Obxectivo, recuperar o pan de millo galego: o plan para seleccionar a mellor variedade

A Misión Biolóxica e a cátedra do Pan da USC impulsan un estudo para recuperar o cultivo de variedades de bo rendemento agronómico

Espigas de millo amarelo da variedade autóctona Tui. Foto: CSIC

O pan de millo é un produto tradicional galego cuxo consumo diminuíu e, con el, o cultivo de variedades autóctonas. Con todo, as novas tendencias nos hábitos de consumo retoman a necesidade de volver traballar con este tipo de pan. O problema é que a perda de patrimonio vexetal autóctono obriga a emplear para a súa fariñas de variedades procedentes de Francia ou Portugal.

Co obxectivo de romper ese círculo vicioso naceu o proxecto Variedades locais de millo para obter un pan de millo de calidade, que busca retomar a necesidade de traballar con este tipo de alimento. “Deseñamos un proxecto para obter millo autóctono de calidade, protexer variedades autóctonas, recuperar o cultivo de millo como alternativa de rotación e fomentar o consumo de fariñas de baixo índice de glute”, resume Manuel da Cunha, empresario do sector, que participa no plan xunto ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Un plan en dúas fases

O plan desenvolveuse en dúas fases. En primeiro lugar, acometeuse unha selección de variedades de millo a partir das calidades agronómicas e cada unha. Para iso, durante as campañas 2020 e 2021 levouse a cabo o cultivo, análise e selección de variedades de millo planificable, por parte do grupo Xenética e Mellora de Millo da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o organismo do CSIC que participa no proxecto. Despóis, fixéronse ensaios agronómicos nos que se avaliaron 14 variedades de millo amarelo, branco e negro do banco de xermoplasma da MBG, un gran depósito creado en 1970 e que alberga un centenar de variedades galegas.

As variedades para avaliar seleccionáronse baseándose nos estudos previos realizados no organismo do CSIC. Os ensaios realizáronse durante dúas campañas nas localidades de Ribeira, Carral, Pontevedra, Ponte Caldelas e Xinzo de Limia. “Das variedades amarelas os mellores rendementos obtivéronse coa Osoro, cun rendemento medio de 7 toneladas por hectárea na campaña de 2021, pero non diferiu da poboación Tui, con menor humidade en recolección, o que facilita a conservación e procesamento do gran. Houbo tres variedades brancas que tiveron un rendemento similar polo que a elección baseouse nas probas de calidade da fariña e do pan. En canto ás variedades de millo negro, Oubiña Negra ten un rendemento moi bo superando as 8,5 toneladas por hectárea nas localidades de Ponte Caldelas e Pontevedra”, explica Rosa Ana Malvar, xefa do grupo Xenética e Mellora de Millo da MBG.

A elección de variedades adaptadas a distintos ambientes axudará a diversificar o campo galego e a facelo máis rendible e sostible

Nunha segunda fase, analizáronse os parámetros de calidade da fariña de millo e do pan de millo. O pan elaborouse nos obradoiros de Panadería Da Cunha e a análise da calidade das fariñas e os pans levouno a cabo a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Cátedra do Pan e do Cereal. As análises de calidade indicaron que a variedade amarela Tui ten tamén moi boa calidade panadeira. En canto ás poboacións brancas, Rebordanes foi a elixida entre as que tiñan un comportamento agronómico similar. De Oubiña Negra aínda non se coñecen todos os parámetros de calidade, aínda que os primeiros resultados indican un gran parecido con Carballeira, outra variedade de millo negro pero de menor rendemento agronómico.

Con todo, o principal logro é a elección de variedades de millo de distintas características adaptadas a distintos ambientes, o que axudará a diversificar o campo galego facéndoo máis rendible e sostible. Este é un dos obxectivos de AGROFOR unha Plataforma Temática Interdisciplinar do CSIC que serve de foro a investigadores e empresas que pretenden optimizar os sistemas agrarios e forestais. “A cooperación con Panadería Dá Cunha, no marco dos proxectos piloto da Xunta de Galicia, é un exemplo claro do potencial da colaboración público-privada” destaca Rosa Ana Malvar.

Cultivo ecolóxico e convencional

Ademais, o proxecto permitiu estudar o comportamento das poboacións en cultivo ecolóxico versus convencional. “Polo momento, os mellores rendementos prodúcense cultivando de forma convencional, polo que hai que optimizar o manexo ecolóxico para obter unha produción rendible e sostible”, avanza Malvar.

No proxecto piloto, co-financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, elaboráronse pans a partir das variedades seleccionadas, o que permitiu coñecer as características organolépticas, nutricionais e físicas do produto. “Con estes resultados pretendemos contribuír a fomentar un cultivo de variedades de millo panificable e sustentable, recuperando deste xeito a aposta por un produto tradicional como o pan de millo”, indican dende as entidades involucradas no plan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *