A cociña como terapia para superar barreiras

As asociacións galegas de persoas con parálise cerebral celebran desde hai cinco anos un concurso onde poñen a proba as súas habilidades gastronómicas

Participantes no concurso de cociña de ASPACE facendo os seus pratos

A Federación ASPACE-Galicia puxo en marcha xa hai cinco anos un concurso de cociña dirixido a persoas con parálise cerebral. Unha das cousas que tratan de buscar nesta asociación é levar a cabo accións que visibilicen a capacidade de superación das persoas con este tipo de discapacidade. O que pretenden demostrar en ASPACE é que, ao contrario do que se pensa, son xente que se esforza cada día por superar as súas limitacións. Foméntanse con esta actividade en familia, que busca non só visibilizar as súas capacidades, senón tamén promover a realización de actividades conxuntas, que reforcen o vínculo afectivo entre os participantes.

Agora o concurso xa vai pola súa quinta edición. No primeiro ano, o tema de elaboración foron as tortillas; no segundo, as tostas; no terceiro, as filloas; no cuarto, as hamburguesas, e neste ano, buscaron o mellor revolto cun vexetal como ingrediente principal e un número libre de ingredientes a maiores. Os concursantes deben ser unha ou dúas persoas con parálise cerebral, acompañadas dunha persoa da súa familia ou da asociación á que pertencen ( Amencer-Aspace, APAMP Vigo e ASPACE Coruña). O obxectivo é premiar a mellor receita da comunidade ASPACE-Galicia en formato tradicional e en formato triturado/texturizado. Isto é porque algunhas persoas con paralise cerebral necesitan tomar a comida triturada ou texturizada.

Cada un decide como e de que preparar cada prato, así como a maneira de presentalo e acompañalo. A creatividade e autonomía son responsabilidade das persoas con parálise cerebral. Cada un participa na medida das súas posibilidades. Utilizan sistemas para que poidan premer o botón dunha batedora, ou poder cortar cebola nunha táboa axeitada para que non se lles mova cando a cortan… “Xa imos pola quinta edición, e vemos que cada ano hai máis nivel. Preocupánse moito da presentación, vístense dunha forma especial en función do prato que van facer, danlle moita importancia ao proceso. A cociña é unha forma moi sinxela de dar a coñecer todos eses apoios que necesitan”, apunta Nacho Pérez, xerente de ASPACE-Galicia.

O concurso conta cun xurado profesional presidido por unha relevante figura da gastronomía galega, que puntúa diversos aspectos de cada receita, para acabar elixindo dous gañadores, un en cada categoría (tradicional e triturado/ texturizado). Este ano acudiron figuras importantes da cociña galega como Pepe Vieira, Pepe Solla, Rafa Centeno, ou Roberto e Marta de O Balado de Boqueixón. Todos eles referentes no mundo da cociña. Participaron ademais blogueiros como Bolboretas no bandullo, ou a La cocina es vida. Todo o mundo colabora desinteresadamente.

O desenvolvemento do concurso consiste nunha semifinal en cada asociación na que deben elixir dous pratos gañadores, un en formato tradicional e outro en formato triturado/ texturizado. Eses dous pratos premiados en cada unha das 3 semifinais compiten na gran Final. Este ano participaron 23 parellas ou tríos, e novamente resultou unha experiencia fermosa que xa está a preparar a sexta edición, que probablemente se celebrará en Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *