Mercaproximidade: a canle para vender os produtos castigados pola crise

Medio Rural impulsa unha campaña para fomentar o consumo de alimentos galegos afectados polo peche da hostelería e os mercados

As ferias locais están clausuradas en Galicia a causa do coronavirus.

Ante a pandemia, produtos galegos. Ese é o espíritu dunha nova campaña da Consellería de Medio Rural, que trata de animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios de Galicia durante a situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus.

Enmárcase a iniciativa na rede Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización concibido pola Xunta para dar saída aos produtos afectados polo peche da hostalería e dos mercados municipais.

Con este obxectivo, diríxese aos consumidores finais, non só para concienciar da calidade dos produtos agroalimentarios galegos, senón tamén para facerlles ver que, coa súa compra, poden contribuír á viabilidade do sector na comunidade.

Máis de 370 produtores e industrias transformadoras sumáronse xa a Mercaproximidade

Nesa liña, tamén busca recoñecer o esforzo que se leva a cabo desde o  agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma.

A campaña foi presentada polo conselleiro de Medio Rural, José González, quen afirmou que a intención é animar á cidadanía para comprar nos supermercados sumados á iniciativa as producións que antes adquirían nas feiras ou que se consumían nos restaurantes. Trátase de produtos como froitas ou hortalizas, viños, lácteos ou apícolas, e carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, cuxos canles principais de comercialización agora están pechados pola crise do coronavirus.

 

A campaña de comunicación tamén irá actualizando a relación de entidades que colaboran con esta fórmula de venda alternativa, adquirindo estes produtos para a súa comercialización. Ata o momento xa acordaron sumarse as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés –con Hipercor e Supercor–, Carrefour –cos seus centros Carrefour e Carrefour Market–, Grupo Cuevas –cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí–, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.Tras enviar solicitude desde o pasado 15 de abril, máis de 370 produtores e industrias transformadoras sumáronse xa a Mercaproximidade. Unha vez distribuidas as súas producións, estarán perfectamente identificadas, deixando claro tanto a súa orixe como o seu vínculo coa iniciativa.

A iniciativa segue aberta para que se incorporen todas as empresas interesadas en comercializar estes produtos de proximidade e calidade diferenciada.

A campaña levase tamén as redes socias coa mención #VouDeSúperFeirón

O conselleiro sinalou que a campaña, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación participantes como nos medios de comunicación, poderá compartirse nas redes sociais coa mención #VouDeSúperFeirón.

José González tamén lembrou que a Xunta está a comprar numerosos produtos agroalimentarios para ceder a hospitais, entidades e comedores sociais. Así, este martes entregaranlle 2.000 queixos ao Banco de Alimentos de Lugo e nos próximos días faralles chegar 2.000 tarros de mel.

Ademais, lembrou que a pasada semana destináronse a esta organización cen toneladas de patacas para repartilas a través das sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade súmanselle outras 30 toneladas que cedeu de forma voluntaria un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores dá Limia (Adegal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *