Isto engorda: Cear tarde, facer vida nocturna e usar o móbil antes de durmir

A catedrática de Fisioloxía Marta Garaulet analiza o impacto dalgúns hábitos nos ritmos circadianos do organismo

O uso do teléfono e outros hábitos poden alterar o funcionamento do metabolismo. Foto: Pixabay.

* Un artigo de

Estamos habituados a escoitar os beneficios de madrugar ou de ter unha rutina específica de sono ou de comidas. Pero aplícanse estas vantaxes a todos e todas por igual? Un dos factores que interveñen é o cronotipo de cada persoa. Isto é a predisposición natural de experimentar picos de enerxía ou momentos de descanso segundo a hora do día. É distinto en cada persoa.

Bufos e lavercas

Cando se lles dá a elixir, hai persoas que mostran unha preferencia por realizar as súas actividades pola mañá. Estas tenden a almorzar e comer ou cear pronto, polo que presentan un cronotipo “matutino”. En linguaxe coloquial chámaselles tamén “lavercas”.

Doutra banda, outros individuos prefiren realizar as súas actividades pola tarde ou noite. Estes individuos presentan un cronotipo nocturno e denomínaselles “vespertinos ou nocturnos”. En linguaxe coloquial serían “bufos”.

Con motivo do pasado Día Mundial da Obesidade, repasamos unha batería de sete artigos publicados durante o ano 2020 polo noso grupo de investigación da Universidad de Murcia. Estes mostran que ter un cronotipo nocturno e cear tarde, engorda, dificulta a perda de peso e aumenta os factores de inflamación e de risco cardiovascular.

Cronotipo nocturno e aumento de triglicéridos

A sociedade actual é eminentemente matutina, xa que a maioría das actividades laborais, os colexios, etc. empezan pola mañá. Por iso, ser de cronotipo nocturno pode ser un inconveniente. Estas persoas de tipo “bufo”, que xeralmente prefiren realizar as súas actividades pola tarde ou noite, adoitan estar menos integradas nos horarios que marca a sociedade cós de tipo “laverca” ou matutinos.

Así, o estudo que levamos a cabo na Universidad de Murcia (España), xunto coa Universidad Autónoma de Querétaro (México), mostrou que, en adultos novos, os cronotipos nocturnos teñen un maior risco cardiometabólico e máis alteracións lipídicas en comparación cos cronotipos matutinos. A investigación realizouse en 2223 mozos de 18 a 29 anos que procedían de dúas poboacións independentes: 525 suxeitos de España e 1698 suxeitos de México.

Os mozos e mozas tipo “bufo” presentaban un aumento de triglicéridos en sangue, tanto en España como en México. Ademais, entre a poboación mexicana, os cronotipos vespertinos mostraron maior obesidade e un maior risco de presentar síndrome metabólico. Este caracterízase por ter un maior perímetro de cintura, diminución das concentracións de colesterol unido ás lipoproteínas de alta densidade (cHDL), elevación das concentracións de triglicéridos e aumento da presión arterial e hiperglucemia.

Por outra banda, cando analizamos os hábitos alimentarios destes mozos, os cronotipos nocturnos mostraron unha forma de alimentación menos saudable que os cronotipos matutinos. Nos mozos españois observouse un menor consumo de carbohidratos complexos e maior inxesta de graxas, mentres que nos mexicanos apreciouse menor consumo de fibra.

Un estudo anterior, realizado tamén polo noso grupo, mostrou que ser de cronotipo nocturno ou diúrno estaba condicionado polos nosos xenes, é dicir, que se nace laverca ou bufo. Con todo, o risco metabólico asociado poñémonolo nós, é dicir, deriva dos nosos hábitos de vida, que adoitan ser peores entre os cronotipos nocturnos que nos diúrnos.

Nenos bufo

En nenos e nenas de idade escolar de 8 a 12 anos, o cronotipo nocturno tamén se asociaba con alteracións metabólicas, tal e como sucedía en mozas. Os nosos resultados mostraron, de novo, que, en comparación cos nenos matutinos, os nocturnos tiñan máis sobrepeso.

Ademais, tal e como sucedía nos mozos adultos, o nenos “tipo bufo” presentaron un maior risco metabólico que os “tipo laverca”. Pero todo non era negativo para estes nenos nocturnos, xa que tendían a ser máis creativos e mostraban maiores habilidades para a arte, o cal quedou reflectido nas súas cualificacións.

Varios estudos constatan as diferenzas metabólicas entre as persoas de actividade diúrna e nocturna

 

 

 

 

Os distintos marcadores de saúde circadiana, é dicir, os ritmos diarios de temperatura, actividade e posición tamén eran peores nos nenos nocturnos, xa que presentaron menor amplitude, un indicador de peor saúde circadiana.

Ademais, os hábitos de vida eran tamén diferentes, pois os nenos de cronotipo vespertino presentaron maior actividade física pola noite, atraso no sono e un punto medio de inxesta máis tardío que os nenos matutinos.

Nenos bufo con “jet lag social” e problemas de sono

É interesante resaltar que os nenos nocturnos presentaron con máis frecuencia “jet lag social” que os que eran matutinos. Chámase así a unha situación que se produce cando hai grandes diferenzas entre o horario de sono da fin de semana e o horario dos días laborais. Isto, en adultos, asociouse a distintas enfermidades metabólicas, risco cardiovascular e cancro. En nenos observamos que se asocia a sobrepeso ou obesidade.

Tamén estaban expostos a unha maior intensidade de luz durante as dúas horas previas a ir durmir, debido ao uso de móbiles e tabletas. A intensidade da luz a tal hora é un factor relevante, xa que pode producir unha supresión da melatonina, a hormona da noite, dando lugar a un atraso do centro do sono. Esta situación comprobouse neste estudo realizado en 432 menores (metade nenos e metade nenas).

Os nenos que están con pantallas a tal hora da noite, ao día seguinte levántanse para ir ao colexio xusto cando se atopan na fase do sono máis restaurador, polo que adoitan estar cansos e adormentados durante todo o día.

Consecuencias de cear e comer tarde

En nenos tamén se comprobou que cear tarde promovía alteracións metabólicas e obesidade. Os que o facían habitualmente tiñan máis probabilidades de ter sobrepeso ou obesidade e maior circunferencia da cintura. Ademais, presentaban marcadores inflamatorios (como a interleukina 6 e a proteína C reactiva) máis elevados que os que ceaban pronto.

En adultos, ademais, estudamos como afectaba atrasar todas as comidas do día. Para iso, fixemos seguimento de 3362 adultos que acudían a cinco centros de adelgazamento en España e que seguían a dieta mediterránea. Calculouse o punto medio de inxesta entre o almorzo e a cea.

Os resultados mostraron que os que comían máis tarde (tiñan o punto medio de inxesta despois das 3 da tarde aproximadamente) tiñan un peso corporal máis alto, concentracións superiores de triglicéridos e unha menor sensibilidade á acción da insulina en comparación cos que comían antes.

Ademais, os que comían tarde perdían aproximadamente un quilo e medio menos de peso durante o tratamento de adelgazamento que quen facía a inxesta máis temperán. Tamén tiñan máis dificultades para perder peso e menos motivación.

Por que cear tarde engorda?

Quixemos entender por que comer ou cear tarde se asociaba cun maior grao de obesidade e menos perda de peso nun tratamento de adelgazamento. Para iso, fixéronse biopsias abdominais de tecido adiposo de 18 participantes con obesidade severa que se someteron a bypass gástrico para tratar a súa obesidade.

E analizamos os ritmos de 24 horas da actividade da encima responsable da mobilización de graxa do tecido adiposo que se produce cando adelgazamos, é dicir, a lipasa sensible a hormonas ou HSL.

Os resultados mostraron que a actividade de HSL variaba durante o día e a noite, sendo a súa actividade maior a medianoite. Vimos que os participantes que adoitaban estar en xaxún (polo menos 12 horas) durante a noite (ceando ás 9 da noite e almorzando ás 9 da mañá) mostraban case o dobre de amplitude no ritmo de actividade de HSL que aqueles con xaxúns nocturnos curtos. Isto implicaría unha mellor e maior mobilización de graxa do tecido adiposo.

Doutra banda, os que ceaban cedo (aqueles que ceaban antes das 10 menos cuarto da noite), presentaron unha maior amplitude do ritmo que os cenadores tardíos e, por tanto, maior mobilización de graxa. Este estudo axúdanos a entender, en parte, por que as persoas con maior xaxún nocturno e que cean antes, adelgazan máis nun tratamento de perda de peso, xa que a actividade da HSL é maior e por tanto teñen máis facilidade de mobilizar graxa.

En conclusión, cear tarde, ter o cronotipo nocturno e o uso do móbil pola noite engorda e aumenta o risco de sufrir enfermidades metabólicas. En especial aqueles que utilizan o móbil ou pantallas durante as dúas horas antes de ir á cama. Sorprende que esta situación non só se produce en adultos senior senón tamén en mozos e en nenos de idade escolar.

*Marta Garaulet Aza é catedrática de Fisioloxía da Universidad de Murcia.

Cláusula de divulgación: Marta Garaulet Aza recibe fondos del Ministerio de Educación y Ciencia de España, del National Institute of health de EEUU y de la Fundación Séneca en la Región de Murcia para realizar sus investigaciones

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *