xa non vai arrincar e perdimos oito meses fantásticos de venda”.

Méndez entende que o futuro próximo vai ser moi complicado, xa que é moi dificil pasar de vender só en Horeca a facelo tamén en supermercados ou en exportación. “Estou máis preocupado pola incerteza do último trimestre deste ano se vén como parece, aí é onde vai estar o problema. Somos positivos nas previsións a partir da Semana Santa do 2021. Agora estamos nun bo momento porque estamos no verán, pero a sensación que temos é que unha vez que este remate, poden chegar de novo as complicacións. As adegas imos sofrir aínda máis”, conclúe o CEO de Méndez Rojo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *