Na lista dos 50 mellores restaurantes do mundo, entre os dez primeiros, atopamos a 3 alumnos que pasaron polo Instituto Galego do Viño. Na actualidade, o servizo de viños de Galicia converteuse nun referente, e a culpa disto hai que buscala nos case dez anos que este centro enolóxico -agora con base na Cidade da Cultura no Gaiás- leva funcionando.
O curso 2019-2020 ten un marcado carácter de turismo con respecto a xeracións anteriores. Preto xa do décimo ano do Instituto Galego do Viño, a valoración do seu director é moi positiva, xa que “esta é a décima promoción e pensamos que estamos atravesando unha etapa de madurez. Cada vez hai máis representantes dos nosos ex alumnos traballando en Galicia e ofrecendo un gran nivel do servizo do viño fóra da nosa comunidade. Estamos tendo unha acollida sen precedentes”, apunta Xoán Cannas. O catador pontevedrés foi o gañador do prestixioso premio Nariz de Ouro no 2004 e quince anos despois segue ofrencendo a súa sabedoría á hora de catar viños.
Boísimo colaborou nunha das clases que reciben os catadores galegos do futuro, no inicio dunha relación que, como o viño do ano, aínda é nova. Neste clase o profesor era outro referente no mundo do viño como é o Doutor en Enoloxía e Ampeloloxía pola Facultade de Burdeos, Dominique Roujou. Na súa clase por unha parte repasaron os defectos do viño e logo cataron viños onde podían atopar eses defectos. A continuación, cambiaron de tema e falaron máis de crianzas e envellecemento do viño en todo tipo de recipientes: de inox, de formigón, de fibra “e sobre todo o impacto da madeira e como lle afecta ao viño”, comenta o enólogo francés.
Boísimo colaborou coa clase impartida polo enólogo francés Dominique Roujou sobre as idades do viño
O perfil dos asistentes a este curso este ano é moi heteroxéneo, xa que na meirande parte son hostaleiros que normalmente non posúen unha base científica previa sobre enoloxía. “Moitos seguro que leron sobre o tema, e terán un coñecemento empírico, pero aquí o obxectivo é que cada alumno teña un criterio propio para poder dicir mañá por si mesmo se cren o que lles pode estar contando un xornalista especializado ou un produtor”. Segundo a opinión de Roujou, as clases teóricas non chegan para obter coñecementos, e subliña a necesidade de acompañalas de catas para poder saír un pouco da teoría. “Non chega só con probar os viños, porque estes non se entenden se non pisan as viñas. O bo é que aquí saen ás adegas para confrontar coa realidade. A etiqueta descuberta pode parecer que o entendes, pero cambia cando non é así”, apunta o experto galo.
Xoán Cannas afirma que poder contar con especialistas como Dominique é un auténtico “luxo” para o Instituto, e ademais constitúe unha gran parte do valor que se lles aporta aos alumnos. “Este networking con grandes profesionais que marcan a tendencia nestes días a nivel internacional, fai que os nosos alumnos teñan información de primeira man, de persoas completamente en activo no sector privado, que son as que lideran o mundo do viño a nivel internacional”. Ferrán Centelles, Josep Roca, Raúl Pérez, Marta Puparelli ou Juanjo Figueroa son algúns dos profesores que pasan por este centro, e que son unha referencia mundial cando se fala de viño.
Deixa unha resposta