A UE certifica: non hai probas de que os alimentos transmitan o coronavirus

A Autoridade de Seguridade Alimentaria, ubicada en Parma, unha das zonas máis afectadas, realiza un seguimento do Covid-19

Representación do coronavirus de Wuhan. Fonte:Center for Disease Control and Prevention.

Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA, polas súas siglas en inglés) está a realizar un seguimento estreito da situación en relación co brote da enfermidade do coronavirus (Covid-19), que está a afectar a un gran número de países de todo o mundo. Na actualidade non hai probas de que os alimentos poidan ser unha fonte ou unha vía de transmisión probable do virus.

Marga Hugas, científica xefa da  EFSA, afirmou: “As experiencias de anteriores brotes de coronavirus afíns, como o coronavirus causante da síndrome respiratoria agudo grave (SARS-CoV) ou o coronavirus causante da síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV), indican que non se produciu transmisión a través do consumo de alimentos. Actualmente non hai probas que suxiran que este coronavirus sexa diferente nese sentido”.

O Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) declarou que, aínda que a fonte da infección inicial en China foi algún animal, o virus está a propagarse agora entre as persoas, especialmente ao inhalar as gotiñas presentes no aire cando unha persoa tose, esbirra ou exhala. Pódese consultar máis información sobre o coronavirus e os alimentos neste documento de preguntas máis frecuentes do BfR, o órgano alemán de avaliación de riscos.

Os científicos e as autoridades de todo o mundo están a realizar un seguimento da propagación do virus e non se informou de ningún caso de transmisión a través de alimentos. Este é o motivo de que a EFSA non interveña actualmente na resposta aos brotes de Covid-19. A pesar diso, está pendente da bibliografía científica, no caso de que poida aparecer información nova e relevante.

En relación coa seguridade dos alimentos, a Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou recomendacións para a prevención, que tamén inclúen asesoramento sobre o mantemento de boas prácticas hixiénicas durante a preparación e a manipulación dos alimentos, como lavarse as mans, cociñar ben a carne e evitar a posible contaminación cruzada entre alimentos cociñados e non cociñados. Pódese atopar máis información no sitio web da OMS.

Reducir as posibilidades de contaxio

A EFSA ten a súa sede en Parma, no norte de Italia, que é unha das zona suxeitas actualmente a restricións de movementos, unha medida de emerxencia imposta polo Goberno italiano. Desde a última semana de febreiro, adoptou unha serie de medidas de conformidade coas recomendacións das autoridades italianas.

Introduciu o teletraballo para a maioría do persoal, así como teleconferencias con expertos e socios, mentres que os eventos, as viaxes do persoal e as visitas públicas ás instalacións da  EFSA suspendéronse, polo menos, ata o 8 de abril. Estas medidas están a revisarse constantemente para axustarse á nova información recibida.

O Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades ( ECDC) está a actualizar constantemente a información que chega de forma graduada sobre o brote así como as avaliacións de risco utilizadas polos Estados membros da UE e a Comisión Europea nas súas accións de resposta. A Organización Mundial da Saúde coordina os esforzos a escala mundial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *