Pódense aproveitar os residuos do sector agrícola? Esa é a premisa da que partiu o proxecto APROAVI, que ten por obxectivo mellorar a competitividade das explotacións avícolas. Para iso, propón valorizar os excrementos das galiñas converténdoos en enerxías renovables —como o biogás ou o gas de pirólise— e en fertilizantes. Detrás desta iniciativa, que se presentou oficialmente este luns, está o Centro Tecnolóxico Energylab, ADEGAL, Silvares de Group S. Cooperativa Galega e o Centro Tecnolóxico da Carne.
Segundo explican os impulsores do proxecto, o incremento da produción avícola nos últimos anos provocou unha acumulación dun volume cada vez maior de residuos. “A súa xestión, o seu tratamento sostible e a aplicación de criterios de economía circular son fundamentais, non só para cumprir coas restritivas políticas medioambientais, senón tamén para incrementar a competitividade no sector”, indican.
Para o desenvolvemento do proxecto, as entidades participantes queren cumprir unha serie de obxectivos específicos. Entre eles, identificar e establecer as características dos principais residuos orgánicos xerados na comarca da Limia e da Baixa Limia. Así mesmo, maximizar a produción de biogas e comprobar a efectividade dos produtos obtidos durante o proceso, sobre todo como fertilizantes para o cultivo da pataca e do trigo.
Este proxecto, que abrangue dende o 1 de xullo de 2022 ata o 1 de outubro de 2024, está subvencionado a través do procedemento de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feder) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Deixa unha resposta