A Xunta permite a Ternera Gallega conxelar a carne durante a alerta sanitaria

As pezas sometidas a conxelación poderán comercializarse baixo a protección da IGP ata o próximo 31 de decembro

Vacas da raza rubia galega.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres unha orde da Consellería do Medio Rural que modifica as condicións técnicas do selo de calidade Ternera Gallega, de modo que mentres dure o estado de alarma e outras medidas derivadas da crise do coronavirus a carne con este distintivo poderá someterse a procesos de conxelación.

En concreto, trátase dun cambio temporal que solicitou o propio Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas (IGP) da carne de vacún galega debido a “a forte incidencia” que ten a pandemia da Covid-19 na saída deste produto.

A conxelación é, por tanto, unha “medida excepcional” que permite a propia normativa europea -Regulamento (UE) número 1151/2012- ante medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas por parte das autoridades.

O sector do vacún vese notablemente afectado polo peche da hostelería e a restauración

Dado que o estado de alarma decretado en toda España supón a restrición de movementos de persoas e a suspensión de actividades de hostalería e restauración, a Xunta sinala que o sector da carne de vacún vese notablemente afectado, xa que comercializa unha boa parte da súa produción nos establecementos agora pechados.

Iso si, as pezas conxeladas poderán comercializarse baixo a protección da IGP Tenreira Galega só ata o próximo 31 de decembro deste ano e deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún.

Ademais, advirte a Xunta, “deberá quedar clara a información ao consumidor” sobre o proceso ao que foi sometido o produto, así como a data de consumo preferente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *