A UVigo lanza un plan para mellorar o cultivo do ourizo de mar

Impulsado pola Ecimat coa colaboración da Confraría de Cangas, o proxecto Ocimer tamén repoboará a ría viguesa con 20.000 exemplares

Equipa responsable do proxecto Ocimer.

O ourizo de mar é unha pesqueira de alto valor comercial e o seu consumo pode ser trazado ata a prehistoria, pero a sobreexplotación dos bancos naturais provocou nos últimos anos unha importante diminución da explotación mundial desta especie, da que Galicia é a principal produtora en Europa.

Para facerlle fronte a esta situación, países como Xapón ou Estados Unidos, dous dos maiores produtores mundiais, comezaron a apostar pola acuicultura e a desenvolver plans de explotación e experimentos de repoboación a escala piloto.

É neste contexto no que xurde o proxecto Ocimer, unha iniciativa da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (CIM-UVigo) para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar Paracentrotus lividus (Lamarck, 1816). Con dous anos de duración e un orzamento total e 148.420€, o proxecto forma parte da convocatoria Pleamar, que impulsa a Fundación Biodiversidad, entidade que financia un 70% do total dos custes, grazas a fondos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Este mércores, os seus responsables presentaron as principais liñas de investigación na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, socio do proxecto xunto coa Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas.

Noelia Tourón, técnica responsable do proxecto.

O obxectivo xeral do proxecto é implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e metodoloxías de repoboación do ourizo de mar, que contribúan a mellorar a calidade das gónadas producidas, ampliando o seu período de comercialización no mercado, así como a recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas e da actividade pesqueira asociada.

Para isto, procederase a repoboar con 30.000 exemplares zonas sobreexplotadas da ría de Vigo, como avanzaba a técnica responsable do proxecto, Noelia Tourón. “Imos facer pequenas soltas experimentais para avaliar a taxa de recuperación e supervivencia e despois farase a repoboación a maior escala, probablemente nas illas Cíes”.

A investigadora lembrara que, dado o incremento exponencial do prezo deste produto ano a ano, “comeza a ser rendible facer criadeiros de ourizo autóctono, e agárdase que en poucos anos se incremente moito a produción, tanto para o mercado nacional como para exportar”, xa que a produción galega se destina principalmente a Francia e Bélxica. Ademais, no marco do proxecto tamén se traballará na optimización de todas as fases de cultivo “de forma que se produza o maior número de xuvenís no menor tempo posible e implementaranse dietas de crecemento”, co que agardan obter unha taxa de supervivencia do 60%.

O estudo quere implementar dietas de crecemento para mellorar a produción de ourizos

O acto de presentación foi aberto por Jose Manuel García, director da Ecimat e Montserrat Martínez Morán, directora adxunta do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que fixo fincapé na importancia de que este tipo de proxectos conten co parque nacional, “un lugar controlado que achega moitas facilidades para a investigación”.

García, como IP do proxecto Ocimer, lembrou que o ourizo de mar “pasou de ser unha especie secundaria a ser un produto cunha demanda enorme que obrigou a desenvolver plans de explotación que aseguren a sostibilidade deste recurso”.

O proxecto é unha aposta da Ecimat nesta liña co obxectivo de “fomentar a sostibilidade pesqueira e acuícola así como a conservación da súa biodiversidade”. Avanzou que o equipo de investigación se centrará en tres liñas de traballo principais. Unha delas está orientada á cría e repoboación en zonas de extracción pesqueira optimizando o proceso produción de xuvenís e centrándose, sobre todo, nas fase de fixación e metamorfose, para o que contan coa colaboración da Confraría de Pescadores de Cangas.

En relación a esta liña, puntualizaba García, “un aspecto que nos preocupa é a conservación da biodiversidade dos ourizos na contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas e, neste sentido crearase un biobanco de especies autóctonas, para o que se desenvolverán protocolos de criopreservación de material biolóxico e reprodutivo de diferentes especies de ourizo de mar locais”. Unha terceira liña de investigación pasa por deseñar dietas que melloren a condición, textura e cor das gónadas dos ourizos antes da súa comercialización.

Xunto co investigador responsable do proxecto, Jose Manuel García, están involucrados en Ocimer Damián Costas, responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños da Ecimat e Estefanía Paredes, investigadora do grupo EcoCost do CIM-UVigo e responsable do Servizo de Preservación Funcional de Organismos Mariños da Ecimat. Ao peche do proxecto, o equipo creará un manual integral de cultivo de Paracentrotus lividus e agardan publicar os resultados en revistas científicas internacionais. Todos os avances que se vaian realizando poderán seguirse a través das redes sociais en @ocimerUvigo.

O ourizo de mar é unha especie de alta importancia ecolóxica xa que, como explica a investigadora Noelia Tourón, “conforman a biomasa máis importante do fondo mariño e son grandes reguladores das macroalgas, modificando incluso a composición e a riqueza de especies do fondo”. A científica tamén remarca a súa vulnerabilidade, dado que cando se reproducen “forman grandes bancos de ourizos, polo que sobrepesca e a pesca ilegal lles afectan moito, ao seren, ademais, unha especie de crecemento lento”.

Pero non só teñen importancia ecolóxica, senón tamén comercial e seu valor foise incrementando exponencialmente nos últimos anos. Galicia é a principal produtora de Europa e, dende a década dos 2000 a produción mantívose arredor das 750 toneladas/ano. Os prezos aumentaron de xeito destacado, chegando ao máximo en 2016, con 7 euros/kg de media anual e picos de máis de 20€/kg. Así, nos dous últimos anos, Galicia rexistrou un volume anual de 4,5 millóns de euros de valor económico, máis do dobre do rexistrados dous anos antes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *