Roscón de Reis: a verdadeira historia dunha tradición

O costume de incluir dentro da rosca unha faba, figuriña ou moeda foron variacións do doce ao longo dos séculos

Mercado do Roscón en Vigo (1925). Arquivo Pacheco. Concello de Vigo

A historia demostra que a sobremesa do roscón ou rosca de Reis, e a introdución de sorpresas dentro del ou dela, ten un percorrido de máis de dous mil anos. Hai datos que apuntan que a orixe da tradición do roscón de Reis remóntase á época dos romanos. No século II a.C. celebrábase na semana do solsticio de inverno unha festa para celebrar o fin da temporada agraria. Eran as chamadas “Saturnais”, xa que honraban a Saturno, deus romano das colleitas e da agricultura. Esta festa que celebraba o descanso dos escravos, fíxose popular, e esta sobremesa comezou a ser degustada cada ano. Uns cinco séculos maís tarde engadiuse a faba introducida dentro do bolo, como símbolo de fertilidade e prosperidade. O afortunado que atopaba a faba no seu cacho de doce, merecía a fortuna.

Existen gran cantidade de tradicións pagás que ao longo do tempo terminaron incorporándose ás celebracións relixiosas cristiás, este é o caso da tradicional rosca de Reis, que se adoita degustar de almorzo, sobremesa e/ou merenda o día de Reis. É tamén esta a última festividade do período do Nadal.

Foi no século XVIII cando a un cociñeiro ao servizo do rei Luis XV de Francia, que herdou a coroa aos cinco anos, ocorréuselle introducir unha moeda de ouro dentro dunha rosca como sorpresa para o pequeno rei. Desde entón xeneralizouse o costume de incluír unha moeda nas roscas, que pasou a ser o premio anhelado, trasladando a faba á sorpresa non desexada.

En España foi o monarca Felipe V quen introduciu a celebración deste día cun prato importado ao estilo francés

En España o monarca Felipe V, primeiro borbón e neto de Luis XV, probablemente celebraba a Epifanía ao estilo francés, comendo pastel ou rosca. O prato típico dos primeiros días de xaneiro no norte de Francia, así como Bélxica e Flandes, era a galette des rois, que consisitía nun follado recheo de crema de améndoas, con manteiga, ovos e azucre. No centro e sur de Francia o que se comía o 6 de xaneiro era a couronne ou gâteau des rois, coroa ou pastel de Reis, un doce feito con masa de brioche aromatizada con auga de flor de azar con forma de coroa, cachos de froita confeitada e azucre por enriba.

A finais do século XVIII, un alcalde de París prohibiu a elaboración e venda das roscas por consideralas antirrevolucionarias. Durante un tempo, a rosca pasou a chamarse gateau de sans culotte, ou pastel sen bragas.

A finais do século XVIII, un alcalde de París prohibiu a elaboración e venda de roscas por consideralas antirrevolucionarias

A pesar de todo, o roscón de Reis conseguiu sobrevivir á Revolución e aos intentos de facer desaparecer todo o relacionado coa aristocracia. No final do século XIX, un pasteleiro francés afincado en Madrid fabricaba e vendía a torta de Reis, que foi aumentando cada ano a súa presenza e estendéndose polas provincias. Axudou á xeneralización do roscón o agasallo incluído nel, unha faba, unha moeda ou unha figuriña de porcelana en forma de rei.

Precisamente nesa época, en Vigo tiña lugar na Finca de San Roque, o coñecido como Baile da Rosca. O premio para o gañador do baile era a propia rosca, que consistía nun roscón con froitas confeitadas, azucre, ovos, fariña, leite, manteiga… é dicir, cos mesmos ingredientes que leva hoxe, que poden gustar ou non -como no caso das froitas-, pero que son parte intrínseca da tradición. Non hai unha razón que aclare por que nunhas partes de Galicia utilizan o nome de roscón, como en Viveiro, Arteixo ou A Guarda, e noutras o de rosca, como en Pontevedra, Sober ou Navia de Suarna, e que mesmo en Muros empreguen como denominación o rosco.

Gravado do Baile da Rosca na Finca de San Roque en Vigo (1879). Revista "La ilustración Gallega y Asturiana"

Gravado do Baile da Rosca na Finca de San Roque en Vigo (1879). Revista “La ilustración Gallega y Asturiana”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *