Luces e sombras dos mercados gastronómicos: as claves do éxito

A autenticidade, mesturar a tradición coa innovación ou facer das prazas de abastos un lugar de encontro son algunhas das receitas empregadas

A nave número 5 é a que está adicada aos espazos de restauración no Mercado de Abastos de Santiago

Galicia sumouse con forza nos últimos anos á moda da apertura de espazos de restauración nas prazas de abastos, así como da inauguración de mercados gastronómicos. Desde entón, atopamos casos de éxitos e tamén de peches por ausencia de clientes. Cales son as claves para que este tipo de espazos funcione? Aínda que cada caso ten as súas particularidades, parece que hai características que poden garantir unha boa aceptación.

O auxe dos mercados gastronómicos atopou en Santiago de Compostela o seu epicentro. A Galiciana abriu as súas portas en pleno ensanche compostelán no 2018, e uns meses despois foi a quenda do Mercado de Boanerges. En Vigo, coa apertura do espazo gastronómico no mercado do Berbés, ou a experiencia de locais de restauración no do Progreso, comprobaron como o fracaso tamén é posible e só nas constantes reivencións ou mesmo no tradicional cabe atopar unha salvación.

O mercado de Abastos de Santiago está considerado como un dos catro mellores de España, segundo a valoración feita por Mercasa. Este foi un proceso lento e que atopou moitos atrancos polo camiño. Agora pasan por ser o segundo lugar máis visitado da cidade, e por outra parte, grazas á multitude de actividades que levan a cabo, están permanentemente no foco de atención dos medios de comunicación. Estes son os argumentos que lles permitiron gañar en visibilidade, como asegura a súa xerente, Marta Rey.

A transformación do mercado que hai 20 anos colleu a cooperativa de comerciantes foi enorme. Daquela, a preocupación era moi grande, porque ata cambiar unha bombilla implicaba un proceso burocrático. “Contan que se facía unha solicitude ao Concello e cambiábana, pero podían tardar dous meses. Ti non podes tratar de vender produtos sen limpeza nin iluminación. Por non falar xa do que hai hoxe, que é unha liña de marketing e de marca, que é o que busca conseguir o mercado de Santiago”.

O Mercado de Abastos de Santiago é o segundo lugar máis visitado da cidade e está considerado un dos mellores de España

Naves do peixe, a figura da paisana que vén cos grelos ou a que anda a vender queixo… aínda que non merques, é unha visita agradable que facer. Para conseguir o que agora existe, primeiro houbo un labor de limpeza. Despois trataron de implementar formatos que pedían as novas tendencias comerciais. “Temos moita proba erro. Por exemplo, o servizo a domicilio de hai 10 anos non ten nada que ver co de agora, que aínda tivo outra volta máis”. Neste momento, conviven o tradicional coa innovación. Son 8 naves, dous murallóns e dúas salas na rúa das Ameas, nos que hai un posto de doce, que son espazos de restauración.

Furgoneta de reparto do mercado de abastos de Santiago

Furgoneta de reparto do mercado de abastos de Santiago

O primeiro paso foi o posto que colleron para o Abastos 2.0, que hoxe é unha referencia como cociña de mercado, pero que inicialmente non pretendía ser máis que un lugar de comida para levar. “As súa neveira é o mercado. Iso é o que venden. Probablemente, se non estivesen no mercado, non terían o mesmo éxito que teñen. Atopamos moitos problemas para que o Concello dera o permiso a esta apertura”. Unha vez que isto sucedeu, foron liberando unha nave, na que non podían poñer máis peixerías, panadarías ou chacinarías. Se poñían máis comercios deste tipo, non era bo nin para os novos nin para os que xa estaban. Por iso decidiron montar a nave de restauración.

Agora existe un posto de restauración na rúa Ameas, que é o Abastos 2.0, e na nave número 5 hai 7, e quedan 3 máis que están ofertando neste momento nunha poxa pública. “Consideramos que o número que hai vai ser suficiente. Serán 11 postos máis unha viñoteca. Tamén podes mercar un queixo, ou un anaco de empanada e comelo nas mesas que están no centro da praza”.

Arredor do mercado estanse ubicando moitos tipos de establecementos nunha zona que pasou de ser un lugar polo que a xente nin quería pasar, a converterse nun dos sitios máis visitados da cidade. “Non vou falar dos fracasos dos demais, pero podo dicir por que creo que triunfa o mercado de Abastos. Unha, por ser o segundo lugar máis visitado da cidade. E dúas, porque antes a xente desconfiaba do mercado, e agora todo o mundo sabe que é un lugar onde che van tratar ben. Tentamos que a cidade crea que a praza é súa. O turista atopa aquí a esencia da terra. Se deixaramos de ter isto, non seriamos atractivos. O turista busca algo auténtico, e nós aínda temos esa autenticidade. Agora buscamos experiencias nas nosas viaxes, e vir á praza é un espectáculo de balde”.

O espazo de restauración do mercado de Pontevedra está situado no primeiro andar

O espazo de restauración do mercado de Pontevedra está situado no primeiro andar

Seguindo este exemplo como referencia, o mercado de Pontevedra trata, desde o pasado mes de agosto, de dinaminizar a zona, e converterse nun espazo de encontro da cidade. Encarna Dapena, xefa de servizo de Promoción Económica do Concello, asegura que “non nos gustaría que nos pasase o que sucedeu noutras cidades galegas, que fracasaron nestas iniciativas. A praza ten unha vida importante e pensamos que iso é o que pode tirar do resto. Queremos que sexa un espazo revitalizador con moito dinamismo e iso podemos conseguilo facendo moitas actividades e implicando á cidade nelas”.

Os postos de restauración en Pontevedra abren pola mañá de martes a domingo dun xeito non continuado, polo de agora, salvo na fin de semana. Ademais dos postos de restauración, hai un espazo lúdico para os rapaces que se chama o Ganapán. A idea é revitalizar esta zona da cidade, porque aínda que o mercado está céntrico, o que se buscaba era usar un espazo que estaba infrautilizado no primeiro andar. Agora mesmo son 42 casetas as que están ocupadas, cuns 25 postos de restauración e aínda quedaron moitas sen adxudicar, que agardan que se poidan cubrir nun futuro próximo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *