Melloran a saúde os impostos sobre as bebidas azucradas?

Os autores analizan o impacto dos impostos no consumo das bebidas con azúcar engadido

Os autores analizan o impacto dos impostos no consumo das bebidas azucradas. Foto: Pixabay.
The Conversation

The Conversation é unha fonte de noticias e análises escritos pola comunidade académica e investigadora e dirixida directamente á sociedade.

Un artigo de Beatriz González López-Valcárcel e Toni Mora para

 

Desde hai poucos anos creáronse impostos específicos sobre as bebidas con azucre engadido en múltiples lugares do mundo como Francia, México, Reino Unido, algúns estados ds Estados Unidos e máis recentemente, en Cataluña.

Son impostos “sobre o pecado”, destinados a eliminar as externalidades financeiras. Noutras palabras, pretenden que “o que a fai, que a pague”. Non hai que esquecer que todos pagamos cos nosos impostos o tratamento das enfermidades asociadas á obesidade, e as bebidas azucradas son unha das principais fontes de “calorías baleiras” nos países desenvolvidos.

Tamén son impostos paternalistas que tentan mellorar a saúde, como ben supremo a tutelar, forzando cambios de comportamento. Fai falta dado que, en España, o 37% dos adolescentes entre 15 e 19 anos toma refrescos azucrados tres ou mais días por semana, segundo a Enquisa Nacional de Saúde de 2017 (ver PDF).

Agora ben, como son taxas de recente creación, existen poucos estudos que avalíen o seu impacto sobre o consumo de refrescos, sobre o consumo de azucre e sobre a saúde.

A experiencia catalá

O imposto catalán entrou en vigor o 1 de maio de 2017 e é unha copia do implementado no Reino Unido. Grava o azucre engadido con 8 céntimos de euro por cada 100 ml para as bebidas que teñen 5-8 gramos de azucre por 100 ml. E con 12 céntimos de euro por cada 100 ml para as que teñen maior contido de azucre.

Recádase por parte dos vendedores, aos que se obriga a trasladar ao prezo o 100% do imposto. Os prezos subiron unha media do 15%. Aínda que todas as bebidas azucradas artificialmente están suxeitas, os refrescos carbonatados (colas e outros) son os máis afectados, polo seu volume de vendas sobre o total do grupo.

De momento, catro traballos científicos avaliaron o impacto do imposto catalán sobre o consumo de refrescos.

O primeiro, de Royo-Bordonada e colaboradores, estaba baseado en enquisas a 1.929 persoas entre 12 e 40 anos que viven en barrios pobres de Barcelona e Madrid (estes xogan o papel de grupo control). As enquisas fixéronse un mes antes e un ano despois da entrada en vigor do imposto en Cataluña. Revelaron que a porcentaxe de consumidores habituais de refrescos azucrados caeu un 39%, debido principalmente ao prezo, e que non hai efecto substitución.

O segundo, de Vall e López-Casasnovas, utilizou datos agregados semanalmente do consumo de colas e auga dunha cadea de supermercados (10% da taxa de mercado global de alimentación). E acusou unha redución de vendas do 7,7%, con substitución de consumo cara a bebidas sen azucre e heteroxeneidade nos cambios de comportamento.

Concretamente, o imposto foi máis efectivo nas áreas con maior prevalencia de obesidade, nas máis ricas e para as bebidas que máis azucre engaden. Conclusión: o imposto é efectivo.

O terceiro estudo, de Puig, Pinilla e Puig, utilizou series temporais mensuais agregadas de vendas nas comunidades autónomas, desde xaneiro do 2013 a xuño de 2019, diferenciando entre as bebidas azucradas e as que non teñen azucre. O resto de España fixo o papel de “control” no deseño.

Os autores chegaron á conclusión de que ao imposto pódese atribuír unha redución significativa de consumo de colas azucradas (12,1%), sen que sexa significativo o efecto substitución.

O noso estudo, publicado recentemente, analiza os datos dos millóns de tickets de compra dos case 900.000 clientes habituais dunha gran cadea de supermercados desde un ano antes ata un ano despois da entrada en vigor do imposto. Ademais de que comprende datos de tendas en España onde o imposto non está presente. A vantaxe é que eses datos tan desagregados permiten comparar no tempo a cada familia consigo mesma.

Tamén comprobamos que tivo lugar unha redución do consumo de bebidas azucradas e substitución por outras sen azucre, pero o efecto neto sobre o azucre total consumido (e por tanto, sobre a saúde) é pequeno, de apenas un 2,2%. Con todo, algunhas categorías de bebidas mostraron reducións de consumo maiores (6,4% nas compras de colas, do 4,1% en refrescos, do 3,9% nos zumes de alto contido en azucre e do 3% en batidos).

Un imposto que busca non recadar

Que podemos concluír? Primeiro, e o mais importante, é que, a diferenza dos demais impostos, que buscan recadar mantendo no posible a neutralidade, é dicir, sen distorsionar o mercado, estes buscan non recadar. Son instrumentos das políticas de saúde, e non de políticas fiscais. O seu maior éxito sería non ingresar nada. Porque significaría que os consumidores abandonan os produtos nocivos por outros máis saudables.

En segundo lugar, os impostos sobre as bebidas azucradas teñen gran potencial, pero requiren outras medidas complementarias así como maior visibilidade.

Non abonda con que suba o prezo: debería aparecer por separado no ticket o imposto que se paga, como o IVE. Fundamentalmente porque este imposto ten un importante papel para educar e sinalar o dano á saúde.


* Beatriz González López-Valcárcel é catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión na Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, e Toni Mora é catedrático de Economía Aplicada na Universitat Internacional de Catalunya.

Cláusula de divulgación: Beatriz González López-Valcárcel non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado. Toni Mora é voluntario de Demócrates de Catalunya.
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *