Cando o inverno está chegando a súa fin, é o momento da primeira feira de viño das que se celebran en Galicia, como é a de Chantada. Os caldos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra danse cita nesta na carpa instalada no centro do pobo, con catorce adegueiros presentes en stands que imitan os bocois de viño. A Feira do Viño de Chantada naceu no ano 1983, cando se celebrou a súa primeira edición, respondendo ao espírito de cambio que xurdiu no sector vitivinícola do sur da provincia de Lugo.
Despois da Feira do Albariño, a do Viño de Chantada é a máis multitudinaria en canto a asistencia das feiras do viño galegas. Calcúlase que nestes tres días, de venres a domingo, pasarán por ela unhas 20.000 persoas. Como cada ano, os viños serán brancos e tintos xóvenes, doutras anadas, ademais de viños pasados por madeira.
Unhas 20.000 persoas pasarán por Chantada na que constitúe a segunda feira do viño con máis asistencia das galegas
Esta é a oportunidade para que os adegueiros amosen por primeira vez o viño que obtiveron da última colleita. O que se agarda é que sexa moi semellante á do ano pasado, con pequenas diferenzas de calidade. “A estas alturas o ano pasado o viño estaba un pouco máis feito, máis bebible que o desta do 2019. Prevese unha anada moi boa polo que vimos na cata de calificación de hai uns días. O que pasa é que son viños que teñen un percorrido máis longo, e que non están no seu mellor momento agora mesmo”, comenta o sumiller Bruno Lobelle.
Por esta razón non todas as adegas están polo labor de sacar o viño xoven tan cedo. Con respecto ao ano pasado estarán tres adegas menos, catorce contra as dezasete da pasada edición. “Tamén poden traer o viño da temporada previa, pero sucede que hai adegas ás que xa non lles quedan existencias. A idea da feira é que as adegas veñan co seu viño novo”, comenta o enólogo. A previsión, a pesar disto, é que o consumo da feira estea arredor de dez ou doce mil botellas. Dez referencias serán de viño branco, e catorce de tinto. Sen embargo, a sensación é que se venderá antes o branco que o tinto.
A previsión é que se consuman entre dez e doce mil botellas de dez variedades de viño branco e catorce de tinto
Na feira terán lugar dúas catas a cegas con premios en cada unha delas. Para os mellores viños xóvenes da feira, na cata popular que terá lugar o sábado de 16:30 a 19 horas. E logo a oficial, que se reserva para o domingo pola mañá, terán premios para as diferentes categorías: branco, tinto xoven e outras anadas ou viños pasados por madeira.
Esta será a primeira vez que a feira contará cunha experiencia como é o túnel do viño. A diferenza da cata popular e a oficial, que son catas a cegas, aquí son a botella descuberta. Bruno Lobelle apunta sobre isto que se trata dunha iniciativa que xa tiñan pensado o ano anterior, pero que non se puidera levar a cabo. “Aquí facemos unha representación de todas as referencias. Instalamos o túnel no auditorio municipal de Chantada, a escasos metros da carpa principal. A idea é que a xente pase por alí antes de ir á feira e vexa as marcas, tipoloxías, e demais que se vai atopar”. O prezo deste paso polo túnel é de 10 euros, e nel vai incluído unha cata de viños e unha guía de cata. O que pase por aquí pode consumir o viño de forma pausada e cun aforo limitado. Estará aberto sábado e domingo.
Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada, comenta sobre esta novidade do túnel do viño. “Os viños novos aínda non están feitos de todo, polo que non contan aínda a verdade. De aquí a xullo ou agosto en botella melloran moito, polo que estamos valorando repetir a experiencia do túnel do viño tamén no verán”.
O viño novo da colleita do 2019 aínda precisa un percorrido máis longo polo que non está no seu mellor momento
Esta feira consolidouse como unha das máis importantes do noroeste peninsular. Nela conxúganse de maneira tradicional o espírito das festas dos nosos antepasados coas máis modernas técnicas de elaboración e venda aplicables ao sector vinícola, que nos últimos anos protagonizou un despegamento sen precedentes en ningunha zona de produción.
O viño converteuse nun importante motor económico para a área de Chantada, onde se sitúa unha das subzonas do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que conta con 24 adegas e abarca unha extensión aproximada de 64 hectáreas. A variedade Mencía é a máis cultivada como monovarietal. Son viños do ano cor guinda, con xusta acidez e aroma afroitado. As cepas cultivadas para os viños brancos son das variedades Godello, Albariño, Loureira, Treixadura, Dona Branca e Torrontés. Os tintos son de uvas Arrolaba, Brencellao e Merenzao.
Deixa unha resposta