Da fábrica á horta: o campo como modelo de vida

Óscar Fernández creou o proxecto 'evida' de produtos agrícolas, tras renunciar a un traballo nunha empresa na que levaba 15 anos

Óscar Fernández na súa horta de A Estrada

Óscar Fernández deixou o seu traballo despois de 15 anos nunha empresa de lámpadas artesanais de deseño. Por unha parte foi por circunstancias familiares, pero por outra, porque entendía que quería apostar por poder vivir do campo. Este xiro radical da súa forma de vida chegou despois de que fixera un curso de agricultura ecolóxica. Meteu os seus aforros nisto e montou un invernadoiro pola súa conta de 600 metros cadrados. Ademais, aproveitando que na casa da súa sogra xa tiña fincas (uns 4.000 metros cadrados), maquinaria e animais, xa contaba co necesario para comezar a traballar no que realmente lle gustaba. Así xurdiu hai 3 anos o proxecto evida co que se deu de alta como produtor. Vende verduras frescas a particulares da súa proximidade na zona da parroquia estradense de Paradela, pero tamén a pequenas tendas de Santiago de Compostela e A Estrada.

Tras uns inicios duros nos que tivo que ir probando cos cultivos, é agora cando por fin empezou a ver que lle dan froitos en forma de beneficios. Pero o seu verdadeiro premio está en poder facer o que realmente lle gusta. “Isto para min non é traballo, é un hobby. Cando dei o paso, trataba de vivir do que me gustaba. Antes collía catarros ou febre, creo que polo estrés, agora xa nunca estou enfermo. A min gústame andar libre. Para min isto é a riqueza, isto non ten prezo”. Desta reflexión vén o nome do seu proxecto evida, xa que Óscar considera que isto “é vida, é saúde”. Antes de deixar o seu traballo de sempre, xa empezou a visitar hortas para ver como facía a xente que vivía disto. Os primeiros anos foron golpe tras golpe. “Isto non é unha tortilla que fas, e sáeche mal e dáslle a volta. Aquí se unha plantación sae mal, tes que esperar ao ano que vén. Eran erros de inexperiencia. Por moito que poñan os libros, logo hai que facelo”.

O estradense cun cesto en miniaturas dalgunhas das hortalizas da súa produción

O estradense cun cesto en miniaturas dalgunhas das hortalizas da súa produción

No seu día a día, ás 6.30 chega o toque de diana. Asegura que non lle bota contas ás horas, e que incluso mercou unha lanterna de sendeirismo para poder alongar a xornada. Nesta época ten repolos, coliflores, col lombarda, col de bruselas, porros, escarola, remolacha, col riza, kiwis e mandarinas. Leva tres anos co invernadoiro, e este é o primeiro que lle quita rendemento. Noutras temporadas tivo que tirar o 50 ou 60% da produción de tomate. “Aínda que o usamos para facer salsas por tratar de aproveitalo”.

Nesta época do ano ten repolos, coliflores, col lombarda, de Bruselas e riza, porros, escarola, remolacha, kiwis e mandarinas

A este pequeno produtor estradense non lle quita o sono o crecemento do seu negocio, pero si lle gustaría contar con alguén que lle botara unha man, a así poder ter máis clientes particulares aos que poder atender. A xente facía pedido o primeiro mes, pero logo non tiña continuidade, polo que se decantou polas tendas. O que vai tendo, vai vendéndoo. “Tes que ter un mínimo de cantidade e de variedade todo o ano, e non dás atendido todo. Eu recollo os quilos que me pidan, lévoos e listo”. Gustaríalle atopar a un “tolo” coma el que queira tamén traballar ao seu carón, e que non teña a sorte de dispoñer de maquinaria e fincas. Tivo contactos con algún restaurante de consumo consciente e alimentación natural, pero non quixo coller os encargos porque agora mesmo non dá para máis. Di que ten potencial porque ten fincas e podería facer máis cousas. “Quero vivir disto, e se dá para vivir dúas familias, mellor que unha, pero non quero facer unha gran empresa de distribución”.

Agora é o momento de recoller todo aquilo que plantou na primavera e no verán. Cando chegan os meses de abril, maio e xuño, salvo o que ten no invernadoiro, non hai moito que recoller. Pero chega o momento de plantar. O único que pode ter nesa época son chícharos ou tirabeques. No inverno sóbranlle metros, e no verán “faríame falta o dobre”.

Óscar Fernández, por cambiar, ata variou a súa forma de alimentación. Antes non sabía o que era unha acelga, nin unha espinaca, nin berenxena, nin cabaciña. “A alimentación é vida tamén. Eu non son vegano, porque como moitas verduras, pero tamén crío polos e porcos”. Para rematar, expresa un desexo en alto. Gustaríalle que nos colexios tiveran unha asignatura onde os alumnos coñeceran de onde vén todo o que lles chega á mesa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *