Trinta estrelas Michelin brillan en Negreira

Os irmáns Rial reúnen a grandes cociñeiros nunha iniciativa solidaria que tamén quere promocionar o Camiño de Santiago

Rogelio Rial, de Casa Barqueiro.

Martín Berasateguí, Juan Mari Arzak, Jordi Cruz, os irmáns Torres e Manuel Costiña son algúns dos grandes nomes da gastronomía española e galega que se reunirán o próximo luns, 10 de agosto, en Negreira para participar nun evento solidario e promocionar ademais as bondades da gastronomía e a restauración galegas, nun tempo de dificultade para o sector debido á pandemia da Covid-19.

É o terceiro ano consecutivo en que a iniciativa dos irmáns Rial, de Casa Barqueiro de Negreira, consigue converter á vila coruñesa no epicentro da gastronomía mundial por un día. A convocatoria estaba prevista para a Semana Santa, como os anos anteriores, pero houbo que adiala polos efectos da pandemia.

Nesta oportunidade os beneficios do evento irán destinados a Cáritas pero o obxectivo principal é facer que algúns dos cociñeiros máis destacados do panorama español deixen os fogóns por un día e podan coñecer máis de preto a calidade da gastronomía galega. En total, haberá 250 persoas que asistirán ao evento, respeitando todas as medidas de seguridade necesarias nestes tempos.

Rogelio Rial explica que entre os produtos que poderán degustarse no evento estarán clásicos do país como a merluza de Celeiro ou a carne de tenreira  pero tamén haberá sorpresas como xamón curado en Galicia. “Os cociñeiros veñen como invitados por un día aínda que algúns como Arzak xa son habituais aquí e colaboramos con el dende 2006”, explica Rial.

Ademais dos chefs, no evento estarán presentes unha vintena de empresas do sector agroalimentario de Galicia que facilitarán os produtos para as degustacións que se celebrarán ao longo do día no polígono industrial de Covas da localidade. As entradas para asistir ao evento poden adquirirse en A Taquilla a un prezo de 60 euros, que irán destinados a Cáritas.

Os cociñeiros chegarán ao recinto despois de facer a pé un tramo do Camiño de Santiago con parada no enclave de Ponte Maceira, un punto icónico na xeografía galega e que a Xunta vai declarar Ben de Interese Cultural en breve prazo.

O evento servirá tamén de promoción do Xacobeo do ano que ven e Rial apunta que o ano próximo se pretende darlle continuidade a unha cita que volverá a situar á gastronomía galega coma un referente para moitos visitantes que cada vez teñen máis interese por organizar as súas viaxes con especial atención ás propostas gastronómicas dos lugares que visitan.

Entre os representantes galegos do evento haberá varios cociñeiros do Grupo Nove como Manuel Costiña, do Retiro da Costiña de Santa Comba, e Miguel Angel Campos, do Restaurante A Gabeira de Ferrol. Grupo Nove converteuse nos últimos anos nun importante instrumento para difundir as virtudes da gastronomía galega no ámbito estatal e internacional.

Na presentación do evento “Estrelas Solidarias no Camiño”, celebrada hai uns días, a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, destacou que o evento pode celebrarse grazas a os irmáns Rial e o seu costume de practicar un dos valores que definen ao Camiño de Santiago: a hospitalidade.

Casa Barqueiro, o restaurante que posúen os irmáns Rial en Negreira, leva dende 2001 defendendo a gastronomía galega tradicional e traendo a Galicia a grandes nomes da cociña española que acaban sendo seducidos pola gran calidade dos produtos que atopan aquí. Sen dúbida que o día 10 o evento servirá para reafirmar a posición dos profesionais da restauración en Galicia entre os mellores de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *