As mascotas son parte da nosa vida e coidalas non só é a nosa responsabilidade, se non tamén un exercicio de amor correspondido. Unha alimentación equilibrada e saudábel é un piar fundamental deses coidados e con este horizonte irrompe hai menos dun ano no mercado nacional e internacional do petfood, e con selo galego, o primeiro iogur para cans e gatos (YowUp) comercializado pola firma Dairypet SL.
Trátase dunha iniciativa liderada por Pablo Gómez e Andrés Olmedo, que foi seleccionada para participar na V Edición BFFood. Business Factory Food é aceleradora vertical do sistema alimentario galego que impulsa Clusaga e a Xunta de Galicia co fin de atraer e dar soporte a proxectos innovadores de emprendemento que dean resposta ás novas demandas da industria alimentaria cun enfoque global.
O proxecto YowUpMilk é un dos 10 elixidos para o programa de aceleración BFFood nesta edición, ademais doutros catro encadrados no programa de consolidación. Ao abeiro do programa terán, durante nove meses, acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios ad hoc para avanzar na extensión de novos produtos lácteos fermentados para mascotas baixo o paraugas YowUp, con fórmulas adaptadas as súas necesidades nutricionais, cunha vida útil de 18 meses e que non precisen frío para o seu mantemento.
“Queremos seguir desenvolvendo o noso proxecto desde Galicia” PABLO GÓMEZ, CEO-fundador de Dairypet
“E unha gran oportunidade para seguir innovando e desenvolver novos produtos lácteos adaptados ás necesidades de cans e gatos, coas particularidades dun mercado do petfood moi esixente tanto na súa loxística como na aposta polo valor engadido” explica Pablo Gómez, CEO-fundador de DairyPet. Para calquera startup, engade, desenvolver produtos novos “é moi caro e lento, pois innovar non só consiste en definir a oportunidade de mercado e consumidor, senón analizar a viabilidade desde un punto de vista industrial, loxístico e comercial”.
Á hora de poñer en marcha o proxecto YowUpMilk, e como xa fixeron no chanzo anterior, dirixen a mirada cara o mundo anglosaxón, a países como Irlanda, Estados Unidos e Australia, que son potencias lácteas e con moitos máis desenvolvementos de produtos lácteos adaptados tanto nutricionalmente como en formatos de conveniencia ao petfood. Unha busca de inspiración con retorno. “Queremos seguir desenvolvendo o noso proxecto desde Galicia e principalmente para o mercado nacional e europeo e onde estea por construír, unha nova categoría, a de complementos da alimentación principal para mascotas” subliña Pablo Gómez.
Explotacións gandeiras galegas son as subministradoras da materia prima (leite) de YowUp, un feito do que presume a compañía que ten na “proximidade” un dos seus valores identitarios.
“Innovar non só consiste en definir a oportunidade de mercado e consumidor, senón analizar a viabilidade desde un punto de vista industrial, loxístico e comercial” PABLO GÓMEZ, CEO-fundador de Dairypet
Malia a súa corta idade, o seu nome xa é recoñecido no crecente mercado da alimentación complementaria para mascotas, grazas a súa gama de iogures naturais, ricos en calcio, con 0% de materia graxa, sen lactosa e sen azucre e con prebióticos certificados por veterinarios para a saúde intestinal de cans e gatos: axuda a dixestión dos animais e mellora a súa flora intestinal.
A aposta por este snack lácteo estivo precedido dun estudo de mercado e outro de palatabilidade (cata) en Francia, na que participaron 400 cans e outros tantos gatos, para avaliar o grado de aceptación do produto polos potenciais “consumidores” e os beneficios para a saúde que lles achegaban.
“Queremos ser un operador de referencia desenvolvendo produtos naturais con base láctea, principalmente fermentados, sempre complementarios á alimentación principal das nosas mascotas, sexa esta seca ou húmida. Produtos que lle acheguen de maneira natural funcionalidades para mellorar a súa saúde, e tamén que melloren o sabor, a palatabilidade e a humidade do seu menú diario” explica.
En liña coa BFFood traballarán a prol de ampliar a oferta “tanto a outros tipos de texturas, que continúen mantendo unha alta porcentaxe de humidade, palatabilidade e sabor, e tamén noutros novos formatos, para abarcar diferentes momentos de consumo” conclúe o CEO de Dairypet
Deixa unha resposta