O clúster alimentario convoca a VI edición dos Premios Galicia Alimentación

Os galardóns recoñecen o emprendemento, innovación, sustentabilidade e internacionalización na industria

Entrega dos premios na edición de 2019.

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) convoca por sexto ano consecutivo os Premios Galicia Alimentación 2020 para recoñecer e visibilizar as accións de emprendemento, cooperación, innovación, sustentabilidade, márketing e internacionalización na industria, que nesta edición contan co apoio institucional da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.

Ata o 31 de xullo de 2020 ás 14 horas poderán presentarse, a través da web de Clusaga, candidaturas ás tres categorías existentes nesta VI edición, que son: Premio Galicia Alimentación ao produto innovador, Premio Galicia Alimentación ao proxecto empresarial ou institucional e Premio Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización.

Ademais destas tres distincións, o xurado, presidido por Juanjo de la Cerda, presidente de Clusaga e director corporativo de I+D e Calidade de Nueva Pescanova, poderá outorgar, en caso de concorrencia, un Premio Extraordinario Galicia Alimentación á proxección do sector alimentario e bebidas.

A organización poderá entregar un premio extraordinario á proxección do sector alimentario e bebidas

Na devandita distinción poderán ter cabida as institucións e organizacións que destaquen polo seu labor en favor do apoio ás iniciativas empresariais, ao emprendemento e á innovación no sector, así como pola súa traxectoria e traballo desenvolvido en busca da promoción da calidade e imaxe dos produtos galegos.

Segundo as bases da convocatoria, poderán participar na VI edición dos Premios Galicia Alimentación 2020 persoas físicas, autónomos e empresas pequeñas, medianas e grandes que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na frota pesqueira dunha empresa galega.

Entrega nun evento especial

Os gañadores daranse a coñecer o 24 de setembro no evento anual Foro e Premios Galicia Alimentación organizado por Clusaga e no que, ademais, este ano celebrarase o décimo aniversario da Agrupación industrial.

As entidades galardoadas na última edición dos Premios Galicia Alimentación, celebrados en 2019, foron Freschut, na categoría produto innovador pola súa gama de produtos untable vexetal de olivada e untable de sobrasada vegana da marca Galifresh; Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) na categoría proxecto empresarial polo seu modelo de integración baseado nun triplo compromiso: responsabilidade, innovación e calidade; e Nueva Pescanova na categoría estratexia de mercado e internacionalización polo seu documental e campaña “A cidade que naceu do mar”.

O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por preto de 100 socios, entre os que se atopan as principais empresas produtoras e transformadoras do sector, así como universidades e centros tecnolóxicos da comunidade. O seu obxectivo é mellorar a competitividade das entidades a través dunha acción conxunta para crecer dunha maneira máis rendible e sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *