O pai coraxe que triunfa cunha adega do século XVII

O viño que conquistou a doce estrelas Michelin elabórase nunha aldea case abandonada de Cenlle na comarca do Ribeiro

Botellas da adega de Lentille onde repousa o viño máis dun ano

O relato da adega L´Ombre resulta extraordinario. Das ruínas dunha adega con 400 anos de antigüidade, naceu un viño galego que se serve en restaurantes con estrela Michelin. Nunha aldea remota ourensá, que conta con só 5 habitantes, en Lentille (Cenlle), unha sola persoa foi quen de construír o seu soño e producir e distribuír el mesmo un viño que podemos considerar de autor de principio a fin. Jorge Pérez é Enxeñeiro Agrícola, non ten enólogo, nin ninguén que lle traballe as vides. Vende os seus caldos porta por porta, percorrendo todo o país, e elixindo a quen llo vende. El di que os viños de verdade contan unha historia de quen os elabora, e a súa é esta.

No ano 2010, cando naceu seu fillo Joel, en plena crise aínda, decidiu deixar o traballo fixo e cunhas boas condicións económicas nunha adega industrial, porque non lle quixeron dar a baixa de paternidade. A súa rebelión provocou que comezara a dar os pasos para producir un viño propio de forma independente. Atopou un lugar onde lle alugaron unha adega e un viñedo. Alí, ata a chegada de Jorge, só vendían uva. Non funcionaba a adega. Aí empezou de cero, pero ao cabo duns anos, a cousa foi moi ben, e o viño recibiu boas puntuacións. Isto provocou que o dono da adega decidise subir o aluguer ao dobre. “Eu non podía pagar o que me pedía, polo que tiven que marchar e buscar outra adega”.

Jorge Pérez co seu fillo Joel polo que loitou por ter una adega propia

Jorge Pérez co seu fillo Joel polo que loitou por ter una adega propia

Jorge Pérez comezou no 2016 unha nova busca, e foi entón cando atopou o lugar onde construíu L´Ombre. Tratábase dunha adega que xa non aparecía no catastro como edificio, era considerada unha ruína. Conservaba só as paredes, sen tellado e todo destruído. Pero o que non se destruíra foi a súa memoria. Esta era a adega do Pazo de Lentille, un lugar con 400 anos de historia. Nun pobo abandonado, pero con gran tradición vinícola. De sempre houbo adegas e xente que cultivou o viño nesta zona. Nos rexistros históricos aparece como un lugar importante da zona do Ribeiro. A adega está o 80% baixo terra. Ten unha temperatura natural de entre 8 e 10 graos durante todo o ano, e unha humidade do 97%. Unhas condicións óptimas para facer viño alí.

Estes datos non pasaron desapercibidos para o seu actual propietario, que é de Carballeda de Avia, a uns 13 quilómetros de Ribadavia. Joge Pérez pediu un crédito, rehabilitou a pedra antiga e conseguiu recuperar esta xoia da viticultura galega hipotecando a súa casa e sen ningún tipo de subvención. “Miña muller case me mata porque tomei a decisión sen falar con ela. Eu estaba seguro de que aquelas ruínas serían a adega que é hoxe. Compreina ao momento. Tiña moi poucos cartos no banco, pero co que tiña decidín tirar para cumprir o soño”.

Durante os seus anos de carreira, Jorge Pérez apenas probaba o alcol, non lle gustaba nada o viño, nin os brancos nin os tintos. O primeiro contacto vital que tivo co mundo do viño foi co seu avó, Manuel Pérez. Con el aprendeu que a verdade está na terra e que as uvas son o froito do traballo honesto realizado nela. Grazas a el non confía nos atallos e dálle a cada elemento o seu tempo para que madure, penetre, evolucione… “Como dicía meu avó, o bo necesita tempo para formarse”. E iso é o que fai cos seus viños, darlles tempo.

A adega que pertencía o Pazo de Lentille está o 80% baixo terra e ten unha temperatura natural todo o ano entre 8-10ºC

L´Ombre significa sombra en francés, catalán ou valenciano. Pensou que como seu fillo é a súa sombra, este era o nome ideal. De feito, as etiquetas do viño levan a man do rapaz cando naceu. “O primeiro que fixen cando chegou a casa, foi escanearlle a man. Este proxecto é froito da miña loita por ter tempo para estar con el. Esta é a clave da adega. É o único fillo que teño, e quería pasar tempo con el”.

O das mans nas etiquetas tamén reflicte que este é un soño feito só coas mans dunha persoa. “Fago eu todo nas vides. A única axuda é a miña familia. Eu busco trato directo cos meus clientes, sen ningún intermediario. Carguei a miña furgoneta de caixas e percorrín a Península Ibérica parando nos restaurantes de referencia, explicando o meu proxecto e ofrecendo a proba do meu viño. Non valoro a cantidade senón a calidade”.

Estas son as referencias da adega coa man do fillo de Jorge Pérez impresa nas etiquetas

As viñas das que proceden os seus viños son centenarias. Este ano a colleita foi moi boa, e a pesar diso, a máxima deste adegueiro é facer pouca cantidade. Elabora oito mil botellas por ano, fai só monovarietais, das que 6.500 son do Treixadura. Estas pasan en depósito 7 meses e en botella un ano antes de poñelo no mercado. “Teño unha zona da adega soterrada onde deixo os viños descansando máis dun ano antes de sacalos. Agardo sempre que repousen”.

Foi dos primeiros de España en facer un viño elaborado con uva 100% Caíño Branco de cepas de máis de 80 anos que se vendiman de forma manual e que selecciona na propia leira. As características da adega, pola parte subterránea, fan que as fermentacións sexan moi longas, de mes a mes e medio. Este feito achega ao Pinka, que é como se chama esta marca de L´Ombre, con este tipo de uva que se elabora moito no norte de Portugal, e que ten unha maior complexidade.

Elabora 8.000 botellas por ano das que a meirande parte son Treixadura, pero tamén fai con Caíño Branco e Souson

Tamén fai o Simone, que é un viño elaborado con uva cento por cento Souson, de pequenas parcelas abandonadas que vai recuperando aos poucos. “Agora estou traballando moito con velo de flor, porque a miña adega ten unhas condicións climáticas moi semellantes ás que se dan na zona do sur, en Cádiz ou Sanlúcar de Barrameda, pola humidade”.

Lucía Freitas, Rafael Centeno, Yayo Daporta, Ricard Camarena, Quique DacostaAta doce restaurantes con estrela Michelin teñen o seu viño por toda España. “Para mín é un orgullo que valoren o meu viño e que valoren á persoa”. Os seus viños non van a feiras, nin os presenta a concursos. “O que fago espero que guste, e o que busco non é só por gañar cartos. Ten que haber algo máis detrás. Valoro outras cousas na vida que non sexa só o material, senón este non sería o meu proxecto”. Isto resume a filosofía deste adegueiro que recoñece que lle faría ilusión que o seu fillo tomara o relevo nun futuro, que aínda queda lonxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *