Falece José Luis Cuerda, gran embaixador dos viños galegos

O cineasta e adegueiro foi un prescritor entusiasta dos caldos de O Ribeiro e mesmo fixo un documental sobre eles

O cineasta e adegueiro José Luis Cuerda

O cineasta e adegueiro José Luis Cuerda, director, produtor e guionista de cinema faleceu hoxe aos 72 anos na súa casa de Madrid. O director de ‘Amanece que no es poco’ (1989), película de culto que pasou á historia do cinema español, rodou a súa última cinta, continuación desta, ‘Tiempo después’ en 2018. Cuerda (Albacete, 1947) é coñecido tamén por dirixir as adaptacións de ‘A lingua das bolboretas’ (1999) e ‘Los girasoles ciegos’ (2008), pero tamén porque nas dúas últimos décadas exercía de galego nas súas propiedades na provincia de Ourense.

Foi despois de rodar ‘O Bosque Animado’ e ‘A lingua das bolboretas’ cando Cuerda se enamorou de Galicia. Grazas aos beneficios que obtivo por producir as primeiras películas de Alejandro Amenábar, ‘Tesis’ (1996) e ‘Abre los ojos’ (1997) ou ‘Los otros’ (2002) cando mercou unha casa do século XVI en Gomariz no concello de Leiro e incorporou alí unha adega. “O que tiña á beira eran viñas, polo que decidín creala. É algo que me gusta moito e do que aprendo. Pero tamén require moito traballo e un investimento enorme, polo que podo dicir que eu todo gasteimo en viño”, bromeaba no seu día o manchego que se converteu en embaixador dos viños galegos.

Cuerda profesou sempre un gran agarimo por Galicia, e polo Ribeiro en particular, e coidouse moito de facer as cousas ben. Ao edificio principal sumoulle seis hectáreas e media de terreo, compradas a trinta propietarios, nas que plantou viñas con castes autóctonas para poder elaborar un viño de calidade. Así xurdiu o San Clodio, que así se chama a adega que desde hai 15 anos era propiedade do cineasta convertido en adegueiro na provincia de Ourense.

Pero non era só polos viños de O Ribeiro polos que fixo de abandeirado dos caldos galegos. No programa ‘Un País para comérselo’ de Televisión Española, con Imanol Arias e Juan Echanove, Cuerda ensinoulles o mundo do viño e a orixe romana tanto da cidade de Ourense como a súa relación cos viños da Ribeira Sacra. Tamén fixo un documental en 2010 co que narraba a historia do viño de O Ribeiro e a súa comarca. ‘Ribeiros do Avia: vida, cultura e viño’.

Cuerda dicía que para cada unha das súas películas tiñas un viño: para ‘Los girasoles…’, “Viña Mein”; para ‘A lingua…’, “ Vilerma” tinto; para ‘O bosque animado “Sanclodio”. “E copas, as que o corpo e o bo xuízo aguanten. Chegado o momento da confusión, que opten por unha das dúas cousas e abandonen a outra: ou cinema ou viño”, comentaba un Cuerda que aseguraba que mesmo Woody Allen probara os seus viños galegos e que lle mandara un e-mail que dicía: “Fas tan bo viño como películas”. Ao neoirquino gustáralle moito ‘A lingua das bolboretas’, pero tamén o viño galego de José Luis Cuerda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *