Cal é a mellor empanada galega de supermercado?

A análise realizada por unha cociñeira viguesa con cinco cadeas de alimentación de barrio dicta sentenza

Cata a cegas de empanadas de supermercadol

Cal é a mellor empanada galega de supermercado? Temos algunha empanada destas que paga a pena mercar? Un produto tan galego como este merecía unha análise completa e para iso buscamos a opinión da cociñeira viguesa Ruth González. Ela é filla dunha desas nais que din que fan as mellores empanadas do mundo, polo que a súa esixencia de partida xa entendemos que vai ser moi alta. Pero ademais da súa opinión, decidiu facer unha cata a cegas con catro compañeiros expertos tamén en empanadas.

Puxeron a proba as empanadas de polo de cinco supermercados de barrio: Día, Eroski, Froiz, Gadis e Mercadona. Cal delas obterá a mellor nota? Falamos de produtos conxelados que son rexenerados no propio supermercado.

Dos cinco supermercados visitados, os que nos ofrecen máis variedade son Gadis e Froiz, que curiosamente teñen o mesmo provedor (Panadaria Toñito). Os sabores que non faltan son atún, carne e pito, e todos incorporaron unha opción vexetariana. Os celíacos, de momento, terán que seguir esperando. O rango de prezos por empanada rolda os tres euros no caso das pequenas, que adoitan ser aproximadamente de 500 gr.

 

Día 5,45 €/Kg
Eroski 8,33 €/Kg
Froiz 5,59 €/Kg
Gadis 5,98 €/Kg
Mercadona 7 €/Kg

Agora ben, cal delas é a que destacou por encima das outras?

Fóra da de Eroski, que é cadrada, o resto preséntansenos no formato máis habitual, redondo. Non falta en ningunha tanto o brillo típico do pintado con ovo, coma o bordo das empanadas caseiras, aínda que no caso de Día e Eroski os  trenzados non están conseguidos e as marxes non quedan pegadas. Tanto a de Gadis como a de Froiz poderían pasar a primeira ollada por empanadas caseiras, pola súa cocción non uniforme e os bordos, aínda que ao facer o corte e velas de perfil podamos xa apreciar que o grosor é demasiado milimétrico.

Ningunha é aceitosa, a pesar de que a calidade dos aceites non sexa a mesma. Segundo a nosa experta, se vas utilizar xirasol, mellor que non sexa refinado. E en canto aos recheos, se na etiqueta pon polo, supoñemos que debería ter máis protagonismo que a cebola. Neste punto, os sofritos son bastante similares, algún máis doce, coma no caso da de Gadis, que doutra banda é na que o pito se fai máis obvio. Noutras témolo que intuír (sobre todo na de Eroski, na que hai que adiviñar incluso a cebola). Nas que ademais levan na etiquetaxe champiñóns (Gadis e Froiz) ou cogomelos (Mercadona), o certo é que “aí están, do mesmo xeito que algunha sorpresa como o queixo da de Mercadona, que debería aparecer como ingrediente principal polo peso que ten no sabor. Os ingredientes están, falta o cariño e o tempo da empanada caseira”.

A cata a cegas que realizou a nosa experta incluíu unha valoración de 0 a 5 dos seguintes apartados: aspecto, aroma, recheo, masa e sabor.

A puntuación máis alta foi para os supermercados Froiz, cun 3,8 de nota media, seguíndoa de preto Gadis cun 3,4

A puntuación máis alta foi para os supermercados Froiz, cun 3,8 de nota media, seguíndoa de preto Gadis cun 3,4. Ten moito que ver que teñan o mesmo provedor, que é a Panadaría Toñito. Conquistaron á nosa cociñeira tanto polo seu aspecto como polo seu sabor. Tendo en conta que proveñen do mesmo provedor non é de estrañar. “Diría que a diferenza principal ten que ver co  empaquetado e co tempo que pasa desde a súa cocción, que xeralmente se fai no propio supermercado”. En Gadis, as empanadas están na zona de produtos frescos, filmadas, o que fai que a masa se humedeza e quede branda. En Froiz, con todo, cando a panadería atópase na entrada, van enfornando as empanadas por quendas. Levar menos tempo en expositor e deixar que respire, marca a diferenza nun produto a priori semellante.

Séguelles Mercadona, cunha nota media de 3,2. Non acabou de convencer a Ruth González nin aos seus compañeiros da cata a cegas o queixo, que “cobra demasiado protagonismo cando non tiña que telo, ademais de conferirlle unha textura un pouco viscosa que fai que perda atractivo ao noso padal”.

E en último lugar, por resultar demasiado industriais, están Día cun 2,7 de media e Eroski cun 2,6, esta última cun recheo demasiado compacto no que “tes que imaxinar os ingredientes e o seu sabor, aínda que as masas resulten crocantes”.

A nosa cociñeira admite que resultou complicado o propósito de ser imparcial e cústalle recomendar calquera tipo de comida preparada

A nosa cociñeira admite que resultou complicado o propósito de ser imparcial, e costaríalle recomendar a alguén que comprase calquera tipo de comida preparada, pero no que se refire ás empanadas incide en que non deberían levar aditivos, conservantes nin potenciadores de sabor, nin sequera azucre. “Como galega, onde a empanada é relixión, e tendo tan variada oferta e marabillosas panadarías que elaboran a diario este produto, pode ser un castigo para os nosos estómagos consumir estas empanadas cargadas de  conservantes. Que non digo eu que non alimenten o corpo, non así a alma. Non son aptas para persoas con tendencia a indixestións”.

A súa recomendación é que na medida do posible tratemos de evitar alimentos que veñen en plástico e aconsella: “Manchádevos as mans se os vosos quefaceres volo permiten ou, en caso contrario, consumide produto local, da vosa panadaría de confianza, que os vosos estómagos o van agradecer”, conclúe Ruth González. A pesar desta crítica final admite que lle sorprendeu a nota media que recibiron na cata a cegas as empanadas galegas de supermercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *