Os galegos e galegas téñeno claro á hora de coidar o que comen, e optan polo produto de proximidade. O informe Alimentación Saudable 2018, elaborado por EAE Business School, salienta que o gasto en alimentos en Galicia está un 8% por riba da media estatal, e apóstase en especial polos recursos naturais, como os do sector pesqueiro, o leite e a carne, evitando en boa medida os produtos máis procesados.
A análise destaca a influencia da pesca na cesta da compra. Así, a industria do peixe “é a máis importante dentro do sector da alimentación, cunhas vendas de 2.562 millóns de euros en 2017, o que supón máis do 35% do total dos alimentos. O informe subliña tamén que “o sector pesqueiro achega o 2,1% do PIB de Galicia e o 3,2% do emprego”. En segundo e terceiro lugar do gasto dos galegos en alimentación está a industria cárnica e a dos produtos lácteos, con cifras de 1.156 e 1.042 millóns de euros respectivamente en 2017.
Este pulo da industria alimentaria no país repercute nun maior gasto per cápita dos seus habitantes, con 1.599 euros cada ano, e estando por riba da media estatal en todas as categorías dos alimentos considerados como máis sans.
Xunto a Galicia, o informe salienta a alimentación saudable de comunidades como Navarra (cun 21% máis de consumo de froitas e hortalizas frescas que a media estatal), Castilla y León (cun 20% menos de consumo de refrescos azucrados e pratos precociñados), Cantabria (cun 30% máis de consumo de peixe), e Aragón (cun 30% máis de hortalizas).
Fronte a estas zonas, destácase tamén que Castilla-La Mancha ou Baleares teñen un elevado consumo de refrescos, Canarias, en bebidas azucradas e pouco peixe, e Madrid e Cataluña, con moitos platos precociñados na súa dieta.
Porén, no conxunto do territorio estatal, o estudo expón que existe unha mellora nos hábitos alimenticios da cidadanía, reducindo o consumo de azucre, e aumentando o de froita e hortalizas, o que repercute tamén nas apostas da industria da alimentación por aumentar a oferta deste tipo de produtos saudables.
Deixa unha resposta