TasteLab: cando o sabor marca a liña entre o éxito e o fracaso

A compañía con base en Lugo é unha referencia internacional no asesoramento sensorial ás empresas do sector da alimentación

Proba de cata de queixo crema usando o software SensesBit. Imaxes cedidas por TasteLab.

O sector da alimentación move un enorme volume de negocio porque vive dunha necesidade básica de todos os seres humanos. Comer e beber son actividades imprescindibles para que o noso organismo funcione, pero tamén son momentos que nos achegan experiencias pracenteiras en forma de sabor que dan sentido a parte da nosa vida. Un mínimo cambio no deseño sensorial dun produto pode supoñer “millóns de euros de beneficios ou perdas” para grandes empresas, segundo explica Maruxa Quiroga, CEO de TasteLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela que é a primeira empresa de tecnoloxía sensorial de España. Esta empresa converte os sabores nun gran volume de datos para que as empresas decidan dun xeito moito máis áxil.

O sistema polo cal sentimos pracer e satisfacción á hora de degustar un determinado alimento é unha complexa rede na que interveñen diversas partes do organismo. Cal sería, por tanto, o produto “perfecto” para o consumidor? “Aquel que conxugara harmonicamente todos os sentidos que entran en xogo no seu consumo pola nosa parte; todos inflúen na experiencia final, porque o sabor é un destino ao que se chega sublimando todo o camiño percorrido”, explica Quiroga.

Maruxa Quiroga é a CEO de TasteLab.

Maruxa Quiroga é a CEO de TasteLab.

Estímase, segundo datos que manexa TasteLab, que un 80% dos 13.000 produtos no sector da alimentación que se lanzan cada ano fracasan e acaban fóra do mercado. “O fracaso ou éxito está en dous puntos de sabor amargo, un de doce ou tres de salgado respecto a un produto da competencia; ese é o factor definitivo. Claro que tamén inflúen outros aspectos, como o márketing, o empaquetado, a trazabilidade, etc. Pero grazas aos estudos sensoriais que temos feitos sabemos que un cliente repite a súa compra grazas ao sabor: é un criterio de compra e crecemento definitivo no século XXI”.

O ‘big data’ do sabor

Como é posible converter os sabores en ‘datos’ para procesalos en grandes cantidades? TasteLab organiza de forma periódica actividades con catadores e outro tipo de investigacións. “O sabor non deixa de ser unha percepción que se pode avaliar de moitas formas: pode ser dicotómica (gústanos ou non), ou de escala (moito, bastante, algo, nada). Estas respostas poden asignarse a un valor numérico que nos axude a comparar produtos semellantes, e se ademais identificamos os atributos que fan característico a ese sabor, obtemos un montón de datos que podemos procesar. E canto máis datos teñamos, máis fiables van ser as análises”.

Neste tempo, TasteLab, desenvolveu todo tipo de traballos de asesoramento que poñen de manifesto a relevancia das súas tarefas, e numerosas anécdotas dan conta da importancia da investigación sensorial. “Pero hai unha que define perfectamente en que punto se conxugan os obxectivos dunha empresa, a satisfacción das necesidades do mercado e a nosa proposta sensorial e comercial: hai moi poucos meses tiven unha conversa cun importante empresario do retail en España, un dos líderes do sector” lembra Maruxa Quiroga.

Cata realizada por TasteLab.

Cata realizada por TasteLab.

“Conversabamos sobre o traballo que realizamos en Tastelab e o recoñecemento que nos dera a empresa Pascual como mellor startup de 2018. Pois ben, este empresario estaba preocupado polo estancamento de certos produtos, e entón eu pregunteille: ‘A ti gústache o queixo’. E respondeume: ‘Claro’. Volvinlle preguntar que tipo, e el díxome que o curado. Pregunteille tamén por que o curado e non outro, e ao dubidar, eu díxenlle que o noso software soluciona este tipo de dúbidas, e as dos seus clientes, a través de respostas automáticas obtidas a partir das nosas investigacións”, continúa a responsable de TasteLab. “Con estas respostas, nós colliamos o teléfono e diciámoslle por que gusta máis ou menos un determinado produto. Este empresario é agora cliente noso”, conclúe.

SENSEBIT, referencia internacional

Un dos importantes fitos da empresa foi o desenvolvemento de SENSESBIT, un software adaptado ás necesidades do sector do consumo (alimentación, cosmética, téxtil, etc.) que queira poñer o foco no consumidor e queira xestionar os seus propios estudos cunha ferramenta propia.

“SENSESBIT converteunos na única empresa a nivel mundial que pode poñer ao servicio dos nosos clientes e do mercado unha plataforma que ten características que ningún outro software ten. Hai experiencias en Silicon Valley ou na China neste sentido, pero nin sequera permiten obter informes automáticos. Ademais, podemos dicir sen medo a trabucarnos que TasteLab naceu para chegar a este momento: dispoñer, e poñer a disposición das industrias agroalimentarias, farmacéuticas, e cosméticas, dunha ferramenta definitiva desde o punto de vista científico e comercial, baseada en centos de atributos sensoriais que atesouramos na nosa biblioteca desde hai anos e dos que ningunha empresa dispón tampouco hoxe en día. SENSESBIT tamén nos permite comezar a internacionalización, e chegaremos no vindeiro ano aos mercados europeo e latinoamericano”.

As análises son acaídas non só para grandes cadeas, senón tamén para produtos achegados ao territorio, como as Denominacións de Orixe ou as Indicacións Xeográficas Protexidas que queiran controlar as características diferencias dos seus productos a través do análise sensorial, SENSESBIT é capaz de validar automáticamente se o panel de catadores adestrado está calibrado ou se pola contra necesita máis adestramento.

O estudo sensorial, como outros sectores, tamén está a experimentar unha revolución coa chegada da intelixencia artificial. Grazas a ela, a ferramenta SENSESBIT, desenvolvida por TasteLab, achegará “datos aínda máis irrefutables se cabe, desde o punto de vista estatístico-matemático, por exemplo, e polo tanto máis completos, rápidos e definitivos” engade a CEO da empresa. Na actualidade, o software xa está dispoñible en galego, castelán e inglés, e proximamente estará en máis idiomas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *