Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo ligados ao equipo de Fertirrigación e Necesidades Hídricas de Cultivos do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC optimizan o sistema de rega do lúpulo e precisan as cantidades de auga que precisa este cultivo en aras a favorecer as colleitas e mellorar a calidade da produción. As pescudas desenvolvidas neste eido desde a USC encádranse no marco do proxecto ‘Innovacións no cultivo de lúpulo en España’, unha actuación promovida polo Grupo Operativo Lúpulos de Calidade, no que PROePLA participa xunto coa Sociedade Agraria de Transformación Lúpulos de León, a cooperativa agrícola galega Lutega e diversos grupos de investigación da Universidade de León, e Neiker (País Vasco).
Os resultados deste proxecto do Grupo Operativo Lúpulos de Calidade, un ente no que ademais dos socios empresariais antes citados, tamén participan como centros de investigación o Itacyl da Universidade de León e o CIAM-AGACAL da Xunta de Galicia, ademais da empresa Hopsteiner, presentaranse este martes nun simposio virtual no que intervirán Belén Matilla, Juan Valladares, Javier Fraite e os profesores da USC na EPS de Enxeñaría Benjamín J Rey e Javier J. Cancela.
A implicación da USC neste proxecto arredor do cultivo do lúpulo traduciuse no desenvolvemento de diversos ensaios de manexo da rega en parcelas de lúpulo en sistema convencional, unha actuación que permitiu determinar o estado da auga no solo ao longo de diferentes campañas.
As pescudas realizadas polos investigadores da USC determinaron a evolución do contido de nutrientes na planta (macro e micro), unha información que, a través da fertirrigación, posibilita optimizar o abonado e facer aportes concretos á planta en función das súas necesidades. A precisión dos resultados obtidos nestas pescudas resultan de especial interese para o lúpulo, dado que o seu cultivo é moi sensible á cantidade de auga dispoñible en todas as fases de crecemento.
Javier J. Cancela sinala que o coñecemento sobre o manexo da rega é un parámetro clave de cara a obter unha produción de lúpulo de calidade e en cantidade apropiada. A disposición desta información constitúe tamén unha ferramenta acaída para facer viables as actuais explotacións, ao tempo que permite recuperar o potencial produtivo do lúpulo en Galicia, tal e como ocorría ao longo da primeira metade do século XX.
A USC acometeu, ademais do estudo do comportamento do lúpulo en convencional, a análise da adaptación deste cultivo en orgánico en Lalín, nas variedades Nugget, Perle e Columbus, un traballo que deparou a obtención de producións rendibles coa menor intervención posible no que atinxe a custos de manexo e uso da rega.
Os resultados desta última liña de investigación poden resultar especialmente proveitosos para as pequenas fábricas de cervexa artesá que desenvolven produtos de alta calidade e ben diferenciados, aspectos que están a experimentar unha importante mellora a nivel mundial nos últimos anos e nos que Galicia tampouco se queda atrás, conclúe Cancela.
Deixa unha resposta