Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Daniel López, María Varela e Caco Agrasar, co obxectivo da agrupación de apoiar as persoas que están no camiño da excelencia na hostelería en Galicia.
Os novos membros únense a Nove orgullosos e motivados por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é un referente en Galicia e que amosa a nivel internacional a cociña da terra.
Caco Agrasar entra en Nove da man de As Garzas, restaurante que herdou dos seus pais no 2002 e no que actualmente tamén está intervindo o seu fillo. Un proxecto, que xa vai pola terceira xeración e cuxa cociña en evolución, baseada no recetario tradional e nos mellores produtos da zona de Malpica, onde está situado, faille ostentar unha estrela Michelin desde o ano 2010.
A de María Varela é unha aposta polo rural, pola natureza e polos pequenos produtores asentados na comarca de A Ulloa, o lugar no que A Parada das Bestas, ademáis de aloxamento, ofrece unha cociña sinxela elaborado con produtos da mellor calidade, na que o queixo con denominación de orixe, as carnes, os galos de Mos e a horta propia son os protagonistas.
A tan só uns meses de cumprir os 10 anos, O Camiño do Inglés, que conta co distintivo Bib Gourmand, é a carta de presentación de Daniel López, un cociñeiro que en tempos de crise apostou pola gastronomía na cidade de Ferrol e que nos últimos anos foi quen de facer que a súa cociña de mercado fose evolucionando e manténdose fiel a súa filosofía: facer pratos baseándose nos produtos da terra e no recetario galego e foráneo que conten pequenas historias e que teñan conexión co territorio.
Presentación e padriños
Estes tres novos membros pasan a formar parte de Nove xunto con Lucía Freitas, Pepe Vieira, Rafa Centeno, Iván Domínguez, Pepe Solla, Iñaki Bretal, Héctor López, Javier Olleros, Beatriz Sotelo, Daniel Guzmán, Julio Sotomayor, Manuel Costiña, Antonio Botana, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Juan Crujeiras, Alberto G. Prelcic, Álvaro Villasante, Miguel A. Campos, Javier González e Javier Rodríguez “Taky”.
Os novos membros serán presentados a través da conta de Instagram do grupo (@gruponovecocina) . Ao longo da semana que ven, do luns 11 ao domingo 17, Javier Olleros, Héctor López e Iván Domínguez actuarán como padriños e charlarán a través dos directos do instagram do grupo cos novos membros. Iranse anunciando as datas e horas definitivas no perfil de Instagram de Nove.
Deixa unha resposta