Os galegos cren que o polbo á feira é o prato máis representativo da gastronomía da comunidade. Así o reflicte un estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) que apunta que o 36,2% de galegos escollen o polbo á feira por diante do marisco (33,1%) e o cocido (17,4%). Por detrás, o 2% da poboación galega elixe os callos; un 0,7% o arroz; outro 0,7 o peixe; un 0,4% a fabada; e un 0,4% a tortilla.
A enquisa ‘Turismo e Gastronomía‘ foi realizada en cada unha das comunidades autonómas para descubrir as comidas típicas segundo os seus autóctonos pero, tamén, houbo preguntas comúns sobre a gastronomía española en xeral. Unha delas abriu un debate existente na nosa sociedade sobre a tortilla de pataca: debe levar cebola ou non?
Dise que hai dous tipos de persoas, as que comen a tortilla con cebola ou sen ela. A enquisa do CIS revelou unha clara postura.
A tortilla: con cebola e pouco feita
O 70,4% da poboación española considera que a tortilla de pataca debe levar cebola. Pola contra, só o 20,9% cre que non. O 53,9% ademais opina que debe facerse pouco feita, algo co que non concorda o 26,9% do restante dos 4.538 entrevistados. A tortilla de Betanzos encaixa á perfección cos gustos da maior parte dos españois sobre a maneira de cociñar esta comida tan querida na gastronomía.
Os españois prefiren a tortilla con cebola e pouco feita.
Con todo, a tortilla non foi elixida como o prato típico de España. Foi a paella, cun 48%, seguida da tortilla cun 25,4%; o 17,8% da poboación escolleu o xamón; moito máis atrás, o gazpacho andaluz, cun 2%; e só un 1,3% o marisco.
O CIS preguntou tamén polo uso “preferentemente” do aceite de oliva na gastronomía, e a resposta maioritaria foi un “si”, fronte a un 0,7% que opina o contrario. Ademais, o 85,4% dos españois prefiren os guisos antes que os fritos.
O 44,2% dos españois prefiren a carne ao peixe
O CIS preguntou tamén pola preferencia de carne ou peixe e case hai un empate. O 44,2% dos españois prefiren as carnes fronte ao 40,8% que escolle o peixe. Un 13,9% prefire a partes iguais estes dous produtos.
O que quedou reflectido na enquisa é a devoción da sociedade española pola súa gastronomía. Á cuestión sobre a mellor cociña do mundo, os enquisados tivérono claro: o 81,1% escolle a española, seguida da italiana e a francesa.
Deixa unha resposta