O primeiro xantar a cegas

Despois de dous anos preparando unha cea para persoas con disfunción visual, o CIFP Compostela variará o horario desta práctica que inclúe no curso escolar

Os alumnos do CIFP Compostela levan dous anos preparando unha cea para persoas cunha disfunción visual

O CIFP Compostela vai camiño de cumprir o seu terceiro ano incluíndo no seu plan de estudos unha actividade complementaria que trata de eliminar barreiras e dar un paso máis pola igualdade. Comprende unha práctica para o alumnado dos ciclos superiores de Dirección de Servizos de Restauración e Xestión de Aloxamentos Turísticos na que poñen en práctica a formación recibida en atención e trato a clientes invidentes da man da Organización Nacional de Cegos (ONCE). A organización da unha charla informativa ao alumnado e profesorado para coñecer unha linguaxe subliminal á que as persoas con dificultades visuais xa están acostumadas, pero que o resto non. Como recoñecer os pratos, como marcar as mesas, como colocar os cubertos ou como anticipar que se vai servir unha bebida, son varios dos contidos desa formación inicial que dura tres horas e que logo se ve reflectida cunha posta en práctica. Nos dous anos anteriores que se fixo, a actividade consistiu nunha cea, pero este curso será o primeiro xantar que o alumnado realice con persoas con discapacidade visual.

“A idea era facer un servizo integral, porque ás veces esquecemos un pouquiño a todas as persoas que teñen problemas cando se achegan a calquera establecemento de restauración. Deixan de ir a restaurantes porque moi poucos teñen unha carta en Braille, ou os camareiros carecen de formación sobre como tratar a unha persoa con dificultades de visión. Era interesante por iso que, cando se incorporen ao mundo laboral, teñan estas pautas básicas que escasean no mundo da restauración”, comenta Mely Lorenzo, unha das profesoras de servizos de restauración ao cargo desta actividade.

O servizo a cegas ten antes do día da celebración un ensaio previo

O servizo a cegas ten antes do día da celebración un ensaio previo

Como darlle a benvida a un cliente, como acompañalo, cales son os movementos axeitados para que a persoa con carencias visuais poida sentir comodidade, unha linguaxe non verbal que as persoas con disfuncionalidade visual manexan, pero da que non temos coñecemento o resto. Aprenderon que se deben aproximar pola dereita, que hai que falar con voz suave e anticipar a súa presenza para evitar o factor sorpresa, ou un código de sinais para guiar ao usuario con discapacidade visual nun desprazamento, deténdose para advertir a presenza dun chanzo, ou colocándose diante del en lugar de en paralelo para indicar un paso estreito. Estas son algunhas das cousas que aprenden.

Empregan a técnica do reloxo para dispor os alimentos na mesa e tamén no prato

Os alumnos deben coñecer a técnica do reloxo para dispor os alimentos na mesa. A ensalada debe situarse ás seis e media, o arroz ás doce en punto, ou a carne ás tres e cuarto, debuxando así un mapa dos pratos que van servir. O alumnado de dirección de cociña deben estar ao tanto dunha disposición establecida dos alimentos no prato.

O día previo a este xantar, que vai ter lugar este ano no mes de marzo de 2020, fan unha especie de simulacro, para que o día da práctica con persoas con dificultades de visión sexa todo máis áxil. Esa práctica consiste en poñer antefaces ás persoas voluntarias que van ao simulacro. Ao día seguinte acoden as persoas cegas, que xa son clientes reais, e que normalmente son integrantes da ONCE. Non aprenden como dar de comer a unha persoa cega, senon tamén como facer un check- in nun hotel, ou como acompañala á habitación. A parte correspondente aos restaurantes é realizada polo alumnado de Servizos.

Están recibindo formación teórica por parte da Federación de Asociacións de Persoas Xordas pero aínda sen prácticas

Joaquina Alonso, vicedirectora do CIFP Compostela, asegura que non é a única actividade que neste centro están promovendo para a eliminación de barreiras. Tamén están recibindo formación teórica por parte da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXGP), aínda que polo momento non puideron realizar unha práctica dos contidos que reciben sobre a forma de dar servizo as persoas cunha discapacidade auditiva. Aclara que despois de tres anos desta formación teórica “nun futuro próximo esperamos tamén poder concretar algún tipo de práctica. De momento estamos centrados en que coñezan a accesibilidade que tamén estas persoas necesitan cando acoden a un establecemento de restauración”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *