O bonito e Burela forman un tándem desde hai moitos anos. Este é un dos portos máis importantes da cornixa cantábrica e de onde procede o famoso ´Príncipe Azul´, o Bonito do Norte de Burela. Na localidade lucense, cada verán, é tradición que as familias fagan conservas en casa para consumo propio durante todo o inverno. A familia de Berónica Rodil ten unha empresa de peixe fresco nesta localidade lucense desde 1985. Por mor de toda a experiencia adquirida durante máis de 30 anos, naceu un novo proxecto: Conservas Faro de Burela.
Burela é un porto tradicionalmente boniteiro. Con todo, non existía ningunha conserveira para poder dar a ver a tradición, a calidade e o saber facer. Este é o principal motivo polo que nace esta conserveira tradicional, que está constituída só por mulleres, e que é a única que existe na vila. Este proxecto é levado a cabo pola propia Berónica, onde conta coa axuda da súa nai, Ramona Rodríguez, para a elaboración.
Conservas Faro de Burela é unha conserveira tradicional composta só por dúas mulleres, nai e filla
Desde pequena vira a súa nai facendo conservas de bonito na casa, durante máis de 40 anos. Bero é unha apaixonada do verán, estación na que se desenvolve a campaña do bonito (de xuño a setembro) e onde atende sempre persoalmente a particulares, levándolles diariamente os seus bonitos frescos para realizar as conservas caseiras. “As clientas que tiña eran xente moi maior. Pasei moito tempo charlando e observando como o elaboraban para elas e familiares”, explica Berónica, que foi así como hai 3 anos comezou cos trámites deste proxecto, co que pretendía crear unha marca propia e evitar que se perdese esta tradición.
En xuño de 2019 viu a luz esta marca que dá valor aos produtos pesqueiros das lonxas locais a través da súa transformación e posterior comercialización, promovendo así a diversificación da economía local, o impulso de visibilidade e recoñecemento dos produtos pesqueiros, a súa procedencia e o seu valor diferencial a través da pesca tradicional e sostible. “Os clientes que tiñamos de pescaderías sempre nos pedían algunha conserva e non tiñamos. Aí foi onde empezou a miña ilusión de diversificar a empresa”.
Os produtos que fan combinan a tradición coa modernidade, elaborados e envasados de maneira cento por cento artesá, sen aditivos, sen conservantes nin colorantes. “Todo facémolo a man, polo que, como moito, envasamos cen quilos cada dous ou tres días. Isto non é como unha fábrica que elabora mil quilos por día”.
O día a día de Berónica na conserveira consiste en ir á compra ás 5.30 da mañá, e logo preparar o peixe. Para iso límpao e descabézao no propio peirao. Despois, xa na súa empresa, quítalle a cabeza e a tripa. Logo ten que cocelo e raspalo para sacar todo o sangue que queda. Unha vez limpo e cortado, xa se pode envasar para a súa esterilización. O produto final móstrase en tarros de cristal tal cal. “Isto é para que se vexa ben o bonito e como o tratamos. A vista é fundamental”.
O peixe tras limpalo e descabezalo no propio peirao, despois hai que esterilizalo e cortalo para o seu envasado en tarros de cristal
As etiquetas levan enmarcada a imaxe corporativa, que é o Faro de Burela en acuarela, realizado pola artista ferrolá Blanca Escrigas. Ademais, esta conserveira apoia a inclusión social, implementando en toda a súa etiquetaxe a linguaxe en braille e o código QR, para poder enlazar nun futuro os seus produtos a unha descrición auditiva desde a súa páxina web. “Desde un principio marqueime isto como unha meta. Se non metes o braille podes facer unhas etiquetas con máis brillo, pero quería que isto estivese presente, e púxenme en contacto coa ONCE para poñer o noso gran na inclusión social”.
Berónica Rodil ten claro cales son os puntos fortes da súa empresa. “Calidade, paixón, ilusión, tradición, transparencia, a inclusión social e a atención totalmente personalizada. Temos claro un obxectivo, que é o posicionamento potente da nosa marca no mercado de produtos pesqueiros elaborados dentro da categoría artesanal, gourmet e premium, tanto a nivel nacional como internacional”. Teñen tenda físca en Burela, pero a nivel español están nunhas 40 tendas. Fóra de España xa chegaron ao mercado francés e alemán, ademais de que están en conversas para poñelo en Polonia.
Fóra de España xa chegaron ao mercado francés e alemán, ademais de que están en conversas para poñelo en Polonia
En canto ás variedades, realizan catro tipos de conservas de bonito do norte de Burela en aceite de oliva: lombos, anacos, faragullas e ventresca. Ademais diso, apostaron por pratos elaborados artesanais, como as súas albóndegas de bonito en salsa Rivela, que é unha salsa de hortalizas caseira. Tamén o fan con xamón curado. As dúas variedades son sen glute. “Quitei dúas opcións, porque miña cuñada non come carne. Aquí é típico facer bonito ao mollo, e miña nai facíao con xamón. A idea era adaptarnos aos hábitos de consumo e alimentación que cambiaron nos últimos anos, e tamén pensando en que os nenos coman peixe dunha forma máis divertida”.
As albóndegas son do máis demandado entre os produtos desta conserveira, ademais dos lombos ou as faragullas. “Son faragullas bastante grandes. A xente está acostumada a ver en supermercados a típica faragulla pequeniña que parece pan raiado. Para agasallos compranse máis os lombos. Os anacos non locen tanto como os lombos, pero son moi axeitados para saladas. A ventresca está moi traballada e sae máis cara. Non é algo que se leve para comer a diario”.
Deste xeito ofrecen ao consumidor un prato listo para consumir, coas mesmas calidades e garantías que o produto fresco, pero coa vantaxe de gañar tempo no cociñado. Do mar á mesa.
Deixa unha resposta