Anatomía do percebe de Nadal

O crustáceo chega nas Navidades a prezos que alcanzan os 300 euros por quilo, condicionado polas mareas, o furtivismo e o risco da actividade extractiva

Cada Nadal sucede o mesmo. Artigos nos diarios falando do elevado prezo do percebe. Cando un se come un percebe pode pensar no caros que saen, pero se sabes o difícil que é collelos, e sobre todo nesta época, entenderás que resultan baratos. Agora é cando en Corme se abre a zona onde din están os mellores percebes de Galicia: O Roncudo. Só hai dous momentos no ano en que se produce esta apertura: previamente a Nadal e na festa do percebe no verán. Este sitio do Roncudo é completamente diferente aos demais. Aquí está o lugar onde din que podes atopar o Santo Grial do percebe, con permiso dos que apañan en Cedeira.

Alexandría Chans leva 20 anos como percebeira en Corme. A súa nai foi percebeira dos 11 aos 65 anos e para ela non hai discusión. “Dentro da nosa costa, mesmo non ten nada que ver o percebe do Roncudo cos outros. O sabor é inconfundible. E o aspecto e o tamaño tamén. O da pedra do Roncudo tamén é diferente ao da terra, estando na mesma zona”. Na mesma liña, Roberto Vidal, o patrón maior de Corme, percebeiro de terra, de a pé, asegura que “o mellor percebe de España está no Roncudo”.

Pero como é este percebe?

Aínda que viva pegado ás rochas, o percebe é un crustáceo, non un molusco. A parte comestible do percebe ten unha pel moura e dura que remata nunha uña formada por varias pezas. O pedúnculo carnoso ou pé é o que lle permite adherirse ás rochas, onde vive, en zonas moi batidas. A cor vermella non é só o que importa para saber se é de boa calidade. Cando o aplastas pode ser todo auga. “O do Roncudo é vermello e a carne está maciza. Nas outras zonas hai cor, pero según lle pasa o tempo, notas que non hai esa calidade do Roncudo”, explica o percebeiro. Percebes hai de sol ou de sombra, eses son normalmente os que apaña a xente maior. Contra a teoría de que estes teñen menos calidade, Roberto di que hai señoras que saben onde collelos bos. Coller un percebe superior vai na pericia de cada percebeiro, pero “o tempo ten que axudar. Se podemos ir a pedra do Roncudo, todos sabemos onde está o bo percebe”.

Na pedra do Roncudo en Corme é onde se apañan os percebes con máis sona de Galicia

Roberto ten amigos percebeiros portugueses, asturianos, e mesmo lle chamaron para apañar percebes en California, despois de que rodara unha reportaxe con Red Bull. “Pagánbame a viaxe para que fose alí a ensinar. Abriron unha zona para apañar, pero o percebe non ten nada que ver, nin sequera na forma. Eu envíolles fotos aos de California dos percebes galegos, e alucinan. Despois do percebe galego só o asturiano está preto, o resto están moi lonxe”. Afirma que o percebe de Corme o ano pasado chegou a superar os 200 euros o quilo no Nadal. Case todo este percebe vai para a mesma subasta en A Coruña.

A esas almoedas é onde vai unha das traballadoras con máis experiencia do céntrico mercado coruñés da Praza de Lugo. Dolores Tenreira ten o posto 7. É a segunda máis veterana das que venden marisco, cos 25 anos que leva vendendo. Colleu a substitución da súa nai e agora tamén os seus fillos venden peixe nesta praza. O prezo máis caro ao que vendeu o quilo de percebe nunha Noiteboa foi a 250 euros o quilo. “Ese día só me sobraron dous quilos e medio”. Cando chegou a casa con eses percebes que lle sobraron, e que estaban a 250 euros o quilo, a súa familia fíxolle unha boa festa. “Eran percebes destes que xa case non os ves”.

A pesar de que o habitual é que o percebe suba de prezo no Nadal, a traballadora da praza de abastos asegura que non ten por que suceder sempre así. “Hai catro ou cinco anos tivemos un Nadal no que se deu tan boa cantidade de percebe, que se podía atopar a 40 euros o quilo. Sen embargo, no pasado ano foi tan malo que ata o de baixa calidade vendeuse caro”. Se normalmente venden para 40, nestas datas son 300 as familias que veñen polo percebe. “Aquí é cando os autónomos facemos a nosa paga de Nadal”, afirma Dolores.

Os percebeiros dependen das mareas. Non é o mesmo unha marea de 0.3 metros, que unha de 1.30, na que é moito máis difícil apañar o percebe. Tamén están moi condicionados pola climatoloxía. Se vai mal tempo non se pode coller, como sucedeu aí atrás no mes de Novembro, incluso houbo un día que nin se abriu, porque non había nada que vender. Isto non lle pasou a Dolores nin cando o desastre do Prestige, porque conseguira traer marisco de fóra. En ocasións teñen probado a traelo doutros lugares: o marroquino, o portugués ou o asturiano, porque moitas veces non hai percebe galego. “O de fóra pode estar bo, pero en xeral a xente nota a diferenza co de aquí. Agora xa non atopas un percebe rico como pasaba antes, e que saía a 30 euros o quilo”.

Dolores sempre tenta ter tres prezos no seu posto, dependendo da calidade do percebe, pero asegura que “nunca hai dous días igual”. Cando vai á lonxa a mercalo di que non se lle ocorre ver de onde vén o percebe. Dálle igual de onde poña que é a súa orixe. “O que fago é ulir, revolvelo, ver a pedra que pode traer da rocha, o tamaño, a cor. Así é como decides, e non porque veña de aquí ou alá”.

Un par de días antes da Noiteboa sempre se dispara o prezo, é aquí cando fan a súa paga extra porque logo apenas poden traballar en xaneiro e febreiro

Este ano a Noiteboa cadra en martes. Iso provoca que non van poder mandalo fóra de Galicia, porque o luns non hai lonxa e o día 24 non atopan mensaxería que o leve. O que busca exportalo debe empezar a compralo moitos días antes e así hai lugares onde xa non os queren. “O deste ano vai ser un percebe bo, porque tivemos mal tempo e chuvia, e iso nótase”, comenta o percebeiro Roberto Vidal. Hai que comprender que en Nadal case sempre vai mal tempo e así apáñase moito menos percebe. O que si pasa sempre é que un par de días antes de Noiteboa disparase o prezo. “Eu levo anos vendendo o percebe do Roncudo bastante caro para quen o compra no Nadal. A xente quéixase de que eses días facemos moitos cartos, pero pode pasar que non traballemos apenas en xaneiro e febreiro”, sinala a percebeira Alexandría Chans. Poden coller todos os días ata 5 quilos, excepto no Nadal e na festa do percebe, momentos nos que o tope ascende a 6 quilos. Isto é xa limpo das pedras e cunha talla mínima.

O ano pasado cadraron varios factores adversos, porque houbo baixas de mar e coincidiron mal as mareas. Tras unha negociación coa Consellería, puideron ter tres días que Alexandría recoñece que foron moi bos. Chegaron a facer unha poxa ás seis da tarde en A Coruña, cando normalmente realízanse ás 6 da mañá. Agora ben, recorda que hai uns anos en Noiteboa non puideron traballar. “O Roncudo é unha zona moi resgardada. Se non se traballa no Roncudo, non se traballa en ningún lado, porque está case dentro da ría. Ese ano non fixemos nada para Nadal”.

No Nadal poden apañar ata 6 quilos de percebe por día de recollida

Para este Nadal entende que as mareas non cadran moi ben. O día de Noiteboa empezarían a traballalo dende o día 16, pero se cadra mal tempo xa non hai moito que facer, porque logo xa vén a fin de semana. Tiña que cadrar un luns 23 espectacular para poder apañar para Noiteboa, e non podemos exceder o tope de quilos”. “En Nadal podemos coller todo o que queiramos nas pedras, que non lle imos facer dano, dálle tempo a recuperar. A chuvia é fundamental para que engorde. Nun verán seco como o deste ano é cando non medran”.

En Corme son entre 30 ou 35 percebeiros, dos cales só 5 son mulleres, e unha vaise xubilar despois deste Nadal. Houbo unha época na que había máis mulleres que homes. Hai 8 anos había o dobre de percebeiros que agora. Moitos xubiláronse, e algúns novos que entraron, non aguantaron. “A xente máis nova non resiste. Andar ao percebe só, é complicado. Por detrás nosa non hai relevo. A maior parte que empezou neste anos a andar no percebe por aquí, xa non é de Corme”, comenta o patrón maior de Corme. Como todo bo percebeiro levou algún bo susto, como que lle tirara a planeadora enriba das pedras. Para el isto é “como un deporte”, de risco, pero deporte. Na súa familia, o seu padriño e o seu avó foron percebeiros. Aos 16 saíu da escola e comezou a apañar percebes. Agora ten 34 anos e non cre que vaia deixalo, pero sabe que non vai ser o mesmo cando se faga maior.

O peor furtivismo é o dos buzos xa que estes poden levar dous ou tres sacos de percebes en marea chea

Na costa de Corme hai uns 28 quilómetros para apañar percebes. Son moitos como para poder ter un bo control contra o furtivismo. Segundo a percebeira Alexadría Chans “toda a vida houbo furtivos. O peor furtivismo son os buzos, non un señor que vén por terra e apaña dous quilos, que ese che fastidia, pero o buzo vai en marea chea, e ti non o ves, e leva dous ou tres sacos de percebes. Onde hai un buzo hai cinco ou sete buzos”. Para Roberto Vidal algo de furtivismo hai pero “eu achaco máis á necesidade dos percebeiros. Se fas un mes de veda hai xente que non ten para comer. Eu hai pouco ofrecín pechar 4 meses pero non é fácil poñer a iniciativa en marcha. Entre que os propios percebeiros non sabemos estar sen traballar un día, e o furtivismo, as pedras non dan para máis”.

Os percebeiros din que hai cuadrillas de furtivos que se desprazan. Todo o mundo sabe que no Roncudo hai bo percebe. Agora hai un furtivismo máis viaxeiro que local. Xa colleron incluso galegos apañando percebe en Francia. En Corme hai dous controladores, pero eles sós non dan para máis que para asustar a algún furtivo. Antes había vixilancia con quendas de percebeiros para controlar. “A xente empezou a deixar de ir, uns por outros, e así agora hai moi pouco control. Arestora o furtivismo é delito, pero ir de noite a apañar percebes só o fai xente que non ten para vivir. Co perigo que supón, só alguén moi desesperado fai isto” conclúe o patrón maior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *