O papel da muller na alta cociña visto por dúas xeracións de estrelas Michelin

Beatriz Sotelo e Ana Gago conversan no documental 'Cociñando na fin do mundo' sobre as dificultades que tiveron para ser chef dos seus afamados restaurantes

O papel da muller nas cociñas é un tema que se aborda nun dos capítulos do documental ‘Cociñando na fin do mundo’. Nel conversan dúas xeracións de estrelas Michelin galegas, Beatriz Sotelo e Ana Gago. A conversa sucedeu no antigo restaurante La Estación de Cambre e xirou acerca dese papel secundario que ten históricamente o sexo feminino na alta cociña, e que mulleres como elas fixeron por cambiar.

No inicio do episodio aparece Beatriz Sotelo, membro do Grupo Nove, cociñando na súa casa xunto ao seu fillo e asegurando que sempre que lle preguntan por que hai tan poucas mulleres nas cociñas di o mesmo. “Eu creo que son os roles que temos, que son innatos. A muller ten que ser a ama de casa, ten que ser nai, conciliar unha familia, un fogar…”.

Ana Gago, estrela Michelin durante 15 anos con Casa Pardo, o primeiro restaurante coruñés que levou a distinción grazas ao traballo desta revolucionaria cociñeira, reafirma o comentario da súa colega. “Eu traballaba na cociña e o meu marido traballou sempre na sala. Hai unha diferenza moi grande cando ti pos un mandil e outra persoa pon unha gravata. O que se pon a gravata ten un horario, ou adoita telo, pero o que se pón o mandil non sabe cando vai rematar. O home pode saír a xogar unha partida ao squash, ao fútbol, a xogar ás cartas, a tomar unhas copas, pero ti, se tes fillos, ese tempo que tes para dedicalo a ir tomar un café cunha amiga vasllo dedicar aos fillos, porque para iso es nai. Hai cousas que non se poden cambiar”.

Beatriz Sotelo entende que cando unha muller acepta o papel de chef nun restaurante de alta cociña “ten que renunciar a moito. Á túa familia, a todo”. Gago explica a parte boa que ve de levar esa responsabilidade, que tamén dá moito, e afirma que “veñen á túa casa a traer cartos. É certo que estou traballando, pero non teño que ir a un comercio, nin coller o autobús, nin o coche. Eu estaba na miña casa traballando porque eu ao bar chamáballe a miña casa e a xente que tiña arredor era a miña familia”. Sotelo replícalle dicindo que “é un restaurante onde vas comer e non á túa casa”.

Despois a cociñeiro do Grupo Nove recórdalle a Ana Gago unha conversa que tiveron no pasado, cando lle comentara que debía ser nai, que non deixara pasar o tempo, porque “se estás cociñando pasa todo moi rápido”. A antiga cociñeira de Casa Pardo lembra que cando casou o seu primeiro fillo, a sensación que tivo foi de que non se enterara de nada deses 29 anos por estar sempre na cociña do seu restaurante. “Os meus 29 anos estaban no baixo do restaurante Pardo. E iso que sempre procurei que merendara no noso local. Nin era que levaba a cea feita do restaurante, eu facía a cea para que a miña casa cheirara a fogar”. A isto Bea Sotelo responde que ata que non foi nai na súa casa non houbo fogar, porque non era obrigatorio cociñar.

O resumo que deixan as dúas cociñeiras é que cambiar o reparto de papeis na sociedade non vai ser posible, cando menos, de momento. “Os tempos van cambiando, as cousas van mudando, pero as nais seguimos sendo nais, e os pais seguen sendo pais, e dous e dous seguen sendo catro”, conclúe Ana Gago, que recoñece que desde que pechou Casa Pardo bota unha man ao seu fillo no restaurante coruñés da Domus, pero que xa non leva a mesma responsabilidade. Beatriz Sotelo hai dous anos que deixou o restaurante La Estación onde tivo lugar esta conversa. Agora é profesora no CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e nas fins de semana traballa nos banquetes do restaurante Illas Gabeiras en Ferrol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *