Investigadores do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC participan nun consorcio xunto con universidades, produtores e centros de investigación de Galicia, Castilla y León e País Vasco no grupo operativo suprautonómico ‘Lúpulos de Calidade’. Este grupo acaba de recibir unha achega de 577.796 euros do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) para o desenvolvemento de accións orientadas a fomentar a innovación e a valorización, ademais de para mellorar a calidade do lúpulo producido en España.
Os obxectivos do grupo operativo céntranse na mellora, a través da innovación, da competitividade das explotacións, mediante a xestión da rega, o mantemento das condicións do solo, o control das enfermidades das plantas e a sustentabilidade económica e ambiental das plantacións, relatou Javier J. Cancela, investigador da EPS de Enxeñaría. O programa de actuacións deseñadas no marco deste grupo operativo inclúe tamén o ensaio de novas variedades de cultivo, a posta en valor doutros produtos derivados do lúpulo e a reciclaxe dos residuos. Unha vez obtidos os resultados, o grupo deberá divulgar as súas conclusións en cada unha das comunidades autónomas que participan no programa de innovación.
A achega financeira outorgada a este grupo operativo, liderado pola SAT Lúpulos de León, inclúese no Programa Nacional de Desenvolvemento Rural, que na súa última convocatoria tamén financia outros 46 grupos operativos do sector agrogandeiro e forestal. O importe total destes subsidios suma 25 millóns de euros para os anos 2020 e 2021.
Os investigadores da EPS de Enxeñaría vinculados como membros beneficiarios deste consorcio creado para mellorar a calidade do lúpulo en España, José J. Cancela e Xesús Pablo González, salientaron que o proxecto botará a andar este ano cunha achega de 273.764 euros, contía que se elevará ata máis de 303.000 en 2021.
Xunto cos investigadores da USC e os cultivadores agrupados na SAT Lúpulos de León, tamén figuran como socios deste grupo operativo a cooperativa Lúpulo Tecnoloxía de Galicia (Lutega), de Betanzos (A Coruña), a Universidade de León e os gobernos autonómicos de Castela e León, Galicia e o País Vasco, a través dos centros de investigación Itacyl (Castela e León), Ciam/Agacal (Galicia) e Neiker Tecnalia (Euskadi). Tamén participa como socio a empresa Hopsteiner España S.A., que é a maior transformadora e comercializadora de lúpulo en España, ao tempo que colaboran como socios colaboradores, a Asociación Mariñas-Betanzos (GDR As Mariñas), a asociación Poeda, e a Asociación de Cervexeiros de España.
Experiencia e xustificación
Todos os socios e colaboradores do grupo operativo do lúpulo español que vén de ser creado acreditan experiencia en diversas actividades no marco do cultivo do lúpulo. Asemade, a heteroxeneidade da composición deste consorcio garante o intercambio de coñecemento e información entre agricultores, centros de asesoramento, empresas e sector de investigación, unha das premisas que recolle o regulamento Feader.
Unha das xustificacións da creación deste grupo responde á necesidade de optimizar as prácticas de manexo e incrementar a produción e a calidade do lúpulo ‘Nugget’, a principal variedade que se cultiva en España, ademais de avanzar no uso racional e eficiente dos recursos dispoñibles para acadar explotacións sustentables.
Deixa unha resposta