A finca de experimentación con viñedo da que dispón a USC no monte Cristo de Portomarín replica dalgún xeito as diversas problemáticas e potencialidades que conforman a singular idiosincrasia da viticultura heroica da Ribeira Sacra. Baixo a coordinación do grupo de investigación Viticultura e Sanidade Vexetal emprazado na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, esta finca achega a potencialidade dun laboratorio de experimentación que contribúe a satisfacer as necesidades docentes e de investigación e innovación implícitas na propia actividade universitaria.
O ‘viñedo experimental’ existente en Portomarín e incluído no territorio que abrangue a Denominación de Orixe Ribeira Sacra constitúe unha certa singularidade no contexto da universidade española, aínda que responde a unha necesidade advertida desde o grupo de investigación en Viticultura e Sanidade Vexetal USC. Os investigadores deste equipo, integrado por Cristina Cabaleiro, Antonio Segura Iglesias e Julián García Berrios admiten dicotomías entre os obxectivos científicos e os intereses produtivos ou da propiedade, pero aínda así defenderon sempre que determinadas actuacións dentro do ámbito experimental esixen un mínimo de control e coñecemento das plantas e do territorio, ademais de información de primeira man sobre parcelado e manexo destas condicións, segundo indica Julián García Berrios.
Unha aventura de dúas décadas
Este docente e investigador da EPS de Enxeñaría da USC lembra como “unha aventura” o complexo proceso iniciado hai xa máis de dúas décadas para a disposición deste espazo de usos docentes e de I+D no monte Cristo de Portomarín, un recurso pouco menos que necesario para un campus universitario estreitamente ligado coas prácticas agroalimentarias, pero que non goza da tradición nin da sensibilidade suficiente por parte das distintas administracións. Esta realidade, diferente da xestión dun laboratorio, subliña, incrementa as trabas burocráticas e as dificultades de financiamento para manter as instalacións nun estado óptimo para o desenvolvemento de accións de I+D+i.
Na parcela hai plantacións de alta densidade que rerproducen problemas comunes en toda a Ribeira Sacra
García Berrios, que deu conta destas reflexións na última reunión do padroado que rexe a propiedade e os usos desta finca de experimentación con viñedo, no que están representados tanto o grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela como o Concello de Portomarín, agradeceu o compromiso anunciado polo goberno local de acometer traballos de limpeza e acondicionamento dunha parcela outrora baldía e na que hoxe en día hai plantacións de viñedo de alta densidade que reproducen problemáticas semellantes ás rexistradas en toda a Ribeira Sacra. As características orográficas do territorio e a xestión manual destes viñedos fan precisa a disposición de maquinaria e de solucións tecnolóxicas específicas para garantir a sustentabilidade dunha viticultura condicionada polo relevo e xestionada fundamentalmente de xeito manual.
A investigadora da USC na EPS de Enxeñaría Cristina Cabaleiro fai tamén un balance moi positivo da disposición deste espazo docente e de I+D+i e estende os beneficios tanto ao ámbito académico como aos propios viticultores e empresas do sector. Daquela, Cabaleiro relata que a finca localizada no monte Cristo de Portomarín posibilitou facer algunhas secuencias de proxectos relacionados con enfermidades de tipo vírico, traballos relacionados coa xestión do viñedo, tanto a nivel de manexo de solos como de vexetación adventicia, novas tecnoloxías de xestión, material vexetal vitícola orixes e combinacións, marcos de plantación e xestión da vexetación da espaldera, dosel foliar… Ademais desta bagaxe científica, este campo de experimentación con viñedo, engade, permite unha observación clara e directa de problemas de tipo fitosanitario e fisiolóxico ou fisiopático que poden rexistrarse na xestión do viñedo Atlántico, de montaña e, en particular, da Ribeira Sacra.
Variedades galegas
As pescudas desenvolvidas polos investigadores da USC na finca de experimentación con viñedo localizada en Portomarín están relacionadas fundamentalmente con variedades de orixe galega, aínda que tamén se abordan outras problemáticas de proxección máis xeneralizada que permiten albiscar por onde vai ir o futuro do sector vitivinícola. Alén de salientar a íntima integración co territorio, García Berrios tamén pon en valor a importancia deste espazo de experimentación cara á formación do alumnado e dos propios docentes, convertidos en cultivadores directos. O grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal da USC, engadiu, intenta ademais implicar ao alumnado no ámbito da vitivinicultura a través de procesos de investigación e dos propios TFG, pero tamén coa posibilidade de completar estadías prácticas en empresas.
A organización de visitas de alumnado de grao e mestrado e tamén procedente doutros centros educativos alleos á USC á finca experimental con viñedo de Monte do Cristo é outra das vantaxes que reporta esta dotación ao estudantado universitario, que pode así participar directamente na xestión da finca, avaliar a evolución climática e fenolóxica e, en definitiva, aprende xeito práctico e sobre o territorio. De xeito parello á formación, aínda que cun menor nivel de intensidade, García Berrios sitúa a divulgación, unha faceta que se desenvolve a través da organización de sesións informativas sobre temáticas específicas e con periodicidade aleatoria e que se complementa coa atención a todos os viticultores que se achegan a solicitar información e mesmo con colaboracións específicas, tal e como a que se mantén coa adega Scintilla.
Deixa unha resposta