Entre as distintas institucións hai consenso da importancia que cobra o consumo de produtos locais no contexto da crise pola Covid-19. A Deputación de Pontevedra puxo en marcha a súa propia iniciativa, desenvolvida baixo o nome de Pontevedra provincia na túa cesta, para contrarrestar os efectos da pandemia mediante o incentivo do consumo de produtos locais e de proximidade. O obxectivo é tamén revalorizar estes produtos, apoiar aos produtores e reivindicar o seu labor nesta fase da desescalada, nun contexto xeral de promoción da gastronomía pontevedresa.
“Promovemos a gastronomía entre a nosa veciñanza e potenciais visitantes porque é un activo de atracción, sinalou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que vinculou este proxecto coas promocións que tamén se fan no campo do turismo.
Carmela Silva afirma que o obxectivo é “contribuír á reconstrucción do produto e o comercio”
Silva indicou que con esta campaña búscase “contribuír á reconstrución do produto e comercio da provincia”, á vez que se fai un “recoñecemento ás persoas que traballan para que ter en casa o mellor produto”. A presidenta da Deputación fixo fincapé na calidade da materia prima, xa sexa do mar ou da horta, e lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos consumidores: “Os produtos son seguros”.
Entre outros aspectos diferenciadores dos produtos pontevedreses, a presidenta da Deputación sinalou a súa calidade e sabor, pero tamén que son saudables. A campaña desenvolverase reforzada por medios audiovisuais, accións en plataformas da internet e redes sociais, entre outros medios. A través dos perfís desta Administración promocionarase diariamente un produto “tentando dar equilibrio territorial”.
Dentro da campaña, a Deputación convocará un concurso no que pedirán aos cidadáns que compartan imaxes con pratos listos para degustar preparados con produtos desta provincia. A mediados de mes poráse en marcha unha campaña específica centrada especificamente no comercio local. “A aposta polos produtos de proximidade é prioritaria para nós”, insistiu Carmela Silva.
Deixa unha resposta